Avanzan na nova lei contra os incendios forestais e na de montes veciñais de Galicia

Medio Rural presenta no Consello Forestal as directrices da nova norma contra incendios que quere aprobar este ano. Pide a colaboración do sector forestal para abordar a reforma da lei de montes veciñais. O 2021 péchase con 138 incendios forestais, a mellor cifra ata momento

Avanzan na nova lei contra os incendios forestais e na de montes veciñais de Galicia

Os lumes forestais foron o eixo central da primeira reunión do ano do Consello Forestal, celebrada este martes e presidida, de xeito telemático, polo conselleiro de Medio Rural José González, e na que tamén participaron o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e o de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez. O encontro serviu para poñer de relevo tanto o balance dos incendios do 2021 como as directrices que se empregarán na elaboración da nova lei antiincendios na que traballa o executivo galego e que queren ter aprobada neste 2022.

O de 2021 pasa por ser o ano con menos incendios forestais dende que se levan a cabo rexistros históricos, tal e como se detallou no Consello. Así, contabilizáronse un total de 138 incendios, entendendo como tal os lumes que afecten a unha superficie arborada maior de 0,5 hectáreas ou máis de 1 hectárea de monte raso. En concreto, o total destes incendios afectaron a unha superficie de 4.405.68 hectáreas. Aínda que o número total de lumes forestais contabilizados o ano pasado nos montes galegos ascende a preto de 1.000.

Con todo, pese a estar a reducirse o número de lumes forestais nos últimos anos está a incrementarse a súa perigosidade debido en gran medida pola acumulación de biomasa dos montes, tal e como sinalou José Antonio de Vega, ex-investigador do Centro de Investigacións Forestal de Lourizán e que que agora coordina os grupos de traballo creados para a elaboración da lei de loita contra os incendios. 

Outro dos eixos que centraron a reunión do Consello foron as directrices para a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais, que foron avaladas tanto polo Servizo de Prevención e Defensa contra o lume como polas universidades. De feito, son froito dun proceso participativo coordinado pola Universidade Vigo no que interviñeron máis de 200 persoas.

Estas directrices establecen, entre outros principios, a distribución competencial na loita contra o lume. Así mesmo, fundamentan que o sistema galego de loita integral contra os incendios debe basearse nunha estrutura profesionalizada, composta principalmente por persoal propio da Consellería do Medio Rural complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses. Ademais, márcase a necesidade de configurar equipos especializados específicos para a intervención nos grandes incendios e na súa análise posterior, así como dunha definición máis pormenorizada da figura do director técnico de extinción, que debe contar cun equipo de apoio.

Do mesmo xeito, as devanditas directrices que definen o sistema deben distinguir entre a planificación preventiva e a execución das tarefas de prevención en sentido estrito, e tamén deben contemplar a extinción e a restauración e recuperación dos terreos afectados polos lumes.

A maiores, esta norma debe tamén recoñecer o papel fundamental das brigadas específicas dedicadas á investigación, avalando deste xeito a creación da UIFO, e que ten que coordinar os seus contidos cos das leis de montes e de recuperación da terra agraria, tomando como concepto clave o da xestión do territorio, para acadar esa efectiva anticipación ao lume.

Paisaxes cortalume
As directrices da lei integral fronte ó lume definen figuras como as paisaxes cortalumes, que buscan a xeración de descontinuidades na biomasa e que inclúen as áreas e polígonos cortalume da Lei de recuperación, así como as agrupacións forestais de xestión conxunta ou as redes de faixas de xestión da biomasa. Tamén se contempla o concepto de paisaxe en mosaico. Así mesmo, cómpre apuntar que a norma busca dar un impulso decidido á xestión das faixas secundarias -arredor dos núcleos de poboación- mediante a actividade agrogandeira e a plantación de frondosas.

Futura lei dos montes veciñais

A Xunta tamén someteu á consideración do Consello Forestal de Galicia as previsións relativas á revisión do marco normativo que regula os montes veciñais en man común (MVMC). Dende a Consellería de Medio Rural solicitaron a colaboración de tódolos entes que integran dito Consello Forestal para definir os aspectos nos que cómpre afondar nesta revisión da norma.

“O anuncio dun proceso participativo para mellorar a lei de montes veciñais e que se continúe avanzando na lei contra incendios que xa contou coa colaboración das entidades do sector é moi importante”, valora Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia. Nesta mesma liña, dende a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) o seu presidente Jacobo Feijoo apuntaba a que “estaremos moi atentos a esta revisión da lei de montes veciñais polo importante abandono que sufren estes montes e as oportunidades que poden ofrecer para incrementar a base territorial das explotacións para extensificar a produción galega de carne e leite, xa que é tamén un xeito de contribuír á prevención de incendios”, destaca.

Como indican dende Medio Rural, esta mellora prevese dentro dos contidos do Plan Forestal de Galicia, en eixos como os do desenvolvemento lexislativo e as iniciativas de activación da xestión forestal privada. Así, neste último apartado establécese un programa de dinamización da xestión en montes veciñais en man común que ten por obxecto avaliar a súa situación administrativa e dinamismo de xestión, identificando os puntos clave que a dificultan e establecendo medidas que promovan a reactivación da xestión das terras.

Así, na recentemente aprobada actualización do Plan Forestal enténdese, entre outras moitas consideracións, que se debe revisar a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. Isto, en especial, en aspectos coma o desenvolvemento de criterios para declarar o estado de grave abandono na xestión do monte e da figura de extinción da comunidade veciñal na xestión do monte, no réxime xurídico das comunidades e dos montes veciñais e a súa organización e funcionamento.

Tamén se propón reconsiderar a figura actual dos xurados provinciais de clasificación de montes veciñais en man común e a súa composición e afondar, así mesmo, na regulación dos actos de disposición e acordos asemblearios para a repartición de lotes ou sortes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información