Aumento do orzamento para colaborar na roza das franxas de protección contra o lume en parroquias prioritarias

Medio Rural dobra os apoios para favorecer unha correcta xestión da biomasa nas faixas secundarias

Publicidade
Aumento do orzamento para colaborar na roza das franxas de protección contra o lume en parroquias prioritarias

A Consellería de Medio Rural reforzará no 2026 os apoios para favorecer unha correcta xestión da biomasa nas faixas secundarias, co aumento do orzamento destinado ao convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga, que pasa de 12 millóns este ano a 25 millóns para 2026. Por medio deste convenio, nas parroquias que se definen como prioritarias para a prevención do lume, os veciños acceden á roza das súas parcelas a un prezo bonificado.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, visitaron o concello pontevedrés de Poio, onde Gómez lembrou que a limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas “é de vital importancia” xa que favorecen a protección da poboación e facilitan o traballo do persoal de extinción de incendios forestais. Así mesmo, recordou que a xestión destas faixas é responsabilidade dos propietarios en primeira instancia e que, se non cumpren coas súas obrigas, deberán encargarse os concellos de xeito subsidiario, tal e como recolle a Lei de incendios do ano 2007.

Coa finalidade de axudar ás administracións locais e aos titulares das parcelas, púxose en marcha esta colaboración, na que de cara a 2026 se incluirán algunhas novidades para reforzar os apoios. Así, incrementarase o número de parroquias priorizadas, aquelas nas que os propietarios poden contratar os servizos de Seaga por un importe reducido.

Tamén se axilizarán os trámites para as execucións subsidiarias máis urxentes nas zonas de maior risco de incendios; prestaranse máis apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes e afondarase na creación de barreiras naturais coa plantación de frondosas, un traballo que xa estaba contemplado no actual convenio.

Cabe destacar que na parroquia de San Xoán de Poio realizáronse traballos preventivos no marco desta colaboración. Concretamente, e ao tratarse dunha parroquia priorizada, actuouse en 26 parcelas, a totalidade de predios contratados por titulares, que abranguen unha superficie de 8,66 hectáreas. A maiores, executáronse tamén preto de 23 predios de xeito subsidiario, cunha superficie de 1,15 hectáreas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información