Ata o 10 de xaneiro poden solicitarse as axudas para previr os danos da fauna salvaxe no gando e nos cultivos

OVICA_malla_electrificadaA Xunta de Galicia ten aberto o prazo para a solicitude das axudas para previr e paliar os danos da fauna salvaxe (xabarín, lobo e oso) tanto nos cultivos como no gando.

O prazo de solicitude abriuse este mércores e prolongarase ata o 10 de xaneiro. As liñas de axudas que se subvencionan no caso das medidas de prevención son:

1. ADQUISICIÓN DE CANS PROTECTORES DO GANDO:

– Mastín español, mastín do pirineo ou can de palleiro
– Máximo 4 meses de idade
– Importe: 300 €/can ata un máximo de 3 cans por explotación

2. MANUTENCIÓN DE CANS PROTECTORES DO GANDO:

– Mastín español, mastín do pirineo ou can de palleiro
– Importe: 200 €/can ata un máximo de 3 cans por explotación

3. ADQUISICIÓN DE PASTORES ELÉCTRICOS DE BATERÍA OU PLACA FOTOVOLTAICA:

– Pastor de BATERÍA ou de REDE: 150 €/pastor
– Pastor de PLACA FOTOVOLTAICA: 300 €/pastor
– Importe total máximo de 600 €/explotación

4. ADQUISICIÓN DE MALLAS:

– Altura mínima 90 cm e lonxitude mínima 50 m.
– Importe: 100 €/malla
– Máximo: 8 mallas/explotación

As axudas poden solicitarse nesta ligazón. 

Dendee a Xunta de Galicia salientan que as ordes de axudas de medidas preventivas contan cun importe de 2,52 millóns de euros, aos que hai que sumar outros 3,05 millóns de euros das ordes que se convocarán para paliar os danos provocados, o que supón un incremento do 45% respecto ao orzamento deste ano.

Axudas para paliar os danos da fauna salvaxe

A partida máis importante, irá para as axudas de indemnización (911.268 euros) e de prevención (2,06 millóns) dos danos do lobo dirixidas a propietarios de gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino inscritos no Rexistro de explotacións gandeiras (REGA).

Como novidade, increméntanse nun 10% os importes destinados a paliar os danos provocados polo lobo con respecto ao baremo de 2024”. Cun 50% máis de orzamento que este ano, as contías oscilarán entre os 41,47 euros a percibir por un exemplar de gando ovino/cabrún adulto e os 2.858,57 euros por unha vaca de raza autóctona de entre dous e seis anos de idade. Estes importes, en todo caso, poderán incrementarse tamén nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas avaliadas de xeito favorable.

De igual xeito, serán subvencionables os gastos veterinarios, de eutanasia e por abortos derivados do acto de depredación e prevese un importe adicional, en concepto de lucro cesante, no caso de gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite.

Así mesmo, para previr os danos do lobo, os interesados poderán acollerse a tres liñas de axudas diferentes que suman 2,06 millóns de euros: unha para compra e manutención de cans protectores do gando, pastores eléctricos e cerrumes electrificados; outra para cubrir os custos de instalación de valados fixos, electrificados ou con malla metálica; e a terceira, para contratar persoas coidadoras do gando, unha liña que se convocou por primeira vez no ano 2023 e a través da cal os gandeiros poderán acceder a unha subvención de ata 18.000 euros e solicitar un anticipo do 50%.

Xabaril e oso

No caso do xabaril, a Xunta destina máis de 2,4 M€ en achegas. Así, o orzamento das axudas para paliar os danos en explotacións profesionais ou terras de cultivo agrario para autoconsumo ascende a 2,02 millóns de euros, cun máximo de 2.750 euros por subvención, a mesma contía que este ano. Ademais, reservaranse 450.000 euros á convocatoria de incentivos para custear a adquisición de pastores eléctricos fronte a esta especie.

Ademáis, a Xunta destinará uns 130.000 euros a compensar os danos ocasionados polo oso: 120.000 para indemnizar polos destrozos sobre colmeas, gando ou rolos de herba –unha contía que triplica os 38.000 euros inicialmente reservados en 2024 a esta orde de axudas–; e outros 10.000 euros á compra de material preventivo para protexer explotacións apícolas en concellos oseiros.

Por último, no caso dos titulares de terreos cinexéticos ordenados (Tecores) a convocatoria de 2025 dirixida a este colectivo disporá dun orzamento de 270.000 euros, que se destinará a subvencionar actuacións que melloren os hábitats cinexéticos mediante labores de roza e trituración do mato ou fertilización e sementeira de cereal, entre outras (cun límite de 10.000 euros) e a construción de tobeiras artificiais (con axudas de ata 6.000 euros).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información