Ata o 30% dos viticultores galegos inspeccionados por AICA venderon uva sen contrato

Así o puxo de manifesto o director da AICA na “Xornada sobre a relación adega-viticultores coa Lei da Cadea Alimentaria”, organizada polo sindicato Unións Agrarias. Entre febreiro e marzo empezarán as inspeccións sobre prazos de pago aos viticultores

Publicidade
Ata o 30% dos viticultores galegos inspeccionados por AICA venderon uva sen contrato

Vendima na Ribeira Sacra

Ata o 30% dos viticultores galegos inspeccionados pola Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) venderon a uva nesta vendima sen contrato, unha porcentaxe superior á media española, que se situou no 20% de incumprimentos.

Así o puxo de manifesto José Miguel Herrero, director da AICA, na “Xornada sobre a relación adega-viticultores coa Lei da Cadea Alimentaria”, organizada polo sindicato Unións Agrarias e que se celebrou onte na cidade de Ourense.

José Miguel Herrero lembrou que desde o ano 2014 a Lei da Cadea Alimentaria obriga a que as compra-vendas de uva no sector vitivinícola superiores a 2.500 euros teñan un contrato por escrito, asinado antes da entrega, cun prezo determinado e que a adega pague ao viticultor, como norma xeral, nun prazo máximo de 30 días, contados a partir da última entrega de uva á adega. Establécese unha excepción para as adegas cooperativas en relación cos seus socios.

Neste sentido, o director da AICA indicou que “fixemos en toda España 425 requirimentos a viticultores de forma proporcional ao volume de uva comercializada por cada zona vitícola e en Galicia fixéronse inspeccións nas principais zonas produtoras, sobre todo en Rías Baixas e tamén no resto de Denominacións de Orixe”.

O resultado, segundo José Antonio Herrero é que “entre un 25 e un 30% dos viticultores inspeccionados en Galicia non nos entregaron os contratos, polo que imos visitar esas adegas para comprobar se incumpriron ou non a lei”. No caso de España os incumprimentos en contratos con viticultores roldan o 20%.

Soamente poderase pagar a 60 días nas Denominacións de Orixe nas que os Consellos Reguladores teñan validación de colleita

En canto aos prazos de pago, o director da AICA advertiu que “soamente aqueles Consellos Reguladores que teñan nos seus pregos de condicións a posibilidade de validación de colleita poden facer o dobre pago”. O dobre infesto consiste nun pago base a 30 días desde a última entrega de cada viticultor, e un pago adicional, que é un plus, cando o Consello Regulador valida esa uva e cualifícaa, amparándoa dentro da Denominación de Orixe. Desde o momento que se lle comunica ao viticultor que a uva foi amparada ou descualificada a adega ten un prazo de 30 días para pagarlle ese plus.

“Se o Consello Regulador non ten a validación de uva nos seus pregos, as adegas terían que pagar as uvas a 30 días desde a última entrega de cada viticultor”, advertiu José Miguel Herrero.

“En febreiro empezarán as inspeccións ás adegas para comprobar que cumpriron os prazos de pago a viticultores”

“De momento, o Consello Regulador de Rías Baixas realizounos unha consulta e se que teñen esta posibilidade nos seus pregos, no resto dos consellos reguladores galegos non se se o teñen”, engadiu.

Ademais, Ferreiro anunciou que durante os meses de febreiro e marzo a AICA empezará a realizar inspeccións, algunhas delas sorpresa, nas adegas para comprobar que cumpriron os prazos de pago cos viticultores.

Sancións por incumprimento das obrigacións de contratos e de prazos de pago

En canto ao sistema de penalizacións, o director da AICA explicou no seu relatorio que as sancións son de 3.000 euros para a ausencia de contrato ou as modificacións unilaterais e de 3.001 a 100.000 euros para os incumprimentos dos prazos de pago. “Pero hai que ter en conta que as sancións se multiplican en función dos contratos que non se fixeron ou das facturas que non se pagaron en prazo, polo que se unha adega non asinou un contrato con 4 viticultores terá que multiplicar a sanción de 3.000 euros por catro”, subliñou.

Os representantes dos consellos reguladores critican que “se creou un problema onde non o había”

A aplicación da Lei da Cadea Alimentaria no sector do viño foi analizada posteriormente nunha mesa redonda na que participaron, ademais do director da AICA, a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Asunción Rodríguez Zarraquiños; o vicepresidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, José Felicísimo Pereira Freijido, e o secretario de Agricultura de Unións Agrarias, José Ramón González.

 Presidenta da DO Monterrei: “Hai adegas que teñen problemas para cumprir cos novos prazos de pago”

Neste sentido, a presidenta da D.O. Monterrei foi especialmente crítica coa lei “por non ter en conta as distintas realidades”, sobre todo no prazo de pago da uva. “Antes en Monterrei non había problema no prazo de pago da uva e agora si hai algunhas adegas que non poden afrontar os pagos nese prazo”, asegurou.

Na mesma liña pronunciouse o represente da D.O. Ribeiro. José Felicísimo Pereira recoñeceu que “o viticultor é a parte máis débil pero habería que ver tamén a situación das adegas, porque pagar a 60 días pode ser un prazo moi curto para algunhas”. “O aconsellable -subliñou- sería que non se dilatasen os pagos da UVA ata o verán e chegar a acordos con solucións viables para viticultores e adegas”.

José Miguel Herrero: “É unha revolución no sector, pero era necesario acabar con malas prácticas moi antigas”

A este respecto, o director da AICA lembrou que “a lei da Cadea Alimentaria prohibe acordos entre as partes para ampliar os prazos de pago”. “Somos conscientes de que é unha revolución no sector, pero era necesario acabar con malas prácticas que levaban moitos anos presentes”, subliñou.

Neste sentido, asegurou que “na Axencia temos as portas abertas para resolver todo tipo de dúbidas e estamos dispostos a axudar e a asesorar a adegas e viticultores en canto a modelos de contratos”.

José Ramón González (UUAA): “O que falta é determinar os custos de produción da uva en cada DO”

Participantes na mesa redonda

Participantes na mesa redonda

Por último, o secretario de Agricultura de Unións Agrarias, José Ramón González, advertiu de que “o que nos falta é determinar uns índices de referencia obxectivos, verificables e non manipulables para determinar canto nos custa producir a uva”.

Neste sentido, defendeu “a negociación dos contratos de forma colectiva por denominación de orixe, e aínda que non fixemos un prezo, porque a lei prohíbeo, si que podemos falar de custos de produción e logo negociar coas adegas a marxe de beneficio”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información