
O último barómetro da Organización Interprofesional da Carne de Vacún de España, Provacuno, correspondente ó mes de outubro, reflicte un incremento do 5,4% no número de toneladas de carne producidas durante ese mes, en comparación co mesmo mes do anterior exercicio. O crecemento tamén se deu no número de canais sacrificadas en todo o estado, aínda que en menor medida, cun 2,1% de aumento, se ben a tendencia xeral do ano é a de baixada no número de animais abatidos.
Os datos sinalan que en outubro sacrificáronse 217.122 cabezas de gando, que produciron un total de 64.693 toneladas de carne. Dende Provacuno indican que o peso medio dos animais sacrificados tamén aumentou, situándose nos 297,96 quilos fronte os 288,79 do pasado ano. A interprofesional explica que ao longo de todo o exercicio a tendencia é a de sacrificar canais de máis peso que en anos anteriores. Iso compensa a tendencia xeral do ano de reducción do número de cabezas que entraron en matadeiro.
En canto á balanza comercial de outubro, o saldo foi positivo, posto que se exportaron 21.089 toneladas de carne tanto fresca como conxelada, mentres que as importacións quedaron en 15.881 toneladas. No apartado de carne fresca, foron 17.953.000 quilos, que tiveron como principais destinos respectivamente Portugal, Italia e Arxelia. Por canto as importacións de carne fresca, situáronse en 11.751 toneladas. Os Países Baixos, Polonia e Italia son os principais provedores do mercado español.

Portugal é o principal destino das exportacións de carne de vacas españolas
No referente á carne conxelada, as exportacións españolas acadaron as 3.136 toneladas e de novo Portugal foi o principal mercado, seguido de Francia, con 915 e 740 toneladas respectivamente. As importacións foron de 4.130 toneladas, con Brasil como principal país de orixe do produto.
Impacto da dermatose na exportación de animais vivos
Dende Provacuno recoñecen que os brotes de Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) acabaron por ter incidencia no comercio exterior. Dese xeito, a exportación de animais vivos para sacrificio viuse moi mermada, sufrindo unha caída de máis do 88% no mes de outubro, co peche dos mercados do norte de África.
Do outro lado, as importacións de animais vivos aumentaron. Por exemplo, as compras de becerros mamóns subiron un 36,7% e as de xatos pasteiros incrementáronse nun 32,9%. Provacuno sinala que é preciso recuperar o equilibrio na oferta nacional de animais vivos.
As cotizacións do vacuno español rexistraron unha suba mensual do 3,17% e, paralelamente, o IPC da carne aumentou un 2,6%. Provacuno sinala que as tensións que se viviron no sector -principalmente por cuestións sanitarias. Levaron a que o consumidor vira aumentar os prezos.
Galego








Control OJD