O Consello da Xunta aprobou a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal de Alto de Castiñeira, situado entre os concellos de Ribadavia e Cenlle. A iniciativa supón un fito dentro das políticas de recuperación da terra agraria, ao converterse no primeiro polígono agroforestal promovido por iniciativa privada que recibe esta declaración, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.
O proxecto permitirá incorporar á actividade produtiva unha superficie de 11,58 hectáreas distribuídas en oito parcelas pertencentes a dez propietarios. O seu obxectivo é recuperar terreos que permaneceron abandonados ou infrautilizados nos últimos anos, favorecendo unha xestión máis eficiente do territorio e creando condicións axeitadas para o desenvolvemento de novas iniciativas agrarias.
A actuación prevé orientar a maior parte da superficie cara aos cultivos leñosos, especialmente ao viñedo, debido á súa localización dentro da área de influencia da Denominación de Orixe Ribeiro, unha das zonas vitivinícolas con maior tradición e recoñecemento de Galicia. Como actividade complementaria tamén se contempla o aproveitamento mediante pastos permanentes.
A declaración aprobada polo Goberno galego facilitará ademais a realización de permutas e outras actuacións destinadas a mellorar a estrutura da propiedade e a dimensión das explotacións, favorecendo unha utilización máis racional dos recursos agrarios. A medida busca contribuír non só á recuperación produtiva da terra, senón tamén á conservación da paisaxe, á prevención do abandono rural e á protección dos valores ambientais e patrimoniais do territorio.
Esta iniciativa enmárcase na estratexia da Xunta para impulsar a mobilización de terras mediante diferentes instrumentos de ordenación e aproveitamento do solo agrario. Na actualidade existen 29 polígonos agroforestais en distintas fases de desenvolvemento en Galicia, dos que 15 se localizan na provincia de Ourense.
En conxunto, estes proxectos permitirán recuperar para a produción máis de 5.000 hectáreas repartidas en máis de 23.000 parcelas, segundo os datos da Xunta. Ademais, a estas actuacións súmanse outras ferramentas como o Banco de Terras, as agrupacións de xestión conxunta ou os procesos de concentración parcelaria.
Galego









Control OJD