Avance de beneficiarios, superficies e situación dos controis da PAC 2020

Avance de beneficiarios, superficies e situación dos controis da PAC 2020

Imaxe do Sigpac. / Arquivo.

O Fondo Español de Garantía Agraria vén de facer público un avance de beneficiarios e superficies da PAC 2020. En Galicia, son 25.900 os solicitantes da PAC, cun total de 446.000 hectáreas declaradas. Galicia é a oitava comunidade en número de persoas que reciben as axudas da Política Agraria Común e a sexta en superficies declaradas, por tras de Castilla y León (4,8 millóns de hectáreas), Andalucía (4,4 millóns), Castilla La Mancha (4,4 millóns), Aragón (2 millóns) e Cataluña (900.000 hectáreas).

No conxunto de España, hai 679.000 peticións da PAC, cun total de 22.155.000 hectáreas, unhas 48.000 máis que a pasada campaña. Soben o número de hectáreas inscritas na PAC, pero baixan lixeiramente os solicitantes, seguindo a tendencia dos últimos anos.

De media, cada solicitante inscribe 32 hectáreas, unha cifra que en Galicia baixa ata as 18 hectáreas. Entre as comunidades veciñas, Asturias ten máis de 9.000 solicitantes, cunha media de 26 hectáreas; e Castilla y León 66.000 beneficiarios, cunha media de máis de 70 hectáreas.

O Fega anuncia que a partir do 16 de outubro poderán anticiparse o 70% dos pagos de axudas directas e o 85% das axudas de desenvolvemento rural. En total, o agro español percibirá 4.954 millóns de euros da PAC, dos que se poderán adiantar 3.421 millóns. O Ministerio lembra que a decisión de anticipar ou non os pagos será dos correspondentes gobernos autonómicos.

Controis sobre o terreo
Na actualidade, estanse realizando os controis de campo previos ó inicio dos pagos. Esta campaña, por mor da Covid 19, a Comisión Europea aceptou reducir os controis de campo a un 3% dos expedientes (fronte o 5% habitual), o que en Galicia supón que esta campaña faranse algo menos de 800 controis sobre o terreo.

Monitorización de satélites

No 2020 implementáronse tamén controis por satélite en case todas as comunidades, a excepción de Cantabria e Canarias. En Galicia, estanse facendo nas comarcas de Tabeirós – Terra de Montes (Pontevedra) e en Allariz – Maceda (Ourense).

A monitorización por satélite supón a inspección do 100% das explotacións das comarcas elixidas. O sistema valora cada parcela, axudándose da intelixencia artificial, e compara os resultados coa declaración de superficies do solicitante, usando un sistema de resultados a modo de semáforo: verde (correcto), amarelo (resultado non concluínte) e vermello (incumprimento).

Unha das principais vantaxes do sistema de monitorización é que se trata dun control preventivo, de xeito que permite que o agricultor modifique a súa solicitude en caso de detectarse incumprimentos ou alertas non concluíntes do sistema. Con carácter xeral, este ano pódese modificar a declaración de superficies da PAC das zonas sometidas a monitorización ata o 31 de agosto, salvo que a correspondente comunidade autónoma solicitase outro prazo, que non é o caso de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información