A Consellería do Medio Rural incrementou este ano a actividade inspectora en materia forestal, a raíz da entrada en vigor da moratoria que impide a realización de novas plantacións de eucalipto en terreos onde non estaba plantada esta especie con anterioridade, até practicamente triplicar os expedientes sancionadores incoados, segundo os datos que manexa a Consellería.
Así, mentras nos dous anos anteriores non se chegaba a abrir un expediente ao día (268 no ano 2019 e 250 no 2020), este ano até o 25 de novembro ían xa contabilizados 646, segundo os datos oficiais facilitados pola propia Administración. “Toda plantación que respecte o marco legal vixente está permitida, mentres que as que sexan contrarias á legalidade, serán denunciadas, como sempre foron”, anuncia a Consellería do Medio Rural.
Con todo, a Xunta nega que se teña producido, a raíz do anuncio da moratoria, unha corta masiva de piñeirais ou zonas de frondosas autóctonas para plantar eucaliptos. “Dende o anuncio da suspensión temporal das plantacións de eucalipto en Galicia non se ten producido un incremento substancial de solicitudes de corta de piñeiro ou de frondosas”, alegan.
Reforzo da actividade inspectora
“A Consellería segue a traballar para poñer couto ás plantacións ilegais e a outros incumprimentos no eido forestal e así o amosan os datos de expedientes sancionadores e apercibimentos tramitados polos servizos xurídicos das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural no último ano”, asegura a Xunta.
“Estamos a falar dunha acción que, lonxe de diminuír, se reforzou”, insiste o Goberno galego, xa que posteriormente á entrada en vigor a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia (logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia no mes de maio), púxose en marcha un plan especial de control de novas plantacións que asegure o cumprimento da suspensión temporal aprobada, explican.