
Foto: UPM
Antonio Morata Barrado é catedrático de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na Universidade Politécnica de Madrid (UPM). É tamén profesor de Enoloxía e Tecnoloxía do Viño no Máster Europeo en Viticultura e Enoloxía, Euromaster Vinifera-Erasmus+. Ademais, é o delegado español no Grupo de Expertos en Tecnoloxía do Viño e Presidente da Sección de Microbioloxía do Viño da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV).
Como profesional altamente especializado nas tecnoloxías que acompañan á produción vinícola, interveu nun foro telemático organizado por Infowine. O título da súa ponencia foi “Tecnoloxías emerxentes para reducir sulfitos en viños” e fixo un repaso pola situación actual, polos métodos tradicionais e polo que se albisca cara ao futuro.
Que son e como actúan os sulfitos?
Os sulfitos -principalmente dióxido de xofre- son derivados químicos a base de xofre que actúan como conservantes, antioxidantes e antisépticos na industria alimentaria. Evitan a oxidación dos produtos e son preventivos ante o crecemento de bacterias, fungos e levaduras nocivas, prolongando a vida útil dos alimentos.
No caso do viño, son fundamentais para, entroutras cousas, evitar que o mosto se volva vinagre. Todos os viños conteñen sulfitos naturais producidos durante a fermentación. Aínda que tamén se engaden para estabilizar. Incluso os viños orgánicos conteñen pequenas cantidades.
Non hai estudos contrastados que midan a cantidade de sulfitos que consumimos, hainos da cantidade presente nos alimentos
“Os sulfitos que teñen un código numérico de entre 220 e 228 son moléculas pequenas, activas e con grande capacidade antioxidante e antimicrobiana. Utilízanse no viño e noutros moitos alimentos. Dende hai anos, o seu emprego está cuestionado polos posibles efectos negativos que poidan ter sobre a saúde.”, dixo Morata
O catedrático quixo deixar claro que non se calculou a cantidade media de sulfitos que consumimos e que o viño non é precisamente o alimento onde máis están presentes. Aínda que tamén recoñeceu que un informe da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) estima que a presenza de sulfitos nos alimentos é un 12,5% superior ao recomendable.

O PH dos viños determinará a capacidade antioxidante dos sulfitos e, por tanto, as doses necesarias
Deterioros no sistema central nervioso e, por tanto, nos niveis cognitivos poden ser efecto dos sulfitos. Pero, aclarou Morata, non todas as persoas teñen a mesma reacción ou capacidade de asimilación dos sulfitos. Por outro lado, os efectos dos sulfitos dependerán de como reaccionen estes cos compoñentes de cada alimento.
Os sulfitos ralentizan o deterioro natural dos alimentos e combaten a aparición de microorganismos
Na intervención, explicou outros aspectos vencellados cos derivados do xofre empregados en enoloxía e viticultura. O dióxido de xofre (SO-2) é o máis utilizado e clasíficase en tres formas:
– Sulfuroso Libre: a fracción activa que protexe o viño da oxidación e a aparición de bacterias
– Sulfuroso Combinado: A parte do sulfuroso que xa reaccionou con outros compostos do viño (azúcares, antocianos, acetaldehído) e, por tanto, perdeu efecto protector
– Sulfuroso Total: A suma exacta do sulfuroso libre e o combinado
A actuación dos sulfitos fronte a procesos oxidativos no viño estará asociada sempre ao PH. “Estimando unha perda por debaixo do 20% da actividade máxima dos sulfitos, unha dose de 50 mg/litro de sulfuroso total sería a máis axeitada. Eso para Phs ´normais´, é decir por baixo de 3,5.” Sen embargo, dixo Morata, cando o PH está por riba de 3,5 a efectividade do 80% para 50 mg/litro non está garantida.

As adegas que elaboran viño en barricas son as máis interesadas en atopar alternativas aos sulfitos
Actualmente, os contidos autorizados máximos para viños con baixo contido en azucre son de 150 mg/litro nos tintos e 200 mg/litro para brancos e rosados. Porque os tintos son máis resistentes á oxidación. Para viños máis azucrados, pódese chegar ata 300 mg/litro.
Alternativas aos sulfitos
“Os sulfitos son a ferramenta antioxidante e antimicrobiana máis efectiva nos viños. Se se reducen as cantidades permitidas, hai que buscar alternativas. Algunhas xa se empregan de forma xeral e outras son menos coñecidas. E poden ser físico-mecánicas, químicas e biolóxicas.”
Morata falou de alternativas físicas tradicionais como a pasteurización, que desactiva enzimas oxidativas e microorganismos. “Pero ten un forte impacto sensorial. Incluso desenvolvéndoas de xeito rápido (técnica flash) alteran a expresión do viño.”
Para substituír os sulfitos hai ferramentas físicas, mecánicas, químicas e biolóxicas. O máis habitual é combinalas
“Temos tamén a filtración, moi eficiente ante microorganismos. Aínda que tamén cun forte impacto sensorial. Porque reduce aromas e matices en viños de estrutura forte. E despois están as tecnoloxías non térmicas emerxentes como a presurización ou os campos eléctricos pulsados (breves ráfagas de alta voltaxe no mosto ou no viño), que teñen menores impactos pero menor eficiencia.”
Por canto a alternativas químicas aos sulfitos, hai diferentes produtos que ofrecen diferentes resultados. “Algúns teñen alta capacidade antimicrobiana pero non antioxidante. E con outros sucede ao revés. E pode haber algúns moi efectivos fronte a levaduras pero que implican riscos de toxicidade.”

Un aspecto fundamental é que os substitutivos dos sulfitos non deixen pegada sensorial no viño
E hai tamén alternativas biolóxicas que están en auxe e ofrecen bos resultados e resultan inocuas. “Por exemplo a bioacidificación, que utiliza microorganismos vivos para incrementar de forma natural a acidez necesaria no viño. Ou a bioprotección, empregando microorganismos vivos para colonizar o medio e protexer as uvas, o mosto ou o viño de alteracións.”
Dende hai anos, o PH dos viños está medrando e eso fai que sexa preciso aumentar as doses de sulfitos
Centrándose só na acción antioxidante, o ácido ascórbico pode cumprir esa función. Pero o seu tamaño é superior ao dos sulfitos e pode desestabilizar os viños. Ou o glutatión, de efectividade baixa. Incluso lías, taninos e fenoles poden ser antioxidantes pero sen os resultados dos sulfitos e con notorio impacto sensorial.
Morata explicou que o seu departamento leva tempo experimentando con técnicas de ultrahomoxeneización a altas presións. “Son tecnoloxías compresivas que non introducen aire no viño. En válvula acadan altas temperaturas pero cun tempo de exposición inferior a 0,2 segundos. Con impacto sensorial baixo e boa efectividade antioxidante e antimicrobiana.”
Un principio fundamental é que empreguemos alternativas aos sulfitos que non deixen impacto sensorial no viño
Porque os elementos oxidativos do viño, especialmente as enzimas, poden permanecer latentes e mesmo reproducir procesos de oxidación unha vez rematada a fermentación. “Nese sentido, garanten unha barreira antioxidante de máis duración que os sulfitos.”
O profesor destacou tamén, na parte de control de bacterias, o ácido fumárico. “Leva moitos anos empregándose en alimentación como acidificante, para baixar o PH. É pouco soluble pero xa hai tecnoloxías para axustalo. Reduce a acción dos microorganismos e non se perciben desequilibrios no viño logo de usalo.”

Algúns produtos e técnicas permiten reducir os sulfitos actuando sobre a uva e non sobre o viño
Na OIV validaron o emprego de ácido fumárico para o control bacteriano durante a fermentación maloláctica. “En brancos, espumosos e rosados soen aparecer fermentacións malolácticas non desexadas. Co ácido fumárico logramos reducilas.”
Respecto do ácido láctico, Morata valora as súas capacidades de favorecer unha fermentación maloláctica axeitada. “Pero ten o problema de que é necesario ir a concentracións de ata 4 gramos por litro, o cal encarece o proceso e tampouco da os resultados antibacterianos que ofrecen os sulfitos.”
Caso aparte é o ozono. O seu uso está moi estendido nas adegas, aínda que o habitual é empregalo para limpeza e sanitización de instalacións e equipamentos. “Agora estamos a investigar de cara a que o ozono poida aplicarse en tratamentos de uva e viño. É unha molécula moi tóxica e de actividade alta. Por eso é letal para bacterias e microorganismos. E coa vantaxe de non deixar rastros porque, en doses axeitadas, as moléculas evolucionan a osíxeno.”
O ozono está pasando de ser un elemento de limpeza de instalacións e equipos a funcionar como antibacteriano no viño
O catedrático indicou que se pode empregar o ozono en tratamentos en viñedo para sanitizar a uva. Porque consegue que se desenvolvan levaduras non saccharomyces, que son as que frean a fermentación alcohólica.
Tamén se mencionou a quelación, unha técnica química para eliminar ou bloquear os metais pesados (principalmente o ferro e o cobre). Porque exceso destes metais pode provocar alteracións graves no viño, como a turbidez ou o cambio de cor. Proteínas de chícharo, ou ferrocianuro potásico son axentes quelantes.
Lachancea thermotolerans
Dende hai anos, a redución de sulfitos é algo que buscan as adegas que fan elaboracións en barrica. Porque, logo de décadas de emprego, son cada vez menos efectivos e acaban diluídos por outros principios activos. E o viño queda pouco protexido, especialmente se presenta un PH alto.

A quelación conduce a viños limpos e de cor pura pola supresión de metais
Unha liña de traballo emerxente está en tentar conseguir de levaduras resistentes a sulfitos. Faise mediante tecnoloxías de enxeñería evolutiva. “Xa temos cepas da levadura lachancea thermotolerans que axudan a que a acidificación se produza de forma efectiva en presenza de sulfitos.”
O uso da Lachancea está medrando en todo o mundo debido aos beneficios contrastados na vinificación
A lachancea ten unha capacidade única de producir ácido L-láctico a partir dos azucres da uva. Dese xeito elévase a acidez do viño de forma biolóxica e a báixase o seu pH sen necesidade de engadir ácido tartárico químico. E tamén se reduce o grao alcohólico ao desviar parte dos azucres á produción de ácido láctico en lugar de etanol.
Outra aportación da lachacea é a mitigación dos efectos do cambio climático que adoita provocar uvas con moito azucre e moi baixa acidez, especialmente en zonas cálidas. Coa levadura acádanse viños máis frescos ao reducir azucres. E tamén se melloran os aromas.
A capacidade fermentativa da levadura lachacea é limitada. Por eso, as adegas utilízana habitualmente nun proceso de fermentación secuencial, introducindo primeiro a Lachancea para acidificar o mosto e despois a levadura Saccharomyces cerevisiae tradicional para completar a fermentación alcohólica.
Conclusións
Logo de repasar todas as alternativas e combinacións, Morata asegurou que mellor que suprimir os sulfitos é racionalizar o seu uso. “É moi difícil substituír todas as funcións que cumpren os sulfitos. E máis agora que os PH dos viños están subindo. Se esa suba implica un maior uso de sulfitos, tamén implicará un aumento de doses de produtos alternativos.”
O especialista aduciu que unha soa molécula de sulfito cumpre as funcións antioxidante, antimicrobiana e antioxidásica (inactivar enzimas que aceleran a oxidación). E non hai outros produtos que cumplan esa triple función por si sós, hai que combinalos con outros e en doses máis elevadas que os sulfitos.
A medio prazo, considera, iranse diminuíndo as doses de sulfitos no viño a medida que se vaian perfeccionando as actuais técnicas e sustancias alternativas ou que vaian aparecendo outras novas. Pero, a día de hoxe, a eficacia dos sulfitos non se chegou a acadar con elementos e procesos diferentes.
Galego









Control OJD