Aumentan un 14% as vendas certificadas de agricultura ecolóxica en Galicia

Os datos despréndense da memoria anual do Craega, que se fixo pública esta mesma mañá

Aumentan un 14% as vendas certificadas de agricultura ecolóxica en Galicia

Presentación da memoria anual do Craega.

No ano 2020 en Galicia, o número de vendas certificadas de agricultura ecolóxica aumentou un 14 % respecto do ano anterior. Son os datos que se desprenden do último informe anual do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia publicado esta mañá.

O Craega presentou hoxe a súa memoria anual nun acto celebrado no pazo de Quián (Sergude, Boqueixón), ao que asistiron o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, xunto co presidente e o secretario do Craega, Francisco López e Javier García.

Cumprimos o obxectivo de superar no 2020 os 100 millóns de euros, pois chegamos aos 108 millóns de euros

Un dos datos que máis salientou o presidente do Craega foi o volume de produtos certificados vendidos e, nese eido, lembrou o compromiso que adquirira co conselleiro de Medio Rural hai un ano. “Cumprimos o obxectivo de superar no 2020 os 100 millóns de euros, pois chegamos aos 108 millóns de euros”, apuntou.  En canto ao número de operadores, incidiu en que vai a seguir o aumento, “o sector ecolóxico está medrando e agardamos que, para o vindeiro ano, os datos sexan mellores”.

A superficie adicada ao cultivo ecolóxico aumentou un 126% nunha década

Javier García debullou os datos que se recollen na memoria, empezando polos da superficie ecolóxica, que nunha década medraron un 126 %, ata acadar as 32.055 hectáreas. As provincias interiores de Lugo e Ourense acaparan o 82 % do total de superficie inscrita en agricultura ecolóxica: Lugo concentra máis da metade (52,6 %) da superficie, con 16.854 hectáreas e Ourense é a provincia que máis medra respecto do 2019, 773 ha (9.404 ha totais).

A única provincia que reduce a súa superficie de cultivo é Pontevedra, con 4.047 ha menos e queda en 2.096 ha. García explicou que isto foi debido, principalmente, “a que se deron de baixa dúas comunidades de montes”.

En canto aos operadores, 2020 pechouse con 1.310 inscritos, un 10,83 % máis que o ano anterior. O sector da agricultura ecolóxica de Galicia ten dous polos territoriais: a provincia de Lugo leva o peso da produción con 369 operadores e a de Pontevedra o da industria, con 122.

Os elaboradores case se cuadriplicaron na última década

Cabe incidir en que os elaboradores case se cuadriplicaron na última década e, hoxe, representan o 25,8 % dos inscritos. Nos produtores, un dos datos máis importante é que, con 158 operadores, as provincias atlánticas concentran a totalidade da actividade acuícola, representando o 16 % dos produtores primarios.

No volume de vendas, García explicou que se viu incrementado polo crecemento das empresas elaboradoras. O 2020 pechouse con 108.366.111 de euros e certificáronse 15,58 millóns de euros máis que o ano 2019, pese a pandemia. A produción animal leva o peso do Craega no que se refire ao volume de vendas certificadas. Con 63,12 millóns de euros, supón o 58 % do volume de vendas certificadas.

A Coruña destaca como a provincia que máis medra en facturación. Despediu 2020 cunha cifra de 27,2 millóns de euros, un 30 % máis que no exercicio anterior. Á marxe do leite, os ingresos do sector ecolóxico galego apóianse nas carnes (15,28 millóns de €), conservas de peixe (14,3 millóns de €) e nos ovos (7,8 millóns de €) como principais producións por volume. Ademais, esperta a produción vexetal, cun crecemento notable nos tubérculos, na recolleita silvestre e na horticultura que tanto demandan hoxe os consumidores galegos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información