Autorizados os desprazamentos dos propietarios forestais para vender madeira

Autorizados os desprazamentos dos propietarios forestais para vender madeira

Extracción de madeira en monte. / Arquivo.

Os propietarios forestais poderán saír do confinamento para ensinarlle madeira en monte a aserradoiros e fragueiros. Tras unha petición en tal sentido das organizacións do sector forestal, o Centro de Coordinación Operativa da Xunta aprobou un documento que servirá para xustificar os desprazamentos daquelas persoas que queiran vender madeira.

O documento, que debe ser asinado previamente pola empresa que vai valorar o lote, debe ser portado polo propietario no seu desprazamento, de cara a que lle sirva de xustificante ante as forzas de seguridade. O modelo xustifica a necesidade do movemento do propietario forestal (ou do representante dunha comunidade de montes) para asegurar a subministración ós ciclos industriais da madeira establecidos como esenciais.

As empresas interesadas na compra da madeira deberán facilitarlle á persoa propietaria da parcela o documento cuberto e asinado, que servirá exclusivamente para xustificar o desprazamento ó monte co obxectivo de ensinar o lote a vender.

Nas últimas horas, colectivos como a Asociación Forestal de Galicia xa lle trasladaron o documento ós seus asociados, propietarios particulares e comunidades de montes. Con independencia da autorización para o desprazamento, a Asociación Forestal lembra que en monte tamén se deben seguir as medidas de distanciamento social e de prevención establecidas para conter a epidemia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información