“A aspiración de Clun é a de lograr unha cooperativa competitiva a nivel global”

Falamos con José Ángel Blanco Purriños, presidente de Clun, sobre o primeiro ano de andadura conxunta de Feiraco, Irmandiños e Melisanto, dos seus proxectos máis inmediatos e do camiño aínda por percorrer para unha futura integración cooperativa a nivel galego

“A aspiración de Clun é a de lograr unha cooperativa competitiva a nivel global”

José Ángel Blanco, presidente da cooperativa Clun.

José Ángel Blanco Purriños preside desde hai un ano Clun (Cooperativas Lácteas Unidas) coa mesma mentalidade coa que se incorporou en 1990 á explotación familiar de 12 vacas ubicada no lugar das Cavadas, no concello lucense de Xermade: a de ir medrando pouco a pouco e cunha visión empresarial.

Ese mesmo espíritu trasladouno á cooperativa Os Irmandiños desde que foi elixido presidente no ano 2010, diversificando a súa actividade con novos servizos abertos non só aos socios, senón á poboación en xeral, coa finalidade de gañar volume e capitalizar a cooperativa. Ese camiño permitiulle a Os Irmandiños emprender novos retos, como a adquisición, xunto con outras cooperativas galegas integradas en ACOLAT (Agrupación de Cooperativas Lácteas), da planta de Clesa en Caldas de Reis, daquela case moribunda.

Acostumado aos retos e convencido da necesidade de apostar pola integración para poder competir nun sector, o do leite, tamén globalizado, José Ángel púxose hai un ano á fronte da cooperativa de segundo grado formada por Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto.

Obrigado a multiplicarse para poder seguir atendendo a súa granxa, que ten hoxe 300 cabezas, este gandeiro de Xermade amósase satisfeito deste primeiro ano de andadura de Clun e disposto a dar novos pasos no camiño da integración cooperativa a nivel galego.

Que balance facedes do primeiro ano de integración de Clun?
– Fixemos unha cooperativa moito máis grande da que tiñamos e iso é moi importante, pero de momento é un simple gran de area de cara ao proceso final ao que temos que chegar. Foi un ano de moito traballo, porque malia ter feito todos os estudos previos necesarios, ninguén se pode imaxinar o montón de problemas e de pequenos detalles que hai que resolver sobre a marcha, moitos deles de carácter burocrático e que non dependen exclusivamente das cooperativas.

Fóra vese pouco o que fixemos e pode parecer que fixemos pouco, pero fixemos algo moi importante e que é o primeiro paso para poder seguir facendo cousas porque o que fixemos foi crear unha cooperativa de maior dimensión e que comparta as sinerxías dos seus integrantes e xere un actor competitivo no mercado. Ese traballo garante, por un lado, a obtención de marxes adecuadas para a rendibilidade das explotacións e a industria, e por outro, un beneficio de retorno cooperativo, ademais do obtido directamente pola mellora que achegan os servizos que presta Clun aos seus socios.

Respecto dos investimentos, neste primeiro exercicio, Clun realizou todos os previstos no seu plan económico e que superan os 5,4 millóns de euros, principalmente en tres campos: nunha nova liña de envasado para o novo formato dos cartóns de leite das marcas Feiraco e Unicla; na adquisición de maquinaria diversa para a renovación do parque de maquinaria co que Irmandiños presta os servizos agrícolas ou de alimentación; e e en tecnoloxías da información, onde fixemos un investimento moi forte en aplicacións informáticas, xa que as tres cooperativas tiñamos programas e tecnoloxías xa desfasadas e para a integración é fundamental ter datos e avanzar na centralización informática.

Cales son os obxectivos máis inmediatos para este 2018?
– A finais deste mes vai saír a manteiga Unicla. Imos seguir apostando por esa marca e por esa filosofía. Estamos pagando máis a graxa para incentivar a calidade do leite e encamiñar aos gandeiros cara aí. Os gandeiros temos que ir da man da industria e a industria ten que darlle ao consumidor o que o consumidor pide, asi que nós tamén lle temos que dar á industria o que o consumidor pide. Fai só catro anos a percepción do consumidor era que a graxa era mala, por iso a xente bebía leite desnatado e os gandeiros estabamos centrados en producir litros de leite e non calidades. Pero esa realidade mudou porque mudou a percepción do consumidor e temos que adaptarnos a ella, tanto gandeiros como industria. A min non me gustan as visións negativas e pesimistas sobre o sector nin que se culpabilice sempre á industria de todos os males.

“Os gandeiros temos que ir da man da industria para darlle ao consumidor o que pide”

Os obxectivos cos que naceu Clun están orientados a mellorar a rendibilidade do sector desde todos os puntos de vista e en contextos de mercado diferentes, favorables ou non ao prezo do leite. Todo parece indicar que temos que acostumarnos a prezos volátiles do leite en función da oferta e a demanda e de outros factores, como noticias ou modas, pero se somos eficientes e competitivos, se melloramos os nosos custos e servizos, darémoslle estabilidade aos nosos socios e manterémonos no mercado.

A transformación láctea por parte de Clun vai camiñar logo cara aí, cara a calidade?
– Un dos grandes cambios que a innovación e a industrialización trouxo consigo é o o troco do paradigma do leite líquido, considerado non só como produto en si mesmo, que segue séndoo, envasado en cartóns, senón como materia prima xeradora de compoñentes alimenticios industriais. A industrialización xa non é só envasar senón preparar eses compoñentes para a industria propia ou allea. Nesa fase xa se acada unha xeración de valor importante.

“A finais deste mes imos sacar a manteiga Unicla”

O noso obxectivo, por tanto, móvese por un lado en acadar a optimización dos activos industriais actuais da cooperativa, fundamentalmente a través de Feiraco, Arquega ou Clesa, e por outro en seguir innovando, cuxa máxima expresión no noso caso é o leite Únicla, un leite de calidade resultado da alimentación saudable das vacas. Agardamos que isto nos permita responder a esas demandas do mercado, sexan produtos de calidade adaptados ao gusto dos novos consumidores, compoñentes industriais, ou o mellor leite do mundo.

Rematou o proceso de integración ou hai que seguir sumando?
– A integración en Clun de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto foi o resultado dunha longa reflexión, despois da boa relación e confianza que se xerou durante os anos de compartirmos traballo desde a adquisicion de Clesa.

Axudados por empresas externas, especialistas na materia, fíxose unha análise do sector lácteo desde o punto de vista do mercado (que é o que demandaban os consumidores e a distribución e como e por que evolucionaban os prezos do leite) e desde o punto de vista competitivo (cal era o perfil das nosas granxas e que factores podían incidir na súa rendibilidade, en que exemplos cooperativos europeos debiamos fixarnos e como afrontar a innovación, tanto en procesos e produtos como no tránsito cara a dixitalización).

Os obxectivos que saíron desa reflexión estratéxica céntranse en lograr ganderías eficientes, con base territorial suficiente, insumos competitivos, xestión económico financeira, desenvolvemento do coñecemento e calidade certificada, pero ao mesmo tempo implementar unha industria competitiva, con innovación constante e presenza nos mercados internacionais, cunha capacidade de operar nos mercados acordes coa dimensión e segmentación dos mesmos.

“Tanto Clun como Aira defendemos os mesmos intereses, os do sector agrogandeiro galego, e o camiño pasa por unha integración”

De todo este traballo xurdiu a proposta de integración que foi aprobada por máis do 95% dos votos dos socios das tres cooperativas, é dicir, que as tres cooperativas estabamos plenamente convencidas das vantaxes de unirnos. Clun constitúe un proxecto de integración cooperativa de máis de 3.500 explotacións gandeiras pertencentes a 30 concellos galegos dalgunhas das comarcas con maior produción leiteira de Galicia, pero sendo realistas iso non chega. Todo iso fíxose con vocación de ser operadores do sector lacteo galego, potenciándoo, dándolle futuro e rendibilidade desde unha visión da economía social e xa non só como estratexia de desenvolvemento rural, senón como modelo empresarial que favoreza o retorno do investimento.

Agora mesmo estanse constituíndo en Galicia dous grandes polos do cooperativismo, Clun por unha banda e Aira polo outro. Pensas que é viable unha futura integración con Aira?
– Cooperar está na nosa esencia e é coñecida a posición de Clun de aspirar a que en Galicia dispoñamos dunha cooperativa de dimensión suficiente para competir a nivel global. Temos claro que tanto Clun como Aira defendemos os mesmos intereses, os do sector agrogandeiro galego, e que o camiño ten que ir por aí.

Tanto eles coma nós estamos totalmente convencidos do papel da economía social e o cooperativismo nunha economía desenvolvida e moitas das primeiras empresas lácteas do mundo son cooperativas, simplemente lévannos anos de vantaxe en canto a estrutura e dimensión empresarial, probablemente porque actuaron ante os problemas do sector de maneira correcta, afrontándoos, e tomando decisións empresariais.

Antes de constituír Clun fixemos unha viaxe por toda Europa para coñecer como funcionaban esas grandes cooperativas europeas, a francesa Sodiaal, a holandesa FrieslandCampina e a danesa Arla Foods, que foron os exemplos que tomamos para facer o noso proceso de integración. Chamounos a atención que canto máis ao norte, maiores dimensións tiñan, pero que aínda que fora a máis pequena, a francesa, comercializaba ela soa o dobre do leite que se produce en Galicia.

Así que comparados con estas grandes cooperativas europeas, Clun ou Aira son un chiste. Imaxínate se Clun ten que competir con algunha delas para introducir por exemplo un produto no mercado, é como loitar unha formiga contra un elefante.

Pero as grandes cooperativas europeas naceron e evolucionaron igual que aquí, só que levan funcionando 150 anos. Feiraco ten 50 anos e Irmandiños 40, lévannos un século de vantaxe, pero esperemos que copiando poidamos avanzar máis rápido e chegar antes ao nivel ao que están elas.

Agora xa é máis doado que unha cooperativa poida entrar, porque tanto na agrupación de cooperativas lácteas que creamos para o proxecto de Clesa, como para a integración en Clun, hai un traballo previo, que necesariamente é técnico e empresarial, que o fai máis doado porque xa hai camiño andado. E estamos totalmente abertos e así se plantexou desde o principio.

Estades interesados tamén en alianzas con outras industrias?
– Non somos un club pechado, estamos abertos á integración cooperativa e tamén á colaboración con outras industrias. O mesmo que dicimos sobre a colaboración con outras cooperativas é igualmente válido para calquera proxecto de colaboración coa industria, que sen dúbida será cada vez máis frecuente, dada a dimensión necesaria para competir e a complexidade da innovación, somos unha cooperativa aberta á economía moderna, e por tanto a todo tipo de alianzas que xeren valor para a produción láctea e para os nosos socios gandeiros.

“Clesa superou todas as previsións e a mediados do 2019 estarán saldados os créditos pedidos para a súa adquisición e posta en marcha”

José Ángel Blanco.

José Ángel Blanco.

O presidente de Clun exemplifica en carne propia o proceso de profesionalización e o cambio de mentalidade que reclama para o sector lácteo galego. “Eu era un gandeiro que estaba en Xermade e muxía as miñas vacas. Entrei en Irmandiños e vin unha cousa distinta ao que era a xestión dunha explotación familiar. Alí vin como se xestionaba unha cooperativa con criterios profesionais. Despois, cando entrei en Clesa, vin o que era xestionar unha industria”, recoñece.

Como valorades a evolución de Clesa desde a súa adquisición por parte das cooperativas galegas e que proxectos tendes para a empresa?
– En Galicia tiñan xurdido antes varias oportunidades para que as cooperativas foran posuidoras de activos industriais que, por diversos motivos, non saíron adiante. A fábrica de Clesa en Caldas de Reis supuxo outra oportunidade e Galicia e as cooperativas lácteas non podíamos permitir que a industria e a marca Clesa, xeradoras de valor, desaparecesen, xusto cando un dos nosos problemas segue sendo non industrializar aquí a maioría do leite que producimos.

Clesa comezou a andar de novo cun plan estratéxico e reincorporando aos traballadores a medida que se acadaban os fitos empresariais contemplados no plan. Nese sentido, Clesa superou todas as previsións, recuperou a actividade e o emprego, superou as cifras de facturación máximas da súa historia e hoxe é unha industria de base cooperativa competitiva e cunha marca recoñecida a nivel español pola súa calidade.

“En Clesa hai tecnoloxía industrial que habería que modernizar e que non está sendo usada, como a queixaría”

Respecto dos investimentos realizados pola Agrupación de Cooperativas Lácteas cumpríronse tamén os fitos financeiros previstos. Acolat endebedouse en 8 millóns de euros para a adquisición e posta en marcha de Clesa. A boa evolución da empresa permitirá ter finalizado a súa devolución a mediados de 2019 de acordo ao plan de negocio elaborado no momento da súa adquisición.

Se Clesa representa o lado positivo, no oposto estaría Artesanos Gallegos de la Carne. Que supón para Artesáns Gandeiros, a cooperativa de segundo grao na que está Clun, a perda da súa participación industrial na sala de despece de Castro?
– A nivel de incidencia para o gandeiro non ten ningunha. Seguimos levando os xatos a sacrificar en conxunto aínda que non o fagamos en Castro, senón en Nova Frigsa. Penso que se no leite fosemos capaces de facer iso mesmo, centralizar a oferta, sería moi importante.

A nivel económico houbo unha depreciación dos activos da sociedade industrial participada, pero que non terá incidencia algunha en Clun, pois o quebranto xa está provisionado nas contas da cooperativa de 2016.

Apostamos claramente polo sector cárnico galego desde Clun e desde Artesáns Gandeiros. En Galicia hai capacidade transformadora suficiente para que sexa rendible producir e comercializar vacún galego de calidade certificado polo Consello Regulador das Carnes de Vacún de Galicia, e esperamos para este exercicio un importante crecemento na nosa área cárnica, non só na IXP Ternera Gallega senón na IXP Vaca e Boi de Galicia.

Uns dous problemas para a posta en marcha de proxectos industriais é sempre a necesidade de financiamento. Supón iso un freo a novos proxectos?
– Os socios queren os produtos ao prezo máis barato, pero as cooperativas teñen que capitalizarse para poder investir. En Clesa, por exemplo, centrámonos até agora en facer iogures e postres, pero na planta de Caldas hai queixería, manteigaría e torre de secado de leite. Fíxose algo de leite en pó para regular excedentes pero a queixería está sen usar. Toda esa tecnoloxía industrial que hai en Clesa non está utilizada ao 100% porque habería que facer investimentos en modernización, porque algunhas das máquinas son de hai 20 anos.

Cal é o papel que debe xogar a Administración niso?
– Creo que todos no sector somos conscientes de dúas premisas, que nun contexto de liberdade de mercado, son os donos das compañías os que teñen que apostar por elas, ampliando capital se a súa empresa o necesita, así que quen temos que apostar polas cooperativas somos os seus donos, os gandeiros. No caso da creación de Clun, ao tratarse da integración de tres cooperativas con resultados positivos non foi necesario axuda financeira algunha.

Pero, ao mesmo tempo, en Galicia o leite é un sector estratéxico e en sectores estratéxicos para un país, a Administración debe procurar instrumentos financeiros para apoiar o desenvolvemento inicial daqueles proxectos que desenvolvan ou afiancen un sector de futuro, e o do leite ten que selo en Galicia nas próximas décadas.

Pero o noso proxecto ten que ser viable por nós mesmos, non estou dacordo en que nos ten que solucionar os problemas a Administración, nin darnos axudas porque si, porque iso non funciona. Non debemos centrar os nosos proxectos de futuro en función das subvencións que haxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información