A loita contra a vespa velutina é unha competencia autonómica pero non todas as comunidades se están a tomar o problema co mesmo nivel de implicación. Desde fai anos o Goberno asturiano é un exemplo a seguir a nivel español, sobre todo por deseñar unha estratexia participativa que dá cabida a apicultores e outros colectivos.
O director do Centro de Alerta e Control de Pragas e Especies Invasoras de Asturias, Eloy Álvarez Ron, participou a principios de novembro no Simposio celebrado en Chantada sobre a loita contra a velutina, expoñendo algunhas das dificultades para o control da praga e a necesidade de buscar novas técnicas, como o uso de troianos, que o Principado xa probou de xeito oficial.
“Unha das debilidades do control da invasión de Vespa velutina é a dificultade para localizar unha proporción importante de niños antes da emisión outonal de reinas fundadoras, o que resta posibilidades de frear a proliferación e provoca os consabidos danos que ocasiona en diferentes ámbitos”, recoñece.
A incidencia media en Asturias foi o ano pasado de 1,16 niños por quilómetro cadrado, o dobre que fai 5 anos. Foron detectados e neutralizados en 2023 un total de 12.315 niños, máis do dobre que no 2019.
Un informe elaborado polo Principado de Asturias confirma a efectividade do control remoto fronte á praga da vespa velutina
O Goberno asturiano conta cun Comité Asesor sobre a vespa asiática no que participan apicultores e outros expertos. Nas súas reunións periódicas (hai unha antes do inicio da campaña de trampeo de primavera e outra ao remate do outono) analízanse as medidas adoptadas, os datos e os resultados obtidos.
Entre outras ferramentas, o Principado conta cunha plataforma propia (AvisAp) a través da que centraliza todos os datos da campaña anual de trampeo primaveral e de retirada de niños. Neste ano, no que se duplicou o orzamento, incrementouse o trampeo, cun total de 6.885 trampas instaladas e 117.418 raíñas capturadas, máis que en Galicia co triplo de trampas colocadas na campaña de trampeo deste ano.
Ensaio experimental con troianos
Un estudo publicado polo Centro de Alerta e Control de Pragas e Especies Invasoras do Principado de Asturias, organismo pertencente á Consellería de Medio Rural e Política Agraria do Goberno autonómico encargado da coordinación e loita contra a velutina, conclúe que o uso de troianos é un método eficaz para combater a praga, con descenso no número de niños da vespa asiática e da súa poboación e presenza no territorio.
O informe, titulado Avaliación da técnica de neutralización remota de niños de vespa asiática mediante envío de exemplares impregnados con insecticida en 2023, recolle os resultados acadados mediante os envíos de troianos realizados entre xuño e setembro de 2023 desde 8 municipios asturianos: Belmonte de Miranda, Cudillero, Ibias, Morcín, Pravia, Salas, Somiedo e Valdés.
Realizáronse en total 5.500 envíos de velutinas impregnadas en insecticida desde 8 concellos asturianos
Os traballos foron levados a cabo por persoas colaboradoras (apicultores e outros voluntarios) previa autorización por parte do Principado. Ao igual que en Galicia, o 2023 foi un ano de máxima presión de velutina. Sen embargo, grazas ao envío de troianos logrouse unha redución de niños moi significativa nalgunhas destas zonas con respecto ao ano 2022, un descenso cuantificado nun 42% no caso de Belmonte de Miranda en un 72% no caso de Somiedo. Do mesmo xeito, a actividade das abellas nos colmeares situados nestas zonas recuperouse logo dos tratamentos.
“A técnica de neutralización remota de niños a través do envío de exemplares portadores de substancias insecticidas xera expectativas de se converter nun método complementario para o control da invasora ao tempo que pode resultar útil para a defensa dos colmeares”, asegura o informe.
Radio de acción: 2 km
“Os resultados, desde o punto de vista da neutralización de niños, parecen moderadamente optimistas ao conseguir unha redución substancial do número de niños detectados con respecto ao ano precedente cando non se aplicara esta técnica nin outras análogas. Non obstante, a eficacia é inversamente proporcional á distancia desde o punto de emisión, non superando os 2.000 metros”, matiza.
“O método de inmovilización de exemplares usado de forma maioritaria podería estar mermeando a eficacia da técnica e convense a súa revisión xa que existe o risco de aplicar fortes presións ás avespas na zona da cabeza podendo provocar danos nas antenas, con as consecuentes dificultades de orientación para o retorno ao niño. Este factor podería estar condicionando o radio de eficacia”, considera o informe.
Algúns dos municipios onde se probou a técnica, como Belmonte de Miranda ou Somiedo, lograron reducir de xeito moi significativo a presenza de niños
“Asimismo, parece necesaria constancia na aplicación da técnica (envíos con frecuencias de 10 ou 15 días aproximadamente) para manter baixo control a presión de avespas e permitir así o traballo das abellas sen ameazas que minimicen ou anulen a súa actividade, o que pode ser debido á irrupción de exemplares de outros niños próximos tras ser neutralizados os que atacaban nese momento ao colmear ou debido aos seus cambios de necesidades alimenticias maioritarias (proteínas / carbohidratos) en función dos seus ciclos de cría”, explica.
Limitacións ao uso de biocidas por parte da UE
En canto ao veneno utilizado, a técnica do control remoto implica o uso de substancias insecticidas, “aínda que en cantidades mínimas”, matiza o informe. En total, para o envío dos 5.500 exemplares de vespa velutina impregnados na parte superior do abdome cunha cantidade media de 40 mg de Fipronil ao 9,6%, foi necesario un consumo total de 250 cc de produto (equivalentes a 24 cc de materia activa Fipronil).
Estes produtos están sometidos a estritas normativas de autorización de comercialización e uso, “o que provoca con frecuencia dificultade de acceso ás mesmas por parte dos apicultores, colectivo máis interesado no uso desta técnica”, indica.
O Principado advirte ademais de que “a liña da UE é a redución progresiva da autorización da comercialización e uso de substancias biocidas, o que inclúe a boa parte dos insecticidas máis eficaces para o control desta especie invasora”.
A multinacional BASF, propietaria da molécula sintética que contén a materia activa Fipronil, decidiu non renovar os permisos para a súa comercialización na UE
Neste sentido, explica, “xa non se pode dispoñer da materia activa Fipronil, cuxa molécula sintética é propiedade da compañía BASF, quen decidiu non renovar os permisos de comercialización en Europa”, cuxa autorización caducou o 30 de setembro de 2023, con dous períodos de transición de 180 días para utilización e eliminación de existencias.
Por iso, indica o informe, “se se decide seguir profundizando e perfeccionando esta técnica de neutralización remota de niños será preciso avaliar a idoneidade de novas substancias insecticidas, por exemplo Imidacloprid, Acetamiprid, Dinotefurán, Etofenprox, Deltametrina, etc.”, conclúe.
Nova ameaza: a vespa soror
A Consellería de Medio Rural asturiana vén de activar un Plan de Continxencia ante a detección no concello de Siero de catro exemplares dunha nova especie de avespa exótica, a Vespa soror, de maior tamaño ca velutina e procedente tamén de Asia.
O protocolo posto en marcha inclúe a “monitorización intensiva” da zona e a instalación dunha rede de trampeo para a captura de exemplares desta nova especie invasora. Ao mesmo tempo, elaborouse carteis informativos e solicítase a colaboración cidadá para a notificación de novos casos detectados. Trátase de evitar así unha expansión semellante á vivida coa velutina, tentando neste caso atallar o problema nas súas fases iniciais.
A Vespa soror é unha das especies de avespón de maior tamaño do mundo
Unha publicación recente da Universidade de Oviedo cita a primeira aparición de exemplares de Vespa soror no centro de Asturias. Identificáronse tanto morfoloxicamente como con ferramentas de identificación xenética 4 exemplares da casta obreira entre os anos 2022 e 2023. É unha especie procedente de zonas subtropicais do sueste asiático (norte de Tailandia, Laos, norte de Vietnam e partes do sur de China, incluíndo Hong Kong) cun risco potencial de implantación no noso territorio.
Actualmente non existen citas desta especie fóra do seu hábitat natural a excepción da detección de tres exemplares no porto de Vancouver (Canadá) en 2019 e outra cita en Namibia en 2010.
Ao construír os seus niños maioritariamente no chan, supón un maior risco para a poboación
Adoitan elixir zonas boscosas para a construción dos seus niños, aproveitando ocos xerados por animais, raíces de árbores, cortes do terreo, taludes, etc. Están formados por varios panais circulares ou ovais en posición horizontal e rodeados dunha fina cuberta de celulosa.
Constrúen os seus niños en chans ben drenados e os ocos onde se aloxan son ampliados polos propios avespóns a medida que precisan máis espazo para o niño, trasladando pequenas bólas de barro que poden ser observadas na contorna da entrada do niño (habitualmente presentan un único burato de entrada cara á superficie, aínda que en ocasións pode ter máis dun). De forma minoritaria, tamén se poden observar niños asentados sobre árbores ou edificacións.
A dieta alimenticia da Vespa soror é semellante á da velutina, precisando proteína procedente de insectos para alimentar ás larvas
Os avespóns son grandes depredadores de abellas e outros insectos e, cando actúan como invasores, teñen a capacidade de alterar o equilibrio biolóxico do lugar onde se implantan.
As raíñas fecundadas, no seu ciclo biolóxico, pasan por unha fase de hibernación e esta circunstancia, nun contexto de globalización, provoca frecuentes casos de transporte accidental mesmo a grandes distancias (neste caso detectouse nunha zona rural próxima ao polígono industrial de Granda).
Existen 22 especies de avespóns (xénero Vespa), das cales 20 son orixinarias de Asia e 5 delas xa están implantadas actuando como invasoras fóra do seu lugar de orixe.
O falcón abelleiro, un aliado natural presente en case toda Galicia
José Manuel Fernández, ornitólogo e naturalista que forma parte do Departamento de Ciencias da Vida da Universidade de Alcalá de Henares expuxo os resultados do estudo realizado sobre a presenza do falcón abelleiro en Galicia e a súa utilidade para o control biolóxico da vespa velutina como especie invasora.
Segundo este estudo, hai unha relación directa entre o aumento das parellas do miñato europeo (falcón abelleiro) en amplas zonas de Galicia e a expansión da vespa velutina. O abelleiro europeo atopou nos niños soterrados de velutina unha fonte de alimentación, pero só ataca timidamente os niños feitos nas árbores (o seu parente, o falcón abelleiro asiático si ten ese costume).
Galicia é o territorio onde a poboación do abelleiro é máis importante de todo o Estado, cunhas 700 parellas
Galicia é o territorio onde a poboación do abelleiro é máis importante de todo o Estado. Está repartido por toda a comunidade salvo na zona norte da Costa da Morte e coa zona costeira que vai desde Vigo até Gondomar e tamén a comarca do Salnés como principais zonas de expansión.
En total, calcúlase que pode haber unhas 700 parellas en toda Galicia, con zonas cunha maior presenza, sobre todo a totalidade da provincia de Pontevedra e a zona interior da da Coruña. Está presente tamén na zona oeste da provincia de Ourense e hai unha distribución uniforme por toda a provincia de Lugo. Só escasea na parte este de Ourense e non hai presenza desta especia na zona noroeste da provincia da Coruña, sobre todo na zona costeira que vai de Fisterra a Carballo.
Non se recomenda a cría e solta de falcóns abelleiros polos posibles efectos prexudiciais sobre a biodiversidade
A media de reprodución dunha parella nos últimos 10 anos ascendeu de 1,5 a 1,7 crías por parella. Tendo en conta que poñen como máximo 2 ovos, é un incremento importante.
Con todo, o estudo conclúe que o falcón abelleiro é un aliado contra a velutina, pero non recomenda fomentar a cría e solta de exemplares polos posibles efectos prexudiciais que poderían ter sobre a biodiversidade.
A poboación actual de falcón abelleiro é unha poboación artificial, xa que aumentou debido á introdución dunha especie exótica invasora, pero o seu incremento poderá ter un impacto tamén nas súas presas habituais, facendo descender asimesmo outras poboacións de vespas salvaxes.