O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación outorgou o Premio Alimentos de España á Mellor Bebida Espirituosa con Indicación Xeográfica 2024, por igual, a Augardente Vedra del Ulla e o Pacharán Navarro Besarana Etiqueta Negra.
Augardente Vedra del Ulla, da empresa Augardentes de Galicia, situada en Vedra (A Coruña), foi premiada polo seu arraigamento local, uso de materias primas tradicionais, esforzo en comercialización e exportación, e investimento en investigación e desenvolvemento. O destilador e brand manager da casa é o compostelán Miguel Ángel Gómez González.
Pacharán Navarro Besarana Etiqueta Negra está elaborado pola empresa Hijos de Pablo Esparza – Bodegas Navarras, situada na localidade navarra de Villava/Atarrabia. O xurado destacou o seu carácter familiar, esforzo comercializador, compromiso coa innovación e a sustentabilidade, e os seus programas de consumo responsable e colaboración con universidades.
O pasado 11 de xuño tivo lugar a sesión de cata para seleccionar ao galardoado nesta categoría dos premios Alimentos de España, na sede da Federación Española de Espirituosos en Madrid. Entre os membros do xurado atopábanse destacados expertos da Real Academia de Gastronomía, Unión de Catadores de España, Espirituosos de España e da administración pública.
O proceso de avaliación das bebidas participantes concluíu cunha valoración detallada da traxectoria e esforzos das empresas elaboradoras en áreas como a comercialización, a innovación, o desenvolvemento rural e a sustentabilidade.
Creados en 1987, os premios Alimentos de España recoñecen o labor de empresas e produtos que destacan pola súa calidade, innovación e contribución á gastronomía española. Este recoñecemento englóbase na campaña ?O país máis rico do mundo?, que reforza a marca España como potencia alimentaria e gastronómica de calidade.
A orde pola que se concede o Premio Alimentos de España á Mellor Bebida Espirituosa con Indicación Xeográfica pódese consultar nesta ligazón ao Boletín Oficial do Estado.