Avances para emitir créditos de carbono nos edificios construídos en madeira

A Fundación Arume preséntalle á Xunta unha proposta de metodoloxía para certificar o almacenamento de CO2 en produtos de madeira para construción, no marco do Mercado Voluntario de Créditos de Carbono impulsado en Galicia

Publicidade
Avances para emitir créditos de carbono nos edificios construídos en madeira

Fachada rematada en madeira termotratada. / Arquivo.

Os proxectos de construción en madeira feitos en Galicia poderán emitir créditos para o mercado voluntario de carbono, a razón de un crédito por cada tonelada de CO2 absorbida que se certifique, de xeito que a comercialización dos créditos se convirta nun valor engadido para toda a cadea forestal – madeira e para os propios promotores inmobiliarios.

A construción estrutural en madeira preséntase como unha vía de futuro para o almacenamento de carbono capturado da atmósfera. Por ese motivo, é unha das liñas que ofrece o Mercado Voluntario de Créditos de Carbono que impulsa a Xunta para certificar a absorción de carbono.

Trala publicación a finais do 2025 do decreto autonómico que activa o mercado, a Fundación Arume presentoulle á Consellería de Medio Ambiente unha proposta de metodoloxía para a certificación do almacenamento de carbono en produtos de madeira para construción.

A posibilidade de presentar propostas de metodoloxía, aberta pola publicación de decreto, levou a que a Fundación entregase no rexistro autonómico un documento que recolle un procedemento técnico estandarizado para a cuantificacdión, verificación e rexistro das absorcións de carbono asociadas ó uso de produtos de madeira na construción.

Cómpre lembrar que no marco das estratexias europeas de descarbonización da economía, para loitar contra o cambio climático, a madeira xoga un papel destacado. A súa capacidade para almacenar CO₂ en produtos de longa vida útil, así como o seu potencial para substituír a materiais que producen importantes emisións, como o aceiro ou o formigón, convértena nun elemento estratéxico.

A metodoloxía, desenvolta nos últimos meses por un equipo de traballo da Fundación, céntrase en definir as regras de contabilidade, medición, reporte e verificación para proxectos de construción en madeira en Galicia.

A proposta de metodoloxía da Fundación baséase en catro criterios fundamentais: cuantificación precisa e verificable, adicionalidade das absorcións (non derivadas de obrigas legais), a permanencia do almacenamento do carbono nun periodo mínimo de 35 anos e a sostibilidade.

Elixibilidade
Os produtos elixibles para integrar nos proxectos de construción en madeira inclúen madeira aserrada estrutural, vigas laminadas, paneis CLT, entramados lixeiros e taboleiros estruturais.

Como requisitos para a madeira, márcase que tódolos produtos deben dispoñer dunha Declaración Ambiental de Produto (DAP) ou documento equivalente, así como proceder de montes baixo un esquema de certificación de xestión forestal sostible (PEFC ou FSC).
O promotor ou operador é responsable de garantir unha permanencia mínima de 35 anos e a rastrexabilidade da información.

Cuantificación do carbono e emisións
O núcleo técnico da proposta da Fundación Arume oriéntase a determinar o Beneficio Climático Neto. Este beneficio calcúlase en base ás emisións asociadas ó produto e ó carbono almacenado.

As emisións deben cuantificarse de xeito independente ó longo de todo o proceso (operacións forestais, transporte a planta, fabricación industrial, transporte a obra e instalación). As fontes de datos válidas inclúen Declaracións Ambientais de Produto (DAP) verificadas, Declaracións de Impacto de Partida (BIS) ou datos de sistemas dixitais de rastrexabilidade.

En canto ó carbono almacenado, defínese en base a Declaracións Ambientais de Produto ou, en ausencia da mesma, calcúlase conforme á norma EN 16449:2014.

Cómputo final e adicionalidade
Dado que o emprego de madeira estrutural é ata o de agora unha gama de produto residual na construción, a adicionalidade das absorcións que representa é a clave do sistema.

Sostibilidade
Os proxectos deberán cumprir co principio ‘Do no significant harm’, garantindo que non impactan en obxectivos ambientais como a biodiversidade ou a prevención da contaminación.

Como garantía adicional de sostibilidade, proponse a figura do Crédito Ecosoc, que representaría unha etiqueta voluntaria para recoñecer a proxectos que, ademais do balance climático neto positivo, acrediten beneficios sociais e ambientais adicionais, como por exemplo a fabricación local en Galicia, entre outras opcións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información