Avances na posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia

A Consellería do Medio Rural anunciou que se impulsarán informes sobre custos e prezos nos eidos do leite, da carne de vacún, da uva ou da pataca, principalmente. Conseguir un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre axentes do sector produtor é un dos obxectivos

Avances na posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia

Imaxes da reunión para anunciar os informes que afectarán aos distintos sectores da industria agroalimentaria galega

A Consellería do Medio Rural comunicou avances sobre a posta en marcha do Observatorio da Cadea Alimentaria, un instrumento que procura mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, procurar un maior equilibrio e transparencia nas relacións entre os diferentes operadores e fortalecer o sector produtor. Un dos obxectivos que determina Medio Rural é conseguir uns prezos xustos, que cubran sempre os custos de produción. As primeiras medidas que se abordan son a creación de informes sobre os sectores clave da industria alimentaria galega.

No marco da posta en marcha desta nova ferramenta, reuníronse o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o conselleiro do Medio Rural, José González, quen apuntou que “o Observatorio vai facer especial incidencia na protección dos produtores para que poidan negociar mellor os seus contratos de venda e acaden un prezo que lles permita cubrir custos cunha marxe de beneficio”. Deste xeito, impulsaranse informes sobre custos e prezos nos eidos do leite, da carne de vacún, da uva ou da pataca, ademais doutras producións como o porco celta, a ovina-caprina, a castaña ou a mazá de sidra.

Da mesma maneira, na planificación deste instrumento, Medio Rural contempla a creación doutros informes sobre a caracterización e evolución dos principais sectores produtivos, sobre a innovación, a sustentabilidade ou a dixitalización, ou mesmo estudos sobre as actuacións inspectoras e de control de prácticas comerciais desleais, sobre a formación de prezos ao longo da cadea en determinados eidos e mesmo contratos tipo para a contratación alimentaria en diferentes sectores produtivos.

De novo, José González fixo fincapé en que “o novo Observatorio ten, entre os seus obxectivos, calcular os custos de produción dos distintos produtos alimentarios, realizar un seguimento sistemático da formación dos prezos finais dos alimentos de orixe agraria e marítima ou analizar a estrutura básica dos prezos e os factores causantes da súa evolución na produción e no consumo”.

No mesmo sentido, Medio Rural anunciou a sinatura dun convenio de colaboración co consello regulador das indicacións xeográficas protexidas de carne de vacún de Galicia para mobilizar 1,4 millóns de euros nunha campaña de promoción, fomento e difusión da carne de vacún de Ternera Gallega Suprema. Desde a Consellería detallan que esta manobra é paliativa “da situación de venda a perdas xeneralizada”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información