A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou este venres o potencial das achegas para impulsar proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas, que contribúen a apoiar iniciativas que dinamizan o tecido socieconómico das contornas rurais. Fíxoo hoxe nunha visita ás instalacións de Lualco, unha empresa lucense dedicada á transformación e comercialización de produtos cárnicos.
Durante o seu percorrido por Lualco, no que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, a conselleira explicou que, grazas a unha subvención de preto de 43.000 euros, a empresa puido levar a cabo un proceso de modernización, mellora tecnolóxica e ambiental das súas instalacións, o que amosa a potencialidade das achegas.
Gómez asegurou que dende a Consellería do Medio Rural se está a apostar por este tipo de iniciativas. Como mostra deste compromiso, lembrou a recente convocatoria desta liña de achegas, que conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros -600.000 euros máis que na anualidade anterior- e que pode solicitarse ata o 19 de febreiro.
As achegas van dirixidas a pequenas empresas situadas en zonas rurais, e as persoas físicas que residen nesas contornas e, a través delas, os beneficiarios poden financiar a adquisición de bens de equipo, o que favorece a ampliación e a modernización do sector produtivo no medio rural. Asemade, a conselleira salientou que contribúen ao desenvolvemento de actividades en ámbitos como a produción de bens e materiais, a transofrmación e comercialización de produtos agrarios ou a prestación de servizos.
Segundo sinalou a conselleira, o Goberno autonómico investiu máis de 20,6 millóns de euros nos últimos dez anos para financiar este tipo de proxectos. Este montante permitiu beneficiar a máis de 500 novas empresas que xeraron máis de 450 novos empregos e consolidaron 3.850 postos de traballo.
Galego





Control OJD