Asturias asegura que cumpriu coa lexislación no pago verde da PAC

Fontes do Goberno do Principado de Asturias desmenten á Xunta de Galicia e aseguran que “cumprimos escrupulosamente en 2015 e 2016 coa lexislación do Ministerio”, no control da diversificación de cultivos que elixiron para o pago verde da PAC.

Asturias asegura que cumpriu coa lexislación no pago verde da PAC

Fontes do Goberno do Principado de Asturias aseguran que “cumprimos escrupulosamente en 2015 e 2016 coa lexislación do Ministerio”, no control da diversificación de cultivos que elixiron para o pago verde da PAC. A diferenza da Xunta de Galicia, o goberno asturiano elixiu un control que permitiu ás súas explotacións gandeiras cultivar o 100% da súa superficie de cultivo con millo forraxeiro, o que supón un plus de competitividade fronte ás explotacións galegas.

O asunto chegou ao Parlamento de Galicia e o pasado venres a directora xeral de Gandería dá Consellería do Medio Rural, Belén do Campo, informou de que Asturias podería enfrontarse a unha posible restitución das axudas por incumprir en 2015 o período de control da diversificación de cultivos establecido pola Comisión Europea e polo Ministerio.

Con todo, fontes do Goberno do Principado consultadas por Campo Galego replican que “nós cumprimos escrupulosamente en 2015 e 2016 coa lexislación do Ministerio de Agricultura, polo que non imos ter que pagar ningunha corrección financeira, e se esta désese pagaríaa o Magrama”.

“De existir unha corrección financeira polo pago verde de 2015, aplicaríaselle ao Ministerio, non a Asturias”

En concreto, aluden a que no ano 2015 o Real Decreto que regulaba as axudas do chamado pago verde a PAC “permitía dous períodos de control: na primavera ou no inverno, e todas as Comunidades Autónomas, salvo creo que tres -entre elas Galicia, que optou polo de primavera- , fomos a dous períodos”.

Neste sentido, desde o Goberno de Asturias lémbrase que “a auditoría que a Comisión Europea acaba de facer a Asturias e a Valencia, rectifica ao Magrama, é dicir o Real Decreto, e di que só é válido un período de control”. Por iso, conclúen que “se existise unha corrección financeira de Bruxelas por esta cuestión, sería o MAGRAMA o responsable financeiro en todo caso”.

“Consultamos á Comisión o período de control de 2016 e confirmounos que era correcto”

En canto ao período de control da diversificación de cultivos de 2016, Asturias elixiu do 1 de xaneiro ao 15 de maio, mentres que en Galicia a Xunta estableceuno de maio a xuño, limitando así de novo a superficie de millo forraxeiro ao 75% da terra de cultivo da explotación. “Non é unha decisión arbitraria da Xunta, senón que actuamos con responsabilidade e cumprindo a legalidade”, subliñou Belén do Campo na súa comparecencia no Parlamento.

Sen embargo, desde o goberno do Principado de Asturias aseguran que “na auditoría de setembro presentámoslle á Comisión de Agricultura da Unión Europea a forma en que tiñamos pensado executar o control do pago verde: un só período para o control do cultivo principal, do 1 de  xaneiro ao 15 de maio, e deunos o OK e en todo caso respectamos o lexislado no Real Decreto de 2016”.

E é que a diferenza de 2015, no que o Ministerio establecía que se podían adoptar dous períodos de cultivo, no Real Decreto de 2016 estableceuse un período de control do cultivo principal de maio a xuño, aínda que adaptable ás condicións agronómicas de cada Comunidade Autónoma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información