Ata 800 euros se chega a pagar por unha abella raíña

David Lorenzo, socio de Apilarouco, explica as claves para a mellora xenética das abellas raíñas en apicultura. Defiende a necesidade de mellorar a abella ibérica e salienta a importancia da rastrexabilidade do pedigree

Ata 800 euros se chega a pagar por unha abella raíña

Abella raíña.

Nos últimos anos estase estendendo a mellora xenética da cabana apícola a través da selección das raíñas, as futuras fundadoras das colmeas. Trátase dun sector en alza, con países como Arxentina que xa exportan estas abellas nai con xenética mellorada para a produción de mel, para a cría…etc.

David Lorenzo, socio de Apilarouco, unha empresa especializada na formación apícola, explica cales son as claves deste proceso de mellora xenética das raíñas.

¿En que aspectos hai máis posibilidades de mellora en canto á cría de raíñas?
Dado que na actualidade estamos vivindo unha profesionalización do sector apícola, e así o apreciamos polo perfil de asistentes aos cursos de formación que impartimos, cada vez o apicultor se toma máis en serio o que fai e como facelo mellor. E dentro disto está a cría de raíñas, neste pequeno campo dentro da apicultura aínda temos moito que andar, xa que carecemos de métodos estandarizados, e cada un proba un pouco de todo. O proceso de mellora é constante, e así creemos que se esta a facer.

¿Tan importante pode ser a mellora xenética dunha raíña para a produción da colmea?
A xenética é o punto clave de toda explotación gandeira, como está máis que demostrado noutros sectores, pero dentro da apicultura aínda non están asentadas estas bases. Sen embargo, estanse a desarrollar proxectos e colaboracións a nivel particular para trazar unhas liñas a seguir e deste modo poder ter unha trazabilidade xenética. Este é o camiño para poder facer selección, que é o camiño a seguir para poder tomar decisións sobre que razas, especies, subespecies, nos interesa, que caracteres temos asentados e cales queremos reproducir. Todo elo co fin de mellorar as cifras das nosas explotacións.

¿Hai demanda de formación en Galicia e en España sobre cría de raíñas?
Totalmente. Se ben é certo que cada vez os demandantes están máis formados, teñen máis coñecementos e precísase de información máis especifica e, sobre todo, contrastada. Así, dende o noso punto de vista, unha eiva que detectamos é que temos pouco contido teórico e científico sobre manexos de abellas raíñas en produción profesional, estando ata agora a formación máis orientada a perfís hobbistas.

¿Que requisitos debe reunir o apicultor e o seu apiario para a cría de raíñas?
Os requisitos son poucos: dispor de material para facer traslarves e de colmeas dedicadas a este fin, tanto criadoras como de reforzo. Tamén é preciso levar un control dos manexos que se fan, controlar moito os prazos, facer moita revisión e , sobre todo, ser moi meticuloso no traballo xa que é a maneira de conseguir produto de calidade. E o mais importante: criar sobre unha selección feita previamente.

¿Como se desenvolve este proceso e cales son os puntos máis delicados?
O primeiro paso é facer a selección das colmeas que queremos reproducir en base a uns controis de calidade, os cales entendemos que queremos para a nosa explotacións, sexan hixiene, mansedume, produción..etc. Sobre esas nais sacaremos as fillas mediante traslarves, e criaremos en colmeas iniciadoras. A continuación, cando estas realeiras estean maduras, na fase final de crianza, pasarémolas á incubadora para facilitarnos a xestión de realeiras e raíñas nacidas, xa que neste punto é cando se descartan todas as baixas e raíñas nadas que non cumpren os nosos criterios de calidade, por causas como deformidades, falta de vigor…etc.

“Temos que seleccionar e mellorar a nosa abella ibérica”

¿Cales son as raíñas máis cotizadas ou cal é o prototipo de raíña que se persegue neste momento?
Neste momento temos moi fácil conseguir razas foráneas tales como buckfast, ligustica, carniola…etc. Son razas que poden parecer moi atractivas polas características que podemos ler por internet e que nos describen dende lugares que as traballan, ou xente que as manexa. Sen embargo, nós creemos que isto ten máis de propaganda que de beneficios reais, polo que defendemos una selección da nosa abella (apis melifera iberiensis) e tratar de mellorarlle a fama, xa que todos sabemos do potencial que ten en moitas factores clave, como pode ser resistencia contra enfermidades, pouca dependencia do apicultor….

¿Cal é o prezo máximo que pode alcanzar unha raíña neste momento?
As raíñas mais cotizadas son as fecundadas e dentro destas as de fecundación controlada. Cada raza ten o seu caché. Por exemplo, unha raíña ibérica fecundada está o prezo entre 15 e 18 €. Sen embargo, con fecundación controlada con selección xenética e de caracteres, pode alcanzar os 800€

Apicultores visitando MontealegreMel

En xeral, ¿Cales son os puntos débiles e as vantaxes das raíñas que se crían en España?
A vantaxe fundamental é dispor delas o máis rápido posible. Isto mellora en gran medida a calidade posterior nas fecundacións, así como que sufran o menos posible no trasporte. Outro punto importante É ter material xenético da zona, e pensando en Galicia e concretamente no sur temos un gran tesouro por explotar.

¿Córrese o risco con esta selección xenética de aumentar a consanguinidade e os problemas que acarrexa? Que medidas se deberían tomar para evitala?
O problema de consanguinidade ao facer fecundacións controladas se non se fan as cousas ben, aparecerá ese problema. Por iso é importantísimo ter ben documentado a árbore xenealóxica e ter ben documentados os cruces para en caso de sacar unha liña con problemas poder desfacer o feito e regresar ao anterior punto sen perder por completo o traballo realizado. Insisto, o fundamental é rexistrar unha trazabilidade de todo o proceso.

¿Algo máis que queirades engadir?
De isto teriamos moito que falar e debater, xa que como mencionamos temos moito camiño que percorrer. Seria fantástico ir dando pasos en Galicia na mellora de cría de raíñas de calidade, e niso estamos. Sobre todo, pondo en común con profesionais concienciados no tema intentando mellorar entre todos e aprendendo de todo o relacionado. Considero que é moi importante coñecer o traballo que se fixo noutras razas como a Buckfast, a cal ten rexistros de pedigree dende a súa creación polo frade Adams dende o ano 1925.

30 apicultores de toda Galicia participaron nun curso sobre cría de raíñas

Un total de 30 apicultores de toda Galicia participaron recentemente nun curso sobre cría profesional de raíñas, organizado pola Asociación Galega de Apicultura (AGA), en colaboración co concello ourensán de Cualedro.

O curso foi impartido polos técnicos de Apilarouco e desenvolveuse neste concello ourensán, con clases prácticas na localidade portuguesa de Montealegre, en concreto nas instalacións de MontealereMel, en Meixido.

Neste curso os apicultores, procedentes de Santiago, Cuntis, Santa Comba, Lugo, Pontevedra, Abegondo ou Ourense , aprenderon a multiplicar os seus colmeares e a producir as súas propias raíñas, mellorando a xenética das súas abellas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información