
Vacas pacendo nunha explotación leiteira austríaca
Austria é un dos países máis ricos de Europa, con maior renda per cápita e nivel de vida, pero está orgulloso do seu sector primario. Tanto que é o país da UE con agricultores e gandeiros máis novos, que contan cunha alta consideración por parte da sociedade. Tamén é o que dedica maior porcentaxe da súa superficie agraria á produción ecolóxica.
O país foi visitado recentemente por un grupo de gandeiros e técnicos galegos para coñecer o sistema de produción e transformación nas granxas leiteiras. Esta é unha radiografía dun país que entrou na UE 10 anos máis tarde ca España e conseguiu manter o seu sistema tradicional de produción aumentando as exportacións.
Austria é un dos 10 países máis ricos do mundo en termos de PIB per cápita pero mantén con orgullo o seu sistema agrogandeiro
Austria abarca 83.871 km², case 3 veces a superficie de Galicia, aínda que unha parte considerable do seu territorio está ocupada polos Alpes, o que reduce a superficie agraria útil a 3,4 millóns de hectáreas. Só un terzo do territorio do país está por baixo dos 500 metros de altitude.
A economía rural está estruturada a pequena escala e ten unha forte tendencia á sustentabilidade e ao coidado da natureza. O programa gobernamental ÖPUL, de carácter agroambiental, fomenta unha agricultura e gandaría extensiva e respectuosa cos hábitats naturais. A produción forestal é tamén parte do mix de ingresos das explotacións familiares.
Un terzo do territorio austríaco é superficie agraria e as estritas normas ambientais prevalecen na produción agrícola e gandeira
En Austria hai arredor de 105.000 explotacións agrarias, gandeiras e forestais e case a metade manteñen a súa actividade a tempo parcial. As producións agrarias austríacas máis importantes son o leite, a carne bovina e porcina, os cereais, as hortalizas, o viño, a froita, as aves e as oleaxinosas.
Valorización da produción
As explotacións austríacas destacan por ter un tamaño medio similar á media de Galicia, coa diferenza de que elas mesmas valorizan o leite transformándoo en produtos de calidade e proximidade. Trátase de explotacións familiares que centran a súa viabilidade na valorización do produto e non na economía de escala, contando cun nivel de formación e profesionalidade moi alto.
Austria ten 9 millóns de habitantes e divídese en 9 estados federados, que contan co seu propio departamento de agricultura
Austria forma parte da UE desde 1995. Desde entón, as exportacións agrícolas do país multiplicáronse por nove. Tres cuartas partes das exportacións agrícolas e alimentarias de Austria destínanse a outros estados membros da UE. Os destinos de exportación máis importantes en 2023 foron Alemaña e Italia.
Predominio de granxas familiares
Austria conta con gandarías familiares e explotacións agrarias de pequeno tamaño. Só arredor do 2,5% da poboación austríaca traballa na agricultura, que xera o 1,5% do PIB do país, pero a valoración social é moi positiva, tanto pola produción de alimentos como polo coidado da paisaxe, algo que despois aproveita a industria turística (6% do PIB do país).
A agricultura desempeña un papel importante para a economía austríaca que vai moito máis alá da produción de alimentos
A agricultura e o turismo son dous sectores intimamente relacionados en Austria e, de feito, durante anos un Ministerio común englobounos (recibía o nome de Ministerio de Agricultura, Rexións e Turismo).
O tamaño medio das explotacións é de 18 hectáreas, aínda que son máis pequenas na zona oeste e máis grandes no leste do país. Máis de dous terzos das 100.000 granxas de Austria atópanse nas montañas alpinas, onde abunda o gando vacún e ovino.
Desde 1988 Austria traballa cun enfoque ecosocial na súa política agraria, destinada a favorecer o sistema de granxas familiares
A economía nestas zonas de montaña non se entende sen a produción e venda de leite, queixo e carne, que se suma aos pagos que reciben os gandeiros como coidadores da paisaxe e polo pastoreo das pistas de esquí no verán.
Arredor do 73% das explotacións agrícolas, que suman un 66% da superficie agraria do país, están situadas en zonas desfavorecidas
O Goberno austríaco prima tamén claramente coas súas subvencións as explotacións situadas en zonas de montaña ou desfavorecidas, onde se atopan máis da metade das explotacións, o que contribuíu a manter a actividade agraria nestas rexións.
Diversificación
Pero mentres a gandaría de montaña é a maioritaria no oeste do país, o leste ofrece condicións ideais para os cultivos herbáceos e de cereais como millo, trigo, cebada ou centeo, así como a remolacha azucreira, a colza, o xirasol ou a soia.
Nos últimos 60 anos Austria aumentou un 10% a superficie de terras cultivables
As principais zonas agrícolas de Austria atópanse ao norte e nordeste dos Alpes e a ambos os dous lados do Danubio, estendéndose ata as chairas fronteirizas con Hungría. Alta Austria, Baixa Austria e Burgenland son os tres estados agrícolas por excelencia. Austria produce cada ano 5,7 millóns de toneladas de cereais, que cobren o 94% das necesidades do país. A produción porcina e avícola tamén é habitual nas rexións cultivables de Austria.
Na produción hortícola destaca a pataca e a remolacha e, en froitas, as mazás e as peras. Por último, Austria é responsable do 1% da produción mundial de viño. O viño insignia do país, co 37% dos seus viñedos, é o Gruener Veltliner.
Austria converteuse no segundo maior produtor de soia da Unión Europea
En 2023, en Austria rexistráronse 1.321.781 hectáreas de terras cultivables, o que significa que o 52% de todas as terras agrícolas deste país son terras cultivables, aínda que con notables diferenzas entre as rexións alpinas e as chairas do leste. En Baixa Austria, por exemplo, o 77% da superficie agrícola útil está constituída por terras de cultivo.
O 56% das terras de cultivo dedícanse a cereais, sobre todo a trigo e millo para gran
As terras de cultivo austríacas están dedicadas a cereais (56%), forraxes (17%), oleaxinosas (13%), leguminosas (8%) e tubérculos (4%). Nas últimas décadas aumentou o cultivo de soia e xirasol en detrimento de cereais como o centeo. O trigo brando cultívase en 245.000 hectáreas, o millo para gran ocupa 212.000 hectáreas e a soia 87.500 hectáreas. Trátase dun cultivo non tradicional no país pero que está aumentando con forza e, de feito, Austria xa se converteu no segundo maior produtor de soia da Unión Europea.
Relevo xeracional
Austria é o país da UE cos mellores índices de relevo xeracional nas granxas e considérase un modelo a seguir neste ámbito. En 2020, cando se realizou a última enquisa sobre a estrutura agraria en toda a UE, o 23,4% dos administradores de explotacións agrícolas deste país tiñan menos de 40 anos, mentres que a media da UE era só a metade, un 11,9%, e na veciña Alemaña do 14,9%.
Os datos no caso de España sitúanse no 8% de media de titulares de explotación con menos de 40 anos, mentres que en Galicia esa porcentaxe descende ao 7%, fronte ao 48% de xefes de explotación de máis de 65 anos.
O 23% dos titulares de explotación ten menos de 40 anos, o dobre que a media europea e tres veces máis ca en España
Existen programas federais para apoiar a incorporación de mozos mediante axudas e formación específica. Ademais dun excelente sistema de educación agrícola, son a miúdo a creación de redes de intercambio e o fomento da innovación algunhas das claves do éxito austríaco neste ámbito.
A Asociación de Xóvenes Rurais conta con aproximadamente 6.000 membros. Non só é a maior organización xuvenil do campo en Austria, senón un importante provedor de formación continua ás persoas que se incorporan ás granxas.
Produción ecolóxica

Destaca a produción artesá de queixo e manteiga por parte das propias explotacións
Austria ten tamén a porcentaxe máis alta de todos os países europeos en terras agrícolas cultivadas organicamente (27,4%) e o 23,1% das explotacións agrarias do país son ecolóxicas, o que o converte no principal cultivador de produtos ecolóxicos a nivel mundial, segundo o Instituto de Investigación de Agricultura Orgánica de Austria (FiBL).
Dentro da UE, é o primeiro país en produción ecolóxica de cereais (15,6%, seguido de Estonia e Suecia), o segundo en verduras (25,9%, por detrás de Dinamarca) e o terceiro en leguminosas (59%, por detrás de Grecia) e uva (12,2% por detrás de Italia e Francia).
Austria é considerado un país modelo en materia de produción ecolóxica na UE
O desenvolvemento da produción ecolóxica en Austria ten en parte que ver tamén coas súas condicións orográficas. O 70% do país atópase en zona montañosa, o que apenas permite estruturas agrícolas intensivas e propicia métodos de traballo biolóxicos e tradicionais.
As condicións naturais de produción que prevalecen en Austria fan que os produtores austríacos de leite e carne gocen dunha excelente imaxe. Os produtos agrícolas biolóxicos austríacos gozan de gran popularidade pola súa alta calidade e as estritas leis austríacas son responsables de garantir que se cumpran os altos niveis, por enriba mesmo dos estándares ecolóxicos fixados para o conxunto da UE.
A entrada na UE en 1995 provocou unha caída de prezos ao produtor que foron compensados coa súa conversión a ecolóxico
A primeira granxa ecolóxica do país data de 1920, pero é a partir dos anos 70 cando a agricultura biolóxica despega con forza en Austria, sobre todo a partir de 1995. Cando Austria entrou na CE, os prezos ao produtor baixaron de forma espectacular. Para mitigar eses efectos, promoveuse a conversión á agricultura orgánica como unha estratexia de supervivencia da agricultura a pequena escala. Isto contribuíu significativamente a unha maior aceptación da agricultura ecolóxica dentro do sistema agrícola.
Hai 24.500 explotacións ecolóxicas, o 23% das existentes, e 930.000 hectáreas certificadas, máis dunha cuarta parte da superficie agrícola total
A nivel de consumo, Austria sitúase como o terceiro país europeo en gasto per cápita anual en produtos ecolóxicos (205 euros por habitante e ano), só por detrás de Dinamarca e Suíza. Todas as cadeas de supermercados contan con sección de produtos ecolóxicos e coa súa propia marca branca ecolóxica. Os produtos ecolóxicos supoñen unha cota de mercado do 12% na alimentación minorista, que alcanza o 25% no caso do leite, o 18% en verdura fresca, o 15% en froitas ou o 13% en ovos.
O consumidor austríaco é esixente e a trazabilidade e as certificacións son os principais requisitos á hora de confeccionar a cesta da compra. A tendencia inclínase tamén cada vez máis cara á produción local e á rexionalidade. A cuestión da seguridade alimentaria ten máxima prioridade en Austria mediante o labor da Axencia Austríaca para a Saúde e a Seguridade dos Alimentos (AGES).
Efectos do cambio climático
O clima continental predominante é o alpino, que se caracteriza polos seus invernos fríos, con choivas frecuentes nas terras baixas e neve nas montañas, especialmente nos Prealpes; os veráns son frescos, con chuvieiras ocasionais.
O cambio climático está afectando de maneira importante a Austria, onde a temperatura media aumentou case 2°C no período comprendido entre 1880 e 2014. Mentres que na década de 1970 a temperatura media en Baixa Austria, a principal rexión agrícola do país, era de 8,2°C, nos últimos dez anos aumentou ata os 10,4°C, ao tempo que o número de días ao ano con temperaturas superiores a 30°C se duplicou.
Os Prealpes setentrionais e o val do Danubio constitúen a principal zona agrícola. O río Danubio atravesa de oeste a leste boa parte do territorio, desde a fronteira con Alemaña ata a fronteira con Eslovaquia.
O cambio climático tamén está afectando aos pastos alpinos. Actualmente, aproximadamente dous terzos das terras agrícolas de Austria atópanse en rexións montañosas. Delas, aproximadamente 300.000 hectáreas son pastos alpinos.
Produción forestal
Ademais da agricultura e a gandaría, en Austria a silvicultura continúa desempeñando un papel importante, tanto na rexión alpina como nas chairas. Xera 3.000 millóns de euros ao ano e supón unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras. Prácticamente a metade da superficie austríaca (48%) está cuberta de bosques. A principal zona forestal, unha cuarta parte do total, está situada no estado federal de Estiria, seguida de Baixa Austria, Carintia, Tirol e Alta Austria.
Ao igual que en Galicia, a metade da superficie austríaca (48%) está cuberta de bosques
A produción forestal converteu a industria madeireira nun sector de gran importancia que ofrece traballo no entorno rural. Ademais de madeira para construción ou mobiliario, a produción forestal está enfocada cara á produción de enerxía, tanto en sistemas de calefacción doméstica con leña, pélets e astilla, como en plantas de biogás.
Así, a nova Lei de Gas Renovable austríaca prevé inxectar cada ano 7,5 terawatios/hora de gas verde á rede nacional en 2030 a partir de plantas de biogás que aproveiten os residuos agrícolas, gandeiros e forestais.
Evolución da produción láctea: 3,5 millóns de toneladas, con forte crecemento en 2024, 22.000 granxas e un 18% do leite ecolóxico
A produción leiteira é o piar da agricultura en Austria, especialmente nas zonas montañosas e desfavorecidas. O número de produtores diminuíu un 3% no último ano e sitúase por debaixo de 22.000.
En total hai unhas 540.000 vacas leiteiras, cunha media de 24 vacas por granxa. O 18% do leite producido en Austria é ecolóxico. Existen ademais outros selos diferenciais, como leite de feno, leite de pradeira orgánica ou leite de protección animal.
En 2015, ano da desaparición das cotas leiteiras na UE, Austria produciu 3,1 millóns de toneladas de leite de vaca. O país tiña entón 535.000 vacas leiteiras. Dez anos despois, a cabana gandeira mantense e a produción incrementouse nun 9%.
Cunha produción lixeiramente superior á de Galicia, Austria mantén preto de 22.000 explotacións leiteiras, mentres que en Galicia só sobreviven 5.500
Austria pechou 2024 cunha produción anual de 3,38 millóns de toneladas de leite de vaca (4,19% de graxa e 3,44% de proteína), mantendo deste xeito un crecemento constante na produción leiteira nos últimos anos (245.000 toneladas máis nos últimos 5 anos).
En 2024 Austria aumentou a súa produción leiteira un 4,3%. Foi, xunto con Hungría, Romanía e Polonia, un dos países da UE onde máis se incrementou a produción de leite. A súa achega, lixeiramente superior á de Galicia, representa o 2,2% da produción leiteira da UE.
Dez anos despois do final das cotas leiteiras, a cabana gandeira mantense e a produción incrementouse nun 9%
O prezo medio pagado polo leite en orixe no mes de febreiro foi duns 55 céntimos, 7 céntimos máis que hai un ano. As granxas que producen leite ecolóxico reciben de media 5 céntimos máis por litro con respecto ás que están en convencional.
Austria é excedentaria en carne de vacún (a taxa de autosuficiencia é do 145%) e leite (119%). Exporta leite UHT, nata, queixo e produtos fermentados (iogur, kefir), pero importa manteiga. Cada austríaco consome 75 litros de leite e iogur, 23 kg de queixo, 7,6 kg de nata e 5,3 kg de manteiga ao ano.
Austria é excedentaria en produción leiteira e carne de vacún
A produción media por vaca sitúase nuns 7.200 litros, por debaixo da media da UE (7.800 litros), segundo os últimos datos dispoñibles por países publicados polo Observatorio Leiteiro da UE.
Do total de 536.000 vacas que había a finais de 2024, unhas 430.000 están en programas de control leiteiro (80%), segundo os datos da organización Central de Produtores Austríacos de Gando Bovino (ZAR), que se encarga do rendemento produtivo no país. A produción media por vaca é duns 27 litros diarios.
A raza fleckvieh representa o 75% da cabana gandeira de Austria e o país exporta cada ano arredor de 20.000 vacas e xovencas
En canto a razas, tres de cada catro vacas austríacas son de raza fleckvieh, cunha produción media que en 2024 alcanzou por primeira vez os 8.000 litros; o 7% son holstein, que se sitúan nos 9.300 litros; o 6% brown swiss; o 2% pinzgauer (unha raza nativa alpina de dobre propósito); o 1% gris de Tirol (que se cría en unhas 1.000 granxas en zonas áridas interalpinas) e o 9% pertencen a distintas razas cárnicas.
Industrias e cooperativas

Planta de transformación da cooperativa Berglandmilch en Baixa Austria
Un total de 70 empresas, con 92 plantas, procesan leite en Austria. Unha das marcas máis populares é Schärdinger. A súa historia comezou no ano 1900, cando os gandeiros da localidade de Schärding se uniron na primeira cooperativa leiteira de Austria e comezaron a recoller a manteiga producida polas súas granxas. Hoxe inclúe unha ampla gama de produtos, desde queixos frescos e curados, iogur, manteiga, sobremesas, café, etc. En 1995 Schärdinger fusionouse con outras cinco cooperativas baixo o nome de Berglandmilch, con sede en Wels, Alta Austria. Hoxe está formada por 8.000 gandeiros socios e recolle leite en 6 estados do páis.
A segunda cooperativa austríaca é Nöm, que procesa diariamente 1,2 millóns de litros de leite procedentes de 2.200 explotacións. Con sede en Baden, preto de Viena, fabrica leite, iogur, manteiga ou callada. Fundada por Franz von Pirko en 1898, está presente en países como Italia ou Hungría e exporta o 62% da súa produción.
A maioría das exportacións leiteiras de Austria destínanse a Alemaña (50%), seguida de Italia (18%)
Ennstal é outra das cooperativas austríacas. Fundada en 1902, hoxe pertence a 1.700 gandeiros desta rexión alpina do leste do país. Conta cunha planta de leite e queixo Camembert en Stainach e cunha fábrica de queixo azul en Gröbming.
Na mesma zona opera Prolactal, ubicada tamén en Estiria. Fundada orixinariamente como parte da cooperativa láctea Wechselgau en 1957, foi adquirida por Israel Chemicals (ICL), que tamén fabrica abonos, no 2015, e hoxe é líder a nivel mundial en ingredientes lácteos de leite ecolóxico, tanto de vaca como de cabra, producindo soro en pó, proteína A2, etc.
En Austria tamén está presente a multinacional francesa Danone, asentada desde 1972
Prolactal exporta o 95% da súa producción, sobre todo a China, onde é o provedor líder en ingredientes de proteína láctea ecolóxica no mercado de fórmulas infantís, e Oriente Medio. Desde a súa planta de última tecnoloxía ubicada en Hartberg abastece a clientes en máis de 35 países.
Normativas estritas en medio ambiente e sanidade animal

Un terzo das vacas permanecen en estabulación en praza fixa, saíndo ao pasto un mínimo de 120 días ao ano
En Austria, os elevados estándares sanitarios e hixiénicos comezan cunha normativa estrita que prevé a supervisión veterinaria constante da cabana de animais de granxa. Para que Austria poida manter o seu alto nivel, a Comisión Europea mesmo concedeu normativas veterinarias protectoras adicionais (o que se coñece como Garantías Nacionais).
O uso de hormonas na cría do gando, así como a plantación de sementes xeneticamente modificadas, está prohibido
Por exemplo, durante moitos anos as estritas restricións á importación de gando, así como a prohibición de utilizar órganos animais nos pensos para ruminantes, mantiveron ao país a salvo da enfermidade das vacas tolas (Austria tomou medidas de prevención da Encefalopatía Esponxiforme Bovina moito antes de que a UE seguise o seu exemplo e non houbo nin un só caso de EEB en Austria) ou da IBR.
Dentro da PAC, Austria dedica só un terzo dos fondos á ordenación de mercados agrarios e ao pago básico, e moito máis que o resto de países da UE á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento rural, unha política na que foi pioneira a nivel comunitario.
Grazas á súa estrutura agrícola de pequena escala, Austria ten boas condicións para a conservación da biodiversidade e a prestación de servizos ambientais, e na actualidade o 10% da superficie agrícola destínase a áreas de biodiversidade.
Austria foi pioneira na aplicación de medidas agroambientais dentro da UE e na actualidade máis de dous terzos do total dos pagos da PAC destínanse ao desenvolvemento rural e aos eco-réximes
O alto nivel de conciencia ambiental entre os agricultores reflíctese no alto nivel de participación (81%) no programa agroambiental voluntario ÖPUL, así como na altísima proporción de terras agrícolas orgánicas (27,4%).
O programa agroambiental ÖPUL, dotado con 614 millóns de euros cada ano financiados nun 50% con fondos europeos e outro 50% con fondos federais e estatais, apoia a agricultura respectuosa co medio ambiente en Austria desde a súa adhesión á UE.
Máis do 80% das explotacións agrícolas e o 80% das terras agrícolas (pasteiros, terras de cultivo e cultivos permanentes) forman parte deste programa por contribuír de forma significativa á conservación da biodiversidade, a fertilidade do solo e a protección da auga.
Redución de emisións
O Programa Nacional de Control da Contaminación do Aire (BMK) emitiu a Ordenanza de redución de amoníaco. Entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2023 e regula a incorporación rápida de abonos orgánicos como máximo en 4 horas, a aplicación de urea só con inhibidores, a cubrición das instalacións de almacenamento de xurro e as obrigas de mantemento de rexistros de abonado e aplicación no campo de fertilizantes orgánicos e químicos.
O programa agroambiental ÖPUL inclúe medidas voluntarias para a redución das emisións de amoníaco
Ademais, o programa agroambiental ÖPUL inclúe varias medidas voluntarias que teñen un efecto reductor das emisións de amoníaco: en primeiro lugar, a aplicación de xurro preto do chan e a separación do esterco líquido, pero tamén a extensificación da produción gandeira mediante o pastoreo.
Pastos alpinos
Arredor do 85% da produción de leite en Austria provén de granxas de montaña. Moitas delas pastorean pasteiros alpinos, coñecidos como sennalmen, que son unha das señas de identidade da gandaría do país.
O 85% da produción de leite en Austria provén de granxas de montaña
O valor desta gandaría tradicional excede o aspecto económico, cunha incidencia sobre o medio ambiente (mantemento da biodiversidade) así como no coidado da paisaxe (principal reclamo turístico do país), xa que os pasteiros alpinos son zonas de sendeirismo no verán e pistas de esquí no inverno.
Os pastos alpinos do verán son a miúdo as pistas de esquí do inverno
Existen uns 8.000 pasteiros alpinos, que suman unha extensión duns 300.000 hectáreas. Porén, o número de granxas alpinas e, sobre todo, o número de animais que pacen neles está a diminuír.
Unha de cada 6 vacas austríacas pasa o verán en pasteiros alpinos, pero a cabana está a diminuír
A produción de produtos alpinos adoita implicar moito traballo. Especialmente cando, como ocorre co leite, tanto a muxidura como o procesamento posterior teñen lugar directamente nos pasteiros de montaña.
O período de pastoreo, que adoita ser dunha media duns 90 días, supón unha limitación na produción de produtos como os queixos. Isto, xunto coa súa singularidade, confírelle aos produtos alpinos un carácter exclusivo.
O pastoreo en zonas de montaña minimiza o risco de avalanchas, desprendementos de terra e erosión do solo
Pero ademais da súa importancia ambiental (as pradeiras alpinas adoitan conter ata 100 especies florais de plantas diferentes), a xestión dos pasteiros alpinos desempeña un papel crucial na protección fronte aos riscos naturais. Se se deixasen de pastorear os pasteiros alpinos, primeiro crecerían os arbustos e máis tarde pasarían a ser zonas boscosas. De aí que o pastoreo minimice así o risco de avalanchas, desprendementos de terra e erosión do solo.
Selo de calidade do leite AMA
A Sociedade Austríaca de Márketing Agroalimentario (AMA), unha entidade co encargo oficial de promocionar o consumo local, é a encargada do etiquetado de alimentos de orixe rexional, de certificar a produción de agricultura ecolóxica, así como a produción leiteira sostible.
Os alimentos co selo de calidade AMA cumpren uns criterios de calidade superiores aos esixidos por lei, a súa orixe é rastrexable e están controlados por organismos independentes. Son produtos de orixe austríaca, xa que só poden conter materias primas do país e, no caso de alimentos procesados, a proporción de ingredientes que non poidan producirse en Austria non poderá superar un terzo.
A marca de calidade AMA distingue os produtos alimentarios de orixe garantida de Austria
O selo de calidade de leite AMA ten en conta aspectos de alimentación (compra de pensos a produtores autorizados) e benestar animal. Para comprobar que se cumpren os requisitos establecidos, realízanse auditorías a todas as granxas por parte das industrias e cooperativas, ademais das realizadas polos servizos veterinarios oficiais (que abranguen o 2% das ganderías do país cada ano).
O módulo Gandaría Plus require maior liberdade de movemento das vacas, cepillos para rascarse obrigatorios e penso sen aceite de palma a base de cereais e proteínas de produción europea. A inspección neste tipo de explotacións pasa a ser anual.
Todas as granxas leiteiras en Austria están acollidas a este módulo Gandería Plus ou ben á variante Gandería Plus Clima Exterior, que determina que as vacas poderán saír libremente ao exterior (pasto ou zona de recreo) os 365 días do ano, mentres que o selo Qplus-cow inclúe ademais controis de saúde para detección de enfermidades metabólicas como cetose, problemas reprodutivos (becerros mortos ao nacer) e de saúde do ubre (mamite e contaxe alta de células somáticas).
Un terzo das vacas leiteiras austríacas permanecen en estabulación en praza fixa, con saída a pasto polo menos 120 días ao ano
O sistema de manexo de gando maioritario nas granxas austríacas é a estabulación libre, aínda que seguen mantendo outros tipos de sistemas, como o de cría combinada, onde se permite que as vacas estean en estabulación fixa, pero deben poder saír ao pasto polo menos 120 días ao ano (a regulación estatal establecía un mínimo de 90 días pero a industria engadiu outros 30 a nivel da lei de benestar animal).
Arredor dun terzo das vacas leiteiras austríacas viven en aloxamentos combinados deste tipo. En agricultura ecolóxica, o período exterior amplíase e os animais deben ter acceso ao pasteiro desde abril ata outubro, ambos os dous meses incluídos.
En Austria non está aprobado o consumo de leite de vaca ata 7 días despois do parto
En canto aos becerros, en todas as modalidades do selo de calidade AMA deben recibir penso e feno a partir da segunda semana de vida e non se permite o ensilado ata despois do destete. A partir das 8 semanas deben agruparse.
AMA finánciase principalmente a través de contribucións obrigatorias á comercialización agrícola (pagadas polos agricultores e as empresas procesadoras) e cumpre tarefas esenciais de comunicación cara aos consumidores, garantindo, entre outras cuestións, a orixe 100% austríaca dos distintos produtos alimentarios presentes no mercado.