Autorizacións excepcionais para o uso de pastos queimados nos Ancares

Os gandeiros afectados polos grandes lumes que percorreron a montaña lucense o pasado outono comezan a recibir permisos para introducir o gando nos pastos arbustivos

Autorizacións excepcionais para o uso de pastos queimados nos Ancares

Os animais poderán usar os pastos arbustivos, pero non nas zonas baixo arborado.

Medio Rural comezou a trasladarlle ós gandeiros dos Ancares autorizacións excepcionais para o emprego dos pastos arbustivos queimados no outono. As ganderías da montaña lucense levaban semanas agardando con inquietude polos permisos, pois aínda que a Consellería anunciara publicamente que ía concedelos, os produtores non recibiran ningunha contestación ás solicitudes de pastoreo presentadas en febreiro.

Coa chegada da primavera á montaña, as explotacións agardaban por unha resolución áxil da situación, pois estaban véndose na obriga de manter ós animais nas praderías reservadas tradicionalmente para silo e herba seca, en tanto o pasto xa comezaba a brotar nos montes afectados pola vaga de lumes.

Nos últimos días, os afectados comezaron a recibir cartas nas que lles comunican as autorizacións excepcionais solicitadas, o que lles permitirá introducir o gando nos pastos arbustivos da montaña, non así na zona arborada, na que se prohíbe a entrada do gando para favorecer a rexeneración natural.

Normativa
A lexislación prevé que non se poidan empregar para pastoreo os montes afectados por un lume ata o 31 de decembro posterior á data na que se cumpran dous anos desde o incendio. Sen embargo, a Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais tamén establece que “poderán preverse excepcións á prohibición, baseadas na acreditación de perdas de difícil reparación pola prohibición do pastoreo ou a ausencia de alternativas na área afectada (…) agás que se trate de zonas declaradas como de alto risco polo número reiterado de incendios forestais”.

En vista da situación nos Ancares, a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal asinou esta primavera unha instrucción para autorizar excepcións á prohibición de pastoreo nos terreos forestais afectados polos grandes lumes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información