A ministra de Agricultura, Alimentación e Medio, Isabel García Tejerina, adiantou que na reunión prevista para hoxe coa Interprofesional Láctea formulará unha serie de medidas, que incluirán iniciativas para fomentar o consumo do leite, así como un plan estratéxico para a industria.
Así o afirmou onte durante a súa intervención no Foro Económico que, organizado polo Diario Montañés, se celebrou onte en Santander, onde García Tejerina abordou a situación do sector lácteo.
Rosa Quintana: Xunta e Ministerio están dispostas a modificar o paquete lácteo
Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asegurou onte que as administracións central e autonómica están abertas á posibilidade de modificar o chamado “paquete lácteo” se fose necesario, pero tal como está hoxe esta normativa “recolle todos e cada un dos aspectos que o sector produtor nos puxo enriba da mesa”.
Rosa Quintana lembrou que neste intre o lácteo está nunha difícil conxuntura a nivel internacional, cun exceso de produción e prezos baixos. Matizou sen embargo que tamén os custes de produción están baixos, polo que –dixo– “estamos nunha situación de equilibrio”. Nesta mesma liña indicou que en Galicia –a Comunidade na que se produce máis do 40% do leite de España– é lóxico que se noten máis estas dificultades que noutras autonomías.
De todos os xeitos, engadiu a conselleira, “a inmensa maioría dos nosos gandeiros están podendo colocar o seu leite sen grandes problemas e hai unha porcentaxe reducida que teñen problemas á hora de que a industria lles recolla o leite”.
Neste sentido lembrou que a pasada semana a industria se comprometeu con ela a que non quedara nin un litro de produto sen recoller. Algo que, sinalou, tamén lle reiteraron ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que ten previstas reunións esta semana con diferentes representantes do sector, para seguir avanzando na procura de solucións a estes problemas. En relación con estas reunións de traballo, Rosa Quintana avanzou que vai manter máis contactos deste tipo esta semana, respectando a axenda de encontros a nivel nacional no Ministerio.