A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Aterra, unha iniciativa na Limia e Arnoia que activa a oferta de terras para o agro

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia impulsa un proxecto que conecta a demandantes e ofertantes de terras. A iniciativa abrangue 25 municipios de Ourense de 4 comarcas, con participación dos diferentes axentes sociais do territorio

Aterra, unha iniciativa na Limia e Arnoia que activa a oferta de terras para o agro

Aterra.gal é un proxecto do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia para dar resposta á demanda de terras, tanto agrarias como forestais, nos 25 municipios das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova. Esta iniciativa actúa como ferramenta para conectar ás persoas demandantes, que procuren a creación ou ampliación dun proxecto agrícola ou gandeiro, con persoas propietarias de terras en abandono e que estean interesadas nunha cesión, aluguer ou venda. Para iso, desenvolveuse o proxecto Aterra.

En que consiste Aterra?

“Esta é unha iniciativa pensada para solucionar as demandas de terra existentes. Temos un territorio de 25 Concellos con moita terra en desuso e dispoñible para a produción agraria”, explica a coordinadora do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia Eva González. Para activar a oferta de terra e conectala coa demanda, o proxecto conta co equipo humano do GDR e, especialmente, con toda a rede de axentes locais. A iso úneselle unha web, Aterra.gal, que actúa a modo de banco de terras dixital, cun visor xeográfico no que se poden consultar as parcelas ofertadas.

“Aterra é unha iniciativa pensada para solucionar as demandas de terra existentes, así como para darlle novos usos ás superficies que están en abandono parcial ou total” (Eva González)

“Nas comarcas que abarca o Grupo de Desenvolvemento Rural hai realidades moi distintas, pero a inicios deste ano, cando elaboramos a estratexia do 2022, démonos de conta de que a reactivación de terra agraria en abandono era un asunto capital para tódolos concellos das nosas comarcas”, detalla Eva.

Nos 25 municipios que comprenden a iniciativa, “existen dúas realidades, unha centrada principalmente na Limia, caracterizada pola concentración de actividade agrícola, e outra, na que se engloba a superficie restante, que está nunha situación comparable á de gran parte de terras do interior de Galicia, isto é, en abandono parcial ou en desuso. Por iso, tanto na Limia como entre produtores do resto do noso territorio é moi probable que exista xente que teña necesidade de ampliación ou que demande terra, e aí intervén a nosa iniciativa, para conectar ambas partes ”, detalla a coordinadora.

Sistema de traballo

A iniciativa Aterra complementa as estruturas tradicionais do ‘boca a boca’ , que ademais considéranse claves para o éxito da iniciativa, coas novas tecnoloxías. “Pensamos en idear un visor xeográfico dixital que fose un punto de encontro entre o demandante e o ofertante, pero sen romper eses métodos tradicionais existentes para alugar, mercar e vender terreos”, amplía Eva González.

Por ese motivo, o proxecto Aterra está conformado por catro pezas fundamentais: asesoramento técnico do GDR, contacto cos diferentes axentes sociais das comarcas, comunicación e novas tecnoloxías.

“Pensamos en idear un visor xeográfico que fose un punto de encontro entre o demandante e o ofertante, pero mantendo ademais o sistema tradicional do boca a boca” (Eva González)

A iniciativa abarca tanto a xestión de superficies agrarias como forestais. Neste sentido, Aterra pode incluír terreos dispoñibles de comunidades de montes, así como calquera propiedade forestal particular.

Para a dinamización da oferta de terras, a coordinadora do GDR Limia – Arnoia precisa que o proxecto pode botar man das ferramentas que aporta a Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia, como os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta ou as aldeas modelo, “comprometéndonos tamén coa conservación e fomento da biodiversidade”, agrega Eva González.

O GDR é optimista sobre a potencialidade do servizo. ”Está pensado para darlle resposta ao relevo xeracional, posto que tódolos anos temos nas nosas comarcas unha serie de profesionais do agro a piques de xubilarse e Aterra pode ser unha opción para buscarlle unha continuidade a esas producións agrícolas e gandeiras. En paralelo a esa situación, “temos persoas que están buscando ampliar a súa actividade agraria e que precisan maior superficie, unha demanda á que pretendemos dar resposta”, explica a coordinadora do GDR.

“Queremos impulsar o relevo xeracional, posto que hai moitas persoas profesionais do agro a piques de xubilarse” (Eva González)

Como funciona? Pasos a seguir

Partindo dunha análise do uso, ocupación e aptitude do territorio rural, Aterra achega un visor dispoñible na web, deseñado a medida para a comarca. “Trátase dunha ferramenta visual e sinxela, pensada para que poida ser empregada por unha maioría de persoas usuarias. A tecnoloxía permitirá conectar de maneira simple ás persoas demandantes de terra coas que ofrecen terras ou proxectos agrarios en marcha”, sinala Eva González.

“O visor de Aterra.gal trátase dunha ferramenta visual e sinxela, pensada para que poida ser empregada por unha maioría de persoas usuarias” (Eva González)

Oferta

Os propietarios interesados en ofertar as súas parcelas en cesión, aluguer ou venda poden poñerse en contacto co GDR para indicarllo. Esas parcelas en oferta que se vaian sumando á iniciativa aparecerán no visor xeográfico, de xeito que as persoas que busquen terras poidan valoralas.

Outra opción é que os propietarios poñan directamente no visor xeográfico un aviso de oferta nunha parcela concreta.

“A situación ideal sería a dun funcionamento fluído do sistema, de xeito que vaian aparecendo demandantes para as terras ofertadas. No caso de que non sexa así, somos nós os que, coa referencia do terreo, procurariamos buscar unha persoa interesada. En calquera dos casos, a cesión, aluguer ou venda sempre vai pasar por nós”, explica González.

Neste sentido, o Grupo de Desenvolvemento móstrase coma un acompañante en todo o proceso, sendo “soporte e á vez garantía para aquela xente que teña certas dúbidas. Sempre imos funcionar a través dun contrato escrito, que pode ser de cesión, venda ou aluguer, para aportar garantías xurídicas”, asegura a coordinadora.

“Sempre imos funcionar a través dun contrato que pode ser de cesión, venda ou aluguer, para aportar garantías” (Eva González)

Demanda

As persoas interesadas nunha parcela poderán indicalo a través do propio visor xeográfico da web, ou ben poderán chamar por teléfono ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) ou enviar un email. “A partir dese primeiro contacto, se o demandante se manexa ben coa tecnoloxía do visor, recibirá indicacións de como crear un aviso de demanda”, explican.

En caso de que unha persoa estea buscando terras e non atope no visor ningunha parcela que lle encaixe ou non dea contactado co propietario de terras que lle interesan, tamén pode transmitirlle ó GDR as súas necesidades: “Nese momento, a maquinaria do GDR poñerase en marcha, tirando man da rede de contactos establecida cos axentes locais implicados, ata darlle resposta a esa demanda”, concreta a coordinadora.

Así mesmo, “axudaremos ás persoas emprendedoras , asesorándoos sobre a posibilidade de apoios a través do GDR, das oficinas agrarias e doutras entidades públicas ”, amplía Eva González. “En definitiva, esta iniciativa representa unha aposta moi importante que fai o GDR da Limia na liña da Lei de Recuperación de Terra Agraria”.

“O noso obxectivo é potenciar un sector agrogandeiro forte nas comarcas, xa que é a base para a diversificación da actividade do noso territorio. Buscamos que a xente teña facilidades para asentarse nun rural activo”, reivindica a coordinadora do GDR, Eva González.

Aterra representa un dos eixos centrais da estratexia de desenvolvemento local que está deseñando o GDR Limia-Arnoia para o período 2023-2027. “Nós queremos que a terra se poña a producir e que sexa a través dun contrato. Démonos de conta de que en Galicia a porcentaxe de aluguer de terras é altísima, e unha vez fixemos a proposta ao resto de axentes relacionados, comprobamos a boa acollida que podía ter”, afirma González.

“Aterra é un primeiro paso, e á vez, unha iniciativa que pode ser clave para todas as comarcas galegas”, avanza González. As posibilidades do proxecto para replicarse no resto de Galicia son amplas, simplemente “tería que adaptarse ao contexto e aos usos do solo de cada zona, pero podería haber un ‘Aterra’ para calquera parte do territorio”, desexa.

Máis información: 

Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia

Sede Xinzo da Limia
T. 988 688 779 / administracion@limia-arnoia.gal

Sede Celanova
T. 988 43 16 54 / tecnico@limia-arnoia.gal

Sede Allariz
T. 988 442 535 / coordinadora@limia-arnoia.gal

Visor xeográfico coas parcelas dispoñibles: https://aterra.gal/visor/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *