Na casa de Ramón Reimunde, en Alfoz (Lugo), levan máis dun século plantando eucaliptos. Así o atestigua un exemplar que conservan con máis de 150 anos, que está catalogado como árbore senlleira. “Somos xa moitas xeracións plantando eucalipto nos montes, por iso con razón aquí se lle chama eucalipto do país ó eucalipto globulus, porque leva máis dun século integrado nas nosas vidas. Na Mariña non somos antieucalipto porque vivimos del”, razoa Reimunde, presidente de Promagal, a federación que engloba ás asociacións locais de propietarios forestais do norte galego.
Reimunde presenta nesta entrevista a súa visión persoal sobre o eucalipto. É un defensor da especie, pero avoga por un equilibrio no monte. “A biodiversidade favorece á economía forestal”, conclúe.
– Que opinión tedes os propietarios forestais da Mariña e Ortegal sobre a moratoria de novas plantacións de eucalipto que proxecta a Xunta?
– Temos unha opinión favorable a que se faga esa moratoria, pois correspóndese co Plan Forestal de Galicia, que saíu adiante tras moitas reunións e esforzos das asociacións e entidades que estivemos representadas no grupo de traballo do Plan. Estamos de acordo coa moratoria, pero sempre que haxa unha contrapartida. Esa contrapartida ten que ser que as persoas que en lugar de eucalipto plantan especies menos rendibles, teñan compensacións.
É preciso ademais que desde o Goberno haxa apoios para mellora xenética das distintas especies forestais e para fomentar o relevo xeneracional e a ordenación dos montes.
– Temedes que a expansión de superficie de eucalipto nos últimos anos provoque unha caída de prezos a 5 – 10 anos vista?
– A realidade é que na Mariña e Ortegal hai demasiado eucalipto, temos que ser sinceros. Salvo algún resto de piñeiral que queda, a maioría do monte é eucalipto. Que non se preocupen os ecoloxistas porque vaiamos plantar máis eucalipto porque xa non podemos. Onde se pode plantar?. Na zona interior de Lugo, onde se están cortando piñeirais para plantar eucalipto nitens, que resiste a altitude e as xeadas do interior. En consecuencia, temos unha gran oferta e un problema maior, unha gran cantidade de eucalipto nitens no interior de Lugo, e tamén nalgunhas zonas próximas á costa, o que fai previsible que nun futuro baixe de prezo.
“Na Mariña hai demasiado eucalipto, temos que ser sinceros. Que non se preocupen os ecoloxistas porque vaiamos plantar máis, non queda onde facelo”
Tamén é certo que aínda que baixe de prezo, o eucalipto nitens produce máis toneladas por hectárea que o eucalipto globulus, o que en certa medida compensará a baixada.
A cuestión é que como hai unha oferta grande, a principal empresa compradora, Ence, pode conseguir a madeira que queira sen necesidade de subir o prezo que lle paga ó propietario. Saíu hai pouco a noticia de que Ence subía un euro o prezo do eucalipto, logo de baixalo arredor de 5 euros nos últimos dous anos, pero hai que dicir que esa suba dun euro é falsa, só se produciu puntualmente en determinadas zonas.
– Pode ‘morrer’ de éxito o eucalipto?
– Eu, que xa teño uns anos, lembro como aquí na Mariña houbo unha época na que en tódolos recunchos se plantaban patacas. Iso acabou porque chegou un punto no que había tanta pataca que non valía nada. Co eucalipto, eu persoalmente vexo que se nos foi a man. Plantouse demasiado, incluso en sitios que non eran correctos, como á beira de ríos, preto das casas ou en terras agrarias. Fixéronse cousas mal, por avaricia nosa, que agora hai que enmendar.
Autoengañámonos plantando tanto eucalipto e agora toca ir facendo un cambio. Eu mesmo fun evolucionando cos anos na miña forma de pensar e nas miñas plantacións en monte. Co paso de varias quendas de corta de eucalipto, o monte vaise agotando e é bo cambiar. Eu a día de hoxe, ademais de eucalipto, teño plantacións de piñeiro de Oregón, de piñeiro insigne e de castiñeiro.
Cómpre tamén ter en conta que hai solos onde só se dá o eucalipto, como zonas altas con moitas penas, e que temos zonas nas que frondosas como o castiñeiro non prosperarían, como as terras máis próximas á costa.
– Pensades que os incentivos que ofreza a Xunta para plantar piñeiros e frondosas poden ser atractivos para os propietarios forestais?
– Por que se está plantando agora eucalipto nitens?. Porque na metade de tempo en que medra un piñeiro, 25-30 anos, tes unha corta de eucalipto coas mesmas toneladas e prezo que che daría o piñeiro. Para que o propietario plantase piñeiro, tería que ter exactamente o dobre de valor. Por tanto, se se quere que o propietario plante piñeiros ou frondosas, hai que compensar aquela parte que perde por non ter eucalipto nas súas terras. Para que a xente plante, ten que ter incentivos e perspectivas de mercado futuro.
“En Galicia, o monte xera unha economía social para moita xente. O noso monte non é propiedade de condes, é de 600.000 pequenos propietarios e de montes veciñais”
En Galicia, o monte xera unha economía social para moita xente. O noso monte non é de condes con grandes extensións, é de 600.000 pequenos propietarios e de montes veciñais, coa economía social que todo iso xenera. Nós non somos antieucalipto porque vivimos del. Pensa que unha hectárea de eucalipto globulus a 16 – 18 anos pódeche dar 300 toneladas de madeira e 9.000 – 10.000 euros brutos, dos que hai que descontar o que se investiu en silvicultura.
– Desde a parte da sociedade que ten unha mirada máis ambiental sobre o monte, critícase a paisaxe e a biodiversidade nos eucaliptais. Como vedes esa cuestión os propietarios da Mariña?
– Vouche dar a miña opinión como silvicultor individual. Hai 50 anos, moitos dos montes que me rodean aquí en Alfoz eran montes rasos, a toxos. Hoxe en día, a paisaxe predominante é a do verde escuro e apagado dos eucaliptais. É unha paisaxe que a min non me disgusta, nin esa nin a do verde máis intenso dos piñeiros.
“Na Mariña temos montes de produción que dá gusto ver. Non me inquieta a paisaxe que conforman nin a súa biodiversidade interior. Se das un paseo por eles, atopas todo tipo de vexetación por baixo, uces, bidueiras, toxos…”
Estou de acordo en que as masas de frondosas teñen unhas cores e unha vexetación atractiva, pero hai que ter tamén en conta que os nosos montes son cultivos forestais para madeira, non son bosques. Para nós, son montes que dá gusto velos e cando eu paseo por debaixo dos meus eucaliptos, hai todo tipo de vexetación, uces, bidueiras, toxos… Non me inquieta a biodiversidade vexetal nin a paisaxe dos eucaliptais.
Outra cuestión é que o monte debera estar máis ordenado. Eu saio da miña casa de Adelán (Alfoz) e podo andar 15 quilómetros polo monte sen interrupción de eucaliptos. Esa continuidade habería que rompela. Sería bo deixar certas zonas con outras especies ou abrir áreas de pastizais para o gando onde fosen útiles. Iso crearía discontinuidades moi prácticas a efectos de prevención de incendios. Son cambios que habería que ir facendo.
A biodiversidade favorece ademais a economía forestal. Os montes van producir máis e redúcese o risco de pragas específicas.
A biodiversidade favorece a economía forestal. Os montes van producir máis e redúcese o risco de pragas específicas
– Unha maior adicación do monte ás coníferas beneficiaría á cadea industrial do piñeiro, que corre o risco de verse desabastecida nun futuro. Como ves esa situación.
– Incentivar o piñeiro véxoo ben, é a madeira que houbo sempre aquí e ten múltiples usos tradicionais e perspectivas de novos destinos, como a construción estrutural en madeira. É tamén verdade que agora xa quedan menos aserradoiros dos que había antes e que, desde a perspectiva dos propietarios, temos o risco de que hai só un gran comprador de referencia que aglutina boa parte da madeira, que é Finsa.
– Ao propietario que se vai ver perxudicado pola moratoria de novas plantacións de eucalipto, que lle dirías?
– Pois se me poño por exemplo no lugar dun propietario de Castroverde, que ten o monte raso e quere plantar eucaliptos, téñome que solidarizar con el porque estáselle conculcando un dereito fundamental, que é o de plantar o que considere oportuno, sempre que cumpra a lexislación vixente e non perxudique a terceiros. Dito isto, tamén estou convencido de que cando teñamos un Inventario Forestal actualizado, veremos con claridade que hai demasiado eucalipto e que chegou o momento de dicir basta. Levarémonos a sorpresa de que hai máis hectáreas das que pensamos e nun futuro, como comentaba antes, é previsible que caía o mercado.
“Aos propietarios do interior de Lugo estáselles conculcando un dereito fundamental. Dito isto, en canto teñamos un Inventario Forestal actualizado, veremos todos que co eucalipto chegou o momento de dicir basta“
Para nós sería importante que a Xunta, a parte de regular as plantacións, se preocupe polo mercado. Igual que está defendendo a Ence Pontevedra, ou a reubicación daquela planta con fondos europeos, sería bo que defendese os dereitos dos propietarios fronte ó monopolio que representa Ence. Cómpre tamén reflexionar sobre o destino que vai ter todo o eucalipto que hai plantado en Galicia. Sería positivo ter unha segunda transformación da celulosa en papel, cartón e viscosa.
Prezado Sr. Reimunde:
É interesante que un experto como vostede declare que hai demasiado eucalipto no monte galego. Mais vale tarde que nunca. Hai xente que xa se dera conta hai moito tempo. de que ese exceso non é bo para ninguén, nin para o sector (poucos clientes, exceso de oferta, prezos baixos..) nin para a paisaxe. Saiba que a paisaxe recolle moitos mais conceptos alén do soamente estético, aínda que a vostede non lle desguste a paisaxe de eucaliptos. Ten que ver coa identidade galega, a integridade natural, a nosa cultura, sociedade e historia. E hai unha lei que a protexe. Como se pode conservar a paisaxe cando todo o que vostede ve arredor son plantacións industriais de especies exóticas? Se vostede non entende isto, suxírolle que visite Navarra. Conservan a paisaxe e teñen unha economía forestal brillante.
Está claro que as cousas fixéronse mal. Se cadra, aínda seguen a facerse e os mesmos actores económicos seguen a empurrar cara o mesmo lado que só favorece a eles. O resultado está a vista: teñen unha fonte de madeira barata, os propietarios teñen poucos clientes e un produto de reducidísimo valor engadido (madeira picada) e no futuro, aínda menor. E Galicia ten o seu problema ambiental principal: a masiva e ubicua presenza de especies forestais exóticas.
Mire, algo similar pasou no urbanismo. Fixéronse a cousas mal, non se respectaron zonas, construíuse de mais. Afortunadamente a situación hai anos comezou a cambiar cunha maior disciplina urbanística e denuncias, e hoxe e día, é moi difícil facer os desastres feitos anos hai (que ainda colean na Sareb). Dígame, por que a sociedade ten que pagar o lucro cesante dos propietarios por non poderen edificar 8 alturas ao pé da praia, como en Sanxenxo? Igualmente, por que ten que haber contrapartidas aos propietarios por non poderen plantar unha especie que hai demasiado e fixéronse a s cousas mal?
O último, Entre os dereitos fundamentais non está o de facer a un o que lle pete na súa propiedade. Hai limitacións impostas polas leis e polo sentido común. Se hai exceso de eucalipto e a súa presenza provoca alteracións graves na paisaxe e no ambiente, pois non se poderá plantar. O propietario deberá buscar unha especie sen afección paisaxística, con mercado e coa mellor rendibilidade. Neses obxectivos é onde a administración debe apoiar. Para iso é o dono da terra.