Aspectos a ter en conta na condución do leite: Claves na máquina de muxido (III)

Nesta terceira entrega sobre a máquina de muxido, Andrés Mejuto, presidente da Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido (Agatem), aborda o sistema de condución do leite e achega recomendacións para lograr unha instalación eficiente na granxa

Aspectos a ter en conta na condución do leite: Claves na máquina de muxido (III)

Un dos elementos fundamentais para un correcto funcionamento da máquina de muxido é o sistema de condución do leite. Conseguir axustarse ás necesidades da granxa é primordial para lograr un correcto funcionamento do equipo de muxido.

De man de Andrés Mejuto, técnico acreditado e presidente da Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido (Agatem) abordamos xa o funcionamento e os diferentes sistemas de muxido que poden instalarse na granxa, así como o sistema de baleiro e as conducións das máquinas de muxido nas dúas primeiras entregas desta serie. Nesta ocasión, Mejuto céntrase na condución do leite e ofrece claves para unha optimización no sistema de muxido.

conducion de leite_Sala de muxido_

Condución de leite e receptor nunha sala de muxido.

Condución de leite

A condución de leite é o sistema que se encarga de transportar o leite desde as unidades de muxido ao receptor, un depósito que almacena leite ata un nivel máximo. Este nivel é a parte inferior das entradas de leite. En concreto, o volume de leite non pode exceder, en nivel, as entradas de leite, xa que se produciría unha caída sen carga superior ao permitido.

Unha das cuestións claves na condución do leite é o cálculo do diámetro que se necesita na máquina de muxido. Para realizar esta estimación é preciso ter en conta os seguintes factores:

1-O número de unidades de muxido que se necesitan, coñecidas estas unidades como o número de puntos de muxido.

2-A produción de leite por vaca ao día. “Á hora de facer este cálculo son partidario de exceder un pouco esta produción estimada, xa que as vacas poden mellorar o rendemento e dese modo a condución non resultará insuficiente aínda que se produza un aumento da produción”, detalla Andrés Mejuto.

3- Grao de pendente da condución de leite. Esta condución ten que ter pendente en dirección ao receptor. Ademais, canto maior é a pendente menos diámetro se precisa. “En conducións horizontais, o leite ocupa máis volume e isto fai que quede menos espazo para circular o baleiro que está a circular pola condución”, explica Mejuto.

Á hora de calcular o diámetro tamén é preciso ter en conta que, en ocasións, cando se produce unha entrada de aire ocasional, ao colocar tetoeira ou retiralas ou ben porque unha vaca tira un xogo de muxido, este aire circula pola condución. Ao non ter espazo suficiente, o aire fai levantar ondas na parte superior do leite e produce tapóns, o que provoca unha caída do baleiro na punta do teto ou mesmo pode facer que se solten as tetoeiras ou respirar.

Muxideira_Leite_ maquina muxido

Diferenza entre condución simple e en anel

A condución simple está unida ao receptor por un extremo e no outro ten un tapón. O leite de todos os puntos circula polo mesmo tubo, por tanto necesita máis diámetro. Así, cando se fai un tapón de leite durante o muxido, na parte posterior do tapón córtase o nivel sen carga. En conducións longas, como son os circuítos de muxido, cando isto ocorre poden caer os xogos de muxido dos ubres.

A condución en anel ofrécenos moitas vantaxes para muxir e para lavar. Unha delas é que se precisan diámetros máis pequenos. Xa que os puntos se reparten entre dúas liñas, ao estar unidas ao receptor polos dous extremos, o leite sempre seguirá o camiño máis curto e se hai unha entrada inesperada de aire repártese entre as dúas liñas. Por este motivo, será moito máis difícil que se faga tapón. Aínda así, no caso de que se fixese tapón, se non provoca baleiro á punta do teto por unha liña fornéceo a outra.

En canto ao lavado, coa condución de leite en anel, pode necesitarse menos caudal de bomba de baleiro, debido a que este modelo de condución necesita menos diámetro. Canto menor sexa o diámetro da condución de leite máis fácil é producir turbulencias na condución.

No muxido, o leite e o baleiro deben circular á mesma velocidade, mentres que no lavado deben entrar auga e aire para que se produzan turbulencias que contribúen á limpeza das conducións

Mejuto lembra que nunha condución de leite todo o que debe ocorrer para muxir non pode pasar para lavar. Así, mentres no muxido debe circular o leite á mesma velocidade que o baleiro, así non haberá turbulencias que provoquen tapóns, durante o lavado debe pasar todo o contrario. No lavado debe entrar auga e aire para provocar turbulencias. De non producirse así, a parte superior da condución pode quedar sen lavar.

fluxo do leite na conducion

Na parte superior, fluxo laminar. No medio, fluxo turbulento e no debuxo inferior, deslizándose un tapón.

Ademais, as billas ou embocaduras de leite deben estar sempre colocados na parte superior da condución, para que o leite, durante o muxido nunca pase por encima da entrada e non produza caídas sen carga innecesarias na punta do teto.

O experto móstrase partidario de non instalar conducións mínimas de diámetro, debido a que hoxe en día estanse colocando xogos de muxido con consumos máis altos dos recomendados pola normativa, que deben estar entre 4 e 12 litros por minuto. “O aire que entra no colector tamén ten que pasar pola condución e os cálculos están feitos para 12 litros por minuto”, explica Mejuto.

Outro motivo para evitar instalar conducións dun diámetro mínimo ten que ver co incremento da velocidade de muxido que pode producirse cando se aumenta a produción por vaca e día ou cando a persoa encargada do muxido cambia a rutina.

Recomendación para o persoal de control leiteiro

As máquinas de muxido poden clasificarse en base a se dispoñen dunha liña alta ou baixa de condución do leite. Así, as máquinas de liña alta son aquelas nas que o leite sobe do colector á condución, que se sitúa máis alta que o colector.

medidor porcentual ben colocado

Medidor porcentual colocado correctamente.

Mentres, nas máquinas de liña baixa esta sitúase por baixo dos pés do animal. Deste xeito, o leite ao subir a liña alta necesita un nivel de baleiro máis alto, en regulador, que a liña baixa e pode haber ata 10 kpas de diferenza.

“Atopeime moitas veces co problema de que nas liñas baixas se coloca o medidor porcentual colgado na estrutura da sala. Nestes casos, ao quedar máis alto que a condución, o que era unha liña baixa convértese nunha liña alta e provócase unha caída sen carga na punta do teto e normalmente ese día o muxido é máis lento e pode haber vacas mal muxidas provocando subida de células”, explica Mejuto.

Por este motivo, o técnico recomenda evitar os medidores porcentuais. “Non son moi recomendables. Sempre producen caídas sen carga e se o mantemento é nulo o problema multiplícase”, sinala o experto.

Caudal no tubo longo de leite

Outro dos elementos fundamentais do sistema de muxido é o tubo longo de leite, unha tubaxe flexible que une o colector coa condución de leite. Para realizar esta medida débese facer desconectando do colector e axustando o medidor de caudais, pechado e medindo o nivel de baleiro. A continuación, ábrese o medio ata facer caer o baleiro 5 kpas. “O caudal que está a entrar non pode ser inferior a 65 litros por minuto e canto máis grande sexa, máis rápido evacúa o colector e o muxido será máis rápido”, concreta Mejuto.

Esta medida mellora cando as embocaduras e billas de leite teñen un pase de leite con diámetros amplos. Cando os tubos longos de leite están en moi bo estado tamén mellora considerablemente. Con todo, cando estes tubos longos teñen fendas no seu interior ofrecen máis rozamento e baixa a capacidade de evacuación.

O tubo longo de leite ten que ter un diámetro mínimo de 12,5 milímetros e como máximo 16 milímetros en liña alta. En liña baixa canto máis diámetro mellor, adaptándose á medida da toma de leite e á embocadura do colector.

Se se colocan colectores que consuman máis de 12 litros por minuto ou que teñan fugas, o muxido pode ser un fracaso

O caudal en tubo longo de leite da maior partes das máquinas entra ao redor de 180 a 220 litros por minuto, pero tamén as hai de 320 litros por minuto. “En medidores volumétricos se chega a 125 litros por minutos case nos podemos dar por satisfeitos. Isto débese ao pase das embocaduras de entrada do baleiro de muxido e á embocadura do tubo longo de leite, que sempre teñen diámetros moi escasos”, detalla Mejuto.

O técnico tamén advirte de que se se colocan colectores que consuman máis de 12 litros por minuto ou teñan fugas, o muxido pode ser un fracaso, debido a que cando a capacidade de evacuación é baixa ao entrar moito aire no colector, o nivel de baleiro cae considerablemente na punta do teto e o muxido vólvese máis lento.

Condución do receptor

Esta condución non é condución de leite, é a condución que une o depósito sanitario co receptor. Non está suxeito a ningunha medida, pero por experiencia sábese que cando ten un diámetro moi pequeno, con respecto ao caudal de bomba, produce unha caída de baleiro superior á permitida entre bomba e receptor e tamén entre regulador e receptor, por este motivo débese instalar cun diámetro amplo para que poida circular o caudal da bomba sen caer o nivel de baleiro máis do recomendado pola normativa. Isto pode provocar perdas de regulación, coa consecuente subida de células.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información