Os consumidores galegos apostan cada vez máis polos produtos alimentarios galegos, frescos e de tempada. Así se pon de manifesta en ‘Hábitos Alimentación’ , un completo estudo sobre a cesta da compra realizado pola Unión de Consumidores de Galicia. O traballo, cuxas conclusións se presentaron este venres en Santiago de Compostela, foi feito a partir de 1.142 enquisas realizadas entre setembro e decembro do 2018.
Unha das conclusións do estudo é que a evolución do consumo de produtos frescos mostra un saldo positivo de case un 17%. Por idades, son os maiores de 60 anos os que máis apostan por estes produtos (21,89%) e os que menos os grupos de idade de entre 41-50 (9,17%) e 51-60 (12,16%).
Tamén aumenta o consumo de produtos locais (saldo positivo de máis do 28%), este aumento é especialmente alto nas persoas de entre 41-50 anos (34,81%). O mellor dato é para os produtos de tempada, a súa evolución positiva supera o 31%. Por idades, son os menores de 30 anos os que máis apostan por eles (36,93%).
Un gasto medio en alimentación de 293 euros ao mes nos fogares galegos, inferior aos 312 de antes da crise
Ademais, analizáronse os cambios nos hábitos de compra dos fogares galegos atendendo ás variacións da súa capacidade adquisitiva para saber se como resultado das dificultades económicas dos últimos anos modificaron os seus comportamentos. Máis dun 50% das persoas enquisadas respostaron afirmativamente á pregunta de se a situación económica dos últimos anos provocou cambios nos seus hábitos de compra.
Por idades, a franxa máis afectada foi a comprendida entre os 51 e 60 anos. Por provincias, os que cambiaron en maior medida os seus hábitos de compra foron os pontevedreses (63,03%) seguidos dos habitantes da provincia de Lugo (55,86%), os da Coruña (53,50%) e xa, por último, os de Ourense (49,02%).
En relación ás medidas adoptadas polos fogares galegos para adaptarse á situación económica case o 70% decantouse pola procura de ofertas, un 62,52% polo mellor aproveitamento dos alimentos e, consecuentemente, unha redución do desperdicio dos mesmos. En terceiro lugar, apostar polas marcas de distribución.
Para establecer como afecta a capacidade económica das familias ao seu gasto en alimentación preguntouse cal era o gasto mensual actual en alimentación e cal era antes da crise. O resultado arroxa unha realidade preocupante, os galegos e galegas destinan menos diñeiro aos seus gastos en alimentación do que destinaban antes da crise. Existe unha gran variación á baixa na porcentaxe de persoas que máis gastaban en alimentación antes da crise, o seu movemento a outros tramos de gasto resulta revelador.
Así, o número de fogares que gastaban máis de 500 euros en alimentación diminuíu en máis dun 26% na última década, e hai unha redución dun 17% nos fogares que gastaban entre 350 e 500 euros. No extremo oposto, o número de fogares que dedicaban entre 100 e 200 euros ao mes para alimentación aumentou case un 21% e dos que gastan entre 200 e 350 euros, case un 17%.
Convén sinalar que o gasto medio actual en alimentación está en 293 euros ao mes pero antes da crise os fogares galegos gastaban de media 312 euros. Teñamos presente que os salarios dos traballadores foron en 2018 inferiores aos de 2008 e que o prezo dos alimentos subiu nos últimos anos.
Frecuencia no consumo de alimentos: Exceso de carne e falta de lácteos nos máis novos
O estudo recolle os hábitos de consumo de galegos e galegas de distintos grupos de alimentos ao fin de ter un coñecemento máis detallado da dieta desde a perspectiva dunha alimentación equilibrada.
As cifras amosan que o consumo de verdura e hortalizas dista das recomendacións actuais e que estes datos agrávanse nos consumidores de menor idade xa que só un 27,45% dos menores de 30 anos consume verdura a diario. Así mesmo, o consumo de legumes debería mellorarse.
O consumo de froita brinda un bo dato, preto do 65% das persoas enquisadas comen froita a diario. Por idades, a franxa de entre 18 e 30 anos é a que consume froita con menor frecuencia, o 4,31% manifestan que nunca consumen froita e o 32,55% o fai cunha frecuencia inferior a 3 días á semana. A medida que aumenta a idade aumentan tamén a frecuencia de consumo. Case o 80% das persoas maiores de 60 anos comen froita a diario.
As cifras sobre consumo de peixe establecen que case un 48% da poboación galega consume peixe dúas ou tres veces por semana. Porén, máis do 27% só o consume unha vez. Por idades, os datos son preocupantes na franxa de menores de 30 anos xa que máis do 37% indica que só o consume unha vez por semana e case un 19% con menor frecuencia ou nunca.
Os datos referidos ao consumo de carnes roxas e procesadas son moi superiores ás recomendacións de consumo realizadas por expertos e profesionais. Máis do 44% dos galegos e galegas consume este tipo de carnes dúas ou tres veces por semana e supera esta frecuencia máis dun 20%. Por idades, son os consumidores de entre 41 e 50 anos os que os consumen con maior frecuencia (72%).
En relación ao consumo de pan, por provincias é Ourense a que ten a maior frecuencia no consumo diario (83,17%), seguida de Pontevedra (76,75%), Lugo (74,75%) e A Coruña (72,41%). Por idades, son as persoas maiores de 50 anos as que fan con maior frecuencia un consumo diario de pan (85%).
A recomendación sobre a frecuencia de consumo diario de produtos lácteos cúmprese en Galicia, tres de cada catro persoas cumpren a recomendación. Por provincias é A Coruña (80,21%) onde o consumo diario de lácteos acada o mellor dato e Ourense a que peor cifras arroxa (70,59%).
O dato preocupante é o que se refire á frecuencia de consumo entre as persoas menores de 30 anos xa que a cifra de consumo diario é do 63,14%, máis de quince puntos por debaixo da dos maiores de 60 anos.
Aspectos destacábeis das compras de alimentación: Cada vez menos compras semanais e concentradas nos supermercados
Atendendo aos datos destaca un incremento na opción de compra tanto no pequeno comercio como en mercados. Por idades, a compra en mercados e prazas resulta máis atractiva para as persoas de maior idade, a maior porcentaxe concéntrase no segmento de entre 51 e 60 anos. Son os menores de 30 anos os que optan menos por esta tipoloxía de establecementos, non chegan ao 20%. Nesta franxa de idade domina o formato de supermercado, máis do 90% das persoas entre 18 e 30 anos opta por eles. O pequeno comercio acada a súa maior cota de aceptación na franxa de entre 41 e 50 anos (39%) e a peor entre os menores de 30 anos.
Unha tendencia que xa amosaban estudos anteriores da UCGAL amosa que as persoas consumidoras galegas están a diminuír o número de compras semanais, así máis do 57% das persoas enquisadas realizan as súas compras 3 ou máis veces por semana. Neste grupo hai máis mulleres (32,96%) ca homes (25,71%). Por idades, son as persoas maiores as que máis realizan a súa compra a diario. No lado oposto vemos que son as persoas máis novas as que compran con menor frecuencia.
No tocante aos aspectos que inciden na opción de compra, a calidade segue a ser o aspecto dominante entre galegos e galegas con máis dun 83% que a consideran ‘Bastante ou moi importante’. En segundo lugar está a opción de produto fresco (72,65%) e a variedade de produtos en terceiro posto (61,63%). O prezo aparece en quinto lugar, sendo un factor determinante par un 50.09% das persoas consumidoras.