Avanzan cifras récord da industria forestal e da madeira de Galicia

O sector rozou no último ano os 10 millóns de metros cúbicos de cortas e facturou arredor de 2.500 millóns de euros, segundo se expuxo na presentación da nova Axenda de Impulso da cadea da madeira

Avanzan cifras récord da industria forestal e da madeira de Galicia

Acto de presentación da Axenda de Impulso da Industria Forestal e da Madeira.

A industria forestal e da madeira acadou no 2021 algunhas cifras récord. A principal, por primeira vez rozáronse os 10 millóns de metros cúbicos de madeira cortada en monte, cun total provisional de 9,98 millóns de metros cúbicos, segundo os datos presentados hoxe. O sector rondou ademais un récord de 2.500 millóns de euros de facturación, un dato que se sitúa mesmo por riba da facturación do ano 2007, antes de comezara a gran crise do sector en Galicia.

As cifras déronse a coñecer na presentación da actualización da Axenda de Impulso da Industria Forestal e da Madeira, É un documento estratéxico, deseñado pola Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, que define os principais obxectivos e liñas de traballo do sector de cara ós próximos anos. Para a actualización da Axenda, que se presentou por primeira vez no 2019, realizáronse máis de 60 enquisas e 26 entrevistas presenciais con empresas do sector.

A actualización da Axenda, que se aprobará en Consello da Xunta no mes de marzo, chega nun momento de tensión de mercado no sector da madeira. A alta demanda de madeira está a xerar tensións no suministro da industria, con altos prezos en monte.

“Estamos ante un material de futuro, que seguirá gañando espazo en novas áreas (construción, fibras téxtiles, etc.), e para a industria será fundamental ter unha cadea de suministro curta”, analiza Juan Picos, director da Escola de Enxeñería da Universidade de Vigo, que participou conxuntamente con XERA na revisión da Axenda.

Catro liñas estratéxicas
A Axenda de Impulso da Industria Forestal e da Madeira divídese en catro piares estratéxicos: formación, investigación, cooperación entre o sector e competitividade, desenvolvemento e diversificación.

Son eixos nos que a Xunta proxecta investir nos próximos anos 58 millóns de euros, para un total de investimento do sector de arredor de 140 millóns de euros, segundo avanzou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo: “Haberá máis de 700 empresas beneficiarias”, pronosticou Feijoo, que salientou tamén o feito de que por primeira vez o sector forestal de Galicia se sitúa entre os cinco sectores da comunidade con maior potencial para atraer ós fondos de investimento, segundo a análise dunha consultora internacional.

O presidente da Xunta lembrou tamén os proxectos da Administración que aspiran a atraer fondos Next Generation, como a fábrica de fibras téxtiles, proxectada en colaboración con Altri, ou unha planta piloto de biorrefinería da madeira. A presentación da Axenda desenvolveuse hoxe na planta de Xilonor (Coirós, A Coruña), unha factoría especializada na fabricación de madeira contralaminada para construción. Participaron na presentación Juan Picos, da Uvigo, e Montse Rodríguez Ogea, directora de Innovación de XERA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información