Autorizacións para 73 novas hectáreas de viñedos en Galicia

Rías Baixas, Monterrei e Valdeorras superan as 15 hectáreas permitidas para novas plantacións, en tanto Ribeira Sacra e Ribeiro quédanse en menos de 10

Publicidade
Autorizacións para 73 novas hectáreas de viñedos en Galicia

As novas plantacións poderán facerse durante os próximos 3 anos.

Un total de 157 viticultores galegos vanse beneficiar das autorizacións de novas plantacións de viñedos xestionadas pola Xunta de acordo co novo procedemento de concesión establecido a nivel nacional. A directora xeral de Gandaría, Belén do Campo, vén de asinar a correspondente resolución de autorización, que suporá a concesión de 73,4 hectáreas para os viticultores galegos.

Desta superficie, máis do 90% corresponde a zonas de produción amparadas por algunha das cinco denominacións de orixe protexidas (DOP) vitivinícolas de Galicia. Delas, a que máis hectáreas amplía é a DOP Rías Baixas (17,69 ha), seguida de Monterrei (16,77 ha), Valdeorras (15,66 ha), Ribeira Sacra (9,01 ha) e Ribeiro (7,63 ha).

Novo réxime
O 1 de xaneiro de 2016 entrou en vigor o novo réxime de autorización administrativa de plantación de viñas, que substitúe ao anterior sistema de dereitos de plantación e permite continuar cun incremento controlado do potencial de produción vitícola ata 2030, evitándose así a súa liberalización total.

O novo sistema permite obter estas autorizacións para plantar por tres vías, entre as que se atopan as concesións de novas plantacións a partir dun cupo anual cun límite máximo do 1% da superficie plantada a nivel nacional a 31 de xullo do ano anterior.

O Ministerio de Agricultura fixou a superficie a conceder para as autorizacións de novas plantacións de viña en 2016 a nivel nacional en 4.173 ha, un 0,44% do total da superficie plantada a 31 de xullo de 2015 (que era de 958.686 ha).

Demanda
Como a demanda de solicitudes a nivel nacional foi case o triplo do cupo dispoñible para 2016, houbo que aplicar os criterios de prioridade establecidos polo Ministerio, de tal xeito que o 30% das solicitudes (1.224 ha) foi para os mozos novos viticultores, aos que se lles concedeu o 100% das súas solicitudes admisibles e o resto, o 70% do total (2.949 ha), corresponde aos viticultores que tiveron unha maior puntuación consonte ao establecido na normativa básica estatal.

No sector vitícola de Galicia solicitáronse 152 ha de superficie para autorizacións de nova plantación de viñas, das cales resultaron admisibles 121 ha, o 1 % do total solicitado en 2016 polas comunidades autónomas (11.858 ha admisibles) e, logo de aplicar o procedemento de selección establecido a nivel nacional, concedéronse 73,4 ha para os viticultores galegos.

Houbo en Galicia un total de 168 solicitantes, dos que 157 foron considerados solicitantes admisibles e recibiron dereitos para novas superficies: 11 na provincia da Coruña, 24 en Lugo, 49 en Ourense e 73 en Pontevedra.

Valoración de Cooperativas Agroalimentarias de España

Unha representación de Cooperativas Agroalimentarias de España mantivo un encontro coas organizacións de cooperativas vitícolas de Francia e Italia, co obxectivo de valorar, entre outros aspectos, o funcionamento do sistema de autorizacións de novas plantacións.

Ángel Villafranca, presidente da sectorial do viño a nivel estatal, sinalou que “o sistema de autorizacións é o máis axeitado para o sector do viño e adáptase á realidade do mercado”.

En Europa, Italia é o país con maior nivel de novas plantacións, 6.376 hectáreas, o 1% do total nacional. Ségueo España, con 4.173 hectáreas, o 0,43% do viñedo español; e Francia, con 3.589 hectáreas, o 0,45% do viñedo francés. As novas plantacións poderán plantarse durante os próximos tres anos.

Durante o encontro, os representantes dos produtores abordaron tamén a cuestión de posibles mecanismos de estabilización do mercado en caso de crise a nivel comunitario. Este tema traballarase noutro encontro o próximo outono.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información