A Consellería do Medio Rural mantivo estes días un encontro de traballo coa IXP Castaña de Galicia para abordar a situación dos soutos galegos. Medio Rural comunicoulle ós responsables da IXP os seus plans para enfrontar os dous principais problemas fitosanitarios que están afectando ós castiñeiros, o chancro e a avespiña.
O chancro, chegado a Galicia nos anos 70, é unha enfermidade fúnxica perigosa para a árbore, pois o fungo interrompe o suministro de savia e causa un serio debilitamento dos pés afectados. É visible polas fendas e zonas avermelladas que causa no tronco e pólas das árbores afectadas. Estase a combatir coa inoculación de cepas hipovirulentas, uns tratamentos que se están a demostrar exitosos, pois no 2020 cicatrizaron total ou parcialmente o 40% dos pés inoculados.
No 2021 e 2022, a Xunta prevé inocular 32.000 castiñeiros, para o que destina un presuposto de 635.000 euros. As persoas con castiñeiros afectados polo chancro poden comunicalo na Oficina Agraria Comarcal ou no Distrito Forestal que lles corresponda. Distinto é o caso da avespiña do castiñeiro, pois dada a expansión da praga por toda Galicia, a Consellería está a facer soltas sistemáticas do seu parásito en todo o territorio, en colaboración con asociacións e cooperativas de produtores, polo que non é preciso dar aviso da existencia da praga.
Do parásito da avespiña, o ‘Torymus sinensis’, soltaranse este ano 1,6 millóns de exemplares, igual que o pasado ano. O esforzo de loita biolóxica que está acometendo Galicia xa está dando os seus froitos, segundo a Xunta, pois constatouse o asentamento do ‘Torymus’ nos soutos. Arredor do 3% das bugallas da avespiña analizadas están xa parasitadas, segundo a Consellería, que destaca casos de soutos puntuais onde o parasitismo chegou a superar o 20%, cun lugar onde se acadou o 44%.
Con todo, a media dun 3% de bugallas parasitadas polo ‘Torymus’ é claramente insuficiente para conter polo de agora a praga. A esperanza é que a reprodución e expansión dos ‘Torymus’ liberados poida aumentar nos próximos anos o seu parasitismo das bugallas da avespiña.
Unidade dos soutos
O conselleiro do Medio Rural trasladoulle tamén á IXP Castaña de Galicia que se está a traballar na creación, dentro da Consellería, dunha unidade dos soutos, que se dedicará exclusivamente á xestión deste recurso. Esta unidade será a que desenvolva no seu conxunto o Plan de recuperación para o castiñeiro.
Así mesmo, José González sinalou que se lle dará un pulo á Mesa da castaña, o órgano colexiado de carácter consultivo e asesor no que ademais da Administración autonómica, están representados os principais axentes sociais e económicos galegos relacionados con este froito, co obxectivo de consolidar aínda máis o sector pola vía da calidade diferenciada.