Atopan en supermercados españois carne de vacún producida na Amazonia deforestada

España importou máis de 20.000 toneladas de carne de vacún procedentes de empresas brasileiras relacionadas coa deforestación

Atopan en supermercados españois carne de vacún producida na Amazonia deforestada

Entre 2014 e 2019, España importou máis de 20.000 toneladas de carne de vacún procedentes de tres grandes empresas brasileiras relacionadas coa deforestación: JBS, Minerva e Marfrig. Así vén de facelo público a asociación Amigos da Terra nun informe que ampliou os datos recollidos polo Bureau of Investigate Journalism. Segundo a investigación dos ecoloxistas, estas tres multinacionais copan o 92% das importacións de carne de vacún da Unión Europea e están estreitamente relacionadas coa deforestación, a perda de biodiversidade, a explotación laboral e a violación dos dereitos dos pobos indíxenas do Amazonas.

No 2017, estas tres xigantes produtoras brasileiras de carne estiveron involucradas nun gran escándalo de seguridade alimentaria ao subornar a funcionarios de saúde para favorecer a venda e exportación de carne contaminada a Europa.

Logo dunha investigación realizada por Amigos de Terra en España xunto a Carro de Combate e á investigación paralela de grupos de Amigos da Terra en Europa, atopáronse produtos de carne de vacún destas multinacionais nos principais comercios minoristas europeos como Aldi, Edeka, Metro, Carrefour, Albert Heijn, Tesco e Sainsbury’s.

Amigos da Terra atopou nos datos do BFJ a empresas provedoras de supermercados como El Corte Inglés, Mercadona ou Alcampo e Carrefour en Canarias

Malia a deficiente normativa de etiquetado, que impide aos consumidores realizar un seguimento adecuado da produción cárnica, Amigos da Terra atopou nos datos do BFJ a empresas provedoras de supermercados como El Corte Inglés, Mercadona ou Alcampo e Carrefour en Canarias. Segundo a normativa da Unión Europea, a carne procesada non require etiquetado de orixe, polo que a investigación apunta a que seguramente sexan este tipo de produtos nos que acaban as importacións de carne de vacún brasileiras vencelladas á deforestación.

O Consello Europeo pretende asinar un tratado de libre comercio entre a Unión Europea e os países membros do Mercosur que os ecoloxistas veñen denunciando. De ser así, o acordo podería aumentar drasticamente as importacións de carne brasileira á UE, cunhas previsións de ata un 30% de aumento. A organización apunta a outros impactos que o Tratado podería ter, como maiores exencións nos controis de seguridade alimentaria e un maior comercio de praguicidas. Actualmente, en Brasil empréganse 149 praguicidas prohibidos en Europa.

Os ecoloxistas demandan deter o Acordo UE-Mercosur que consideran que só acelerará os problemas xa existentes relacionados coa deforestación, as violacións de dereitos humanos e a urxencia climática

Amigos da Terra avoga por unha transición radical no modelo actual de gandeiría e na forma na que se producen, distribúen e consumen os alimentos; e demandan deter o Acordo UE-Mercosur que consideran que só acelerará os problemas xa existentes relacionados coa deforestación, as violacións de dereitos humanos e a urxencia climática.

“Este acordo supón camiñar totalmente na dirección contraria á que establecen as políticas climáticas internacionais e as políticas europeas como o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica ou a estratexia Da Granxa á Mesa” explica Andrés Muñoz, responsable de Soberanía Alimentaria de Amigos da Terra. “Por iso, estamos a realizar tres demandas clave ao goberno de España e da Unión Europea: deter o acordo UE-Mercosur; introducir a debida dilixencia ambiental e de dereitos humanos obrigatoria, incluída a responsabilidade polos danos causados, e modificar a normativa europea que regula o etiquetado da carne”, concreta.

Nesta ligazón podes ler o informe completo de Amigos da Terra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información