Aspectos técnicos e económicos para a profesionalización da Faba de Lourenzá

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organizou unha xornada formativa sobre produción agrícola coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá como protagonista

Publicidade

faba LOURENZA

Unha xornada da Asociación Galega de Cooperativas abordou as perspectivas de futuro da Faba de Lourenzá. Falouse de posicionamento nos mercados, de novas fórmulas de consumo e de aspectos legais e agronómicos. As conclusións foron claras: hai que apostar por unha produción de alta calidade, cunha práctica agrícola profesionalizada, co amparo dos selos diferenciadores e transmitindo o consumidor a paisaxe, as familias e as tradicións que levan a faba ata o seu prato.

A faba nos mercados

A capacidade de absorción da faba de Lourenzá fai que asimile, potencie e mellore os sabores de calquera outro alimento co que a mesturemos. Só esa característica xa a converte nun produto de altísima calidade. Con esta premisa comezou a súa intervención José Cuadrado, da Sociedade Cooperativa Galega Terras da Mariña. Tamén axuda o feito de ser a única legume galega que conta cun selo de orixe e calidade diferenciada, ou que os consumidores valoren que se trata dun produto local.

Cuadrado indicou que o mercado da faba de Lourenzá é básicamente galego e cunha pequena parte que sae cara ao resto de España, especialmente onde hai comunidades de galegos emigrados. A exportación é polo de agora case inexistente, porque tampouco o volume de produción (unha media de 20 toneladas anuais) permite lanzarse ao mercado exterior con garantías.

Temos que procurar que cada vez máis familias poidan vivir da faba e que non sexa só un complemento de rendas. José Cuadrado, Cooperativa Terras da Mariña

Aumentar a competitividade, profesionalizar o sector, creación de emprego, posta en valor do produto e dos agricultores ou apostar polo I+D son algúns dos obxectivos da cooperativa. Sobre todo a profesionalización, para que cada vez máis familias poidan vivir da faba e non tela, como está sucedendo, como un complemento de rendas.

Estes obxectivos xa se están a traducir nun maior beneficio para os socios, non só por unha comercialización ben executada, tamén pola redución de custos ao concentrar as compras de insumos. Ademais, mellórase a capacidade de distribución ao poder xuntar cantidades relativamente grandes de faba e, así, conséguese entrar en mercados novos e máis grandes. E acádase unha maior visibilidade mediante a realización de campañas publicitarias conxuntas.

Como retos, Cuadrado sinalou a vontade de ampliar a produción e o número de produtores para ter cada vez máis oco nos mercados. E procurar que a faba da comarca non se venda sen factura e sen identificación, como sucede coa castaña, a uva e outros produtos en Galicia. Ademais, xa traballan na implementación de ferramentas de dixitalización e Intelixencia Artificial.

Un problema que teñen todos os anos é o da falta de liquidez e de acceso a créditos. Porque o acopio da mercadoría faise en poucas semanas e o ciclo do cultivo en só cinco meses. Nese período hai picos de un alto investimento (sementeira, tratamentos e recollida) e, en cambio, a entrada de ingresos faise de forma lenta e en pequenas contías pero ao longo de todo o ano. Tamén no financieiro, a cooperativa non sempre desprega todo o seu potencial de beneficio porque asume custos de estrutura, de publicidade ou de organización máis elevados que os doutras marcas.

Cuadrado aludiu as tendencias de consumo que detectan dende a cooperativa. E dixo que “hoxe o consumidor non busca mercar un produto senón vivir unha experiencia, polo que non nos podemos limitar a ofrecer un saquete de fabas. Hai que ofrecer algo máis, sobre todo información e imaxe, que o comprador saiba que detrás desa faba hai unha familia, unha comarca e unha paisaxe. Porque hoxe o propio feito de mercar xa é unha vivencia en sí mesmo”.

O decálogo do novo consumidor desenvolvido polo Observatorio de Branding é unha ferramenta para a cooperativa. Son unha serie de puntos que inciden na necesidade de situar o consumidor no centro de todas as estratexias de marca e comerciais, co fin de darlle toda a información dispoñible e non defraudar ningunha das súas expectativas. Para eso, é fundamental contar co selo da IXP e coas garantías de control e trazabilidade que este ofrece. E, nesa liña, Cuadrado explicou que a faba de Lourenzá ten que buscar puntos de venda o máis selectos posible e onde o consumidor sexa máis esixente e estea disposto a pagar pola calidade. “Non podemos competir cun frasco de cristal que trae medio quilo de faba xa cociñada e custa un euro e pico e que se atopa en calquera supermercado. A saber de onde saiu esa faba. Nós temos que ir onde se nos valore.”, dixo.

Dese xeito, a cooperativa e outras envasadoras da zona traballan preferentemente en tres liñas de venda: directa nas instalacións ou en feiras e mercados locais, en tendas especializadas e gourmet ou a través do comercio online. Sen rexeitar as oportunidades de entrar nos lineais cando pode ser beneficioso ou para dar saída as fabas que non acadan os niveis de calidade requeridos. O prego de condicións da IXP non contempla a venda a granel da faba aínda que xa se valora modificar ese apartado dado que medran as vendas nese formato e os consumidores valoran que non se empreguen envases.

Para a promoción, empregan todas as redes sociais, acoden a todos os eventos gastronómicos de relevancia, buscan alianzas con restaurantes e cociñeiros de prestixio e inciden en contar a historia do seu produto e a súa comarca sempre que é posible. O emprego de envases sustentables ou monodose e adaptados a distintos tipos de familia son unha das apostas. O crecente interese dos consumidores en dietas saudables, o recoñecemento das legumes como alimento de alto valor, a preocupación por consumir produtos sustentables ou a boa valoración das figuras de identificación xeográfica están a axudar a faba de Lourenzá. Na súa contra xoga a presenza no mercado de fabas importadas de baixa calidade, un mercado negro interno ou o intrusismo de vender como mariñás fabas que non o son.

A falta de relevo xeracional e de man de obra son problemas tan estendidos que tampouco a faba de Lourenzá escapa deles. No caso da man de obra a solución é moi complexa xa que o traballo na IXP se concentra en pouco máis de dous meses. Unha opción é que os traballadores poidan empregarse en explotacións gandeiras ou doutro tipo de cultivos pola zona para que os empregados teñan ocupación todo o ano.

Cuadrado rematou facendo un chamamento os produtores para que se integren na IXP. Porque, se non é así e o agricultor prefire vender a granel e sen selo de calidade, o elemento diferenciador pode acabar morrendo. E recalcou que non hai que ter medo a entrar na IXP, como parecen ter algúns. “Pertencer á IXP ten uns custos económicos irrisorios, non esixe facer nada que non sexa capaz de facer calquera produtor e ofrece un respaldo ao noso produto que non obteriamos de ningunha outra maneira”, concluiu.

As vantaxes da IXP

Juan Manuel Concheiro, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), explicou en cifras o que é a IXP Faba de Lourenzá. En 2024 estaba extendida polas tres comarcas que compoñen A Mariña (Central, Oriental e Occidental) cun total de 40 produtores, 6 almacenistas/envasadores, unha superficie inscrita de 149 hectáreas, 36 hectáreas sementadas e unha produción de 14 toneladas cun valor de 140.000 euros. A media de terreo por produtor é, pois de 10.000 metros cadrados, cun rendemento duns 1.700 quilos por hectárea e cun custo de produción de 9.000 euros/hectárea, é decir 5,5 euros por quilo. O prezo medio de venda en orixe foi de 10 euros por quilo. Compre lembrar que o ano 2024 foi calificado de “tráxico” pola propia IXP debido aos estragos que o clima fixo na colleita. Nun ano normal, como foi 2023, a colleita foi superior en case 6 toneladas e facturáronse 37.000 euros máis. Con todo, a redución da colleita foi menos acusada para os produtores que están dentro da IXP que para os que seguen fóra, grazas en boa medida aos programas de mellora, defensa sanitaria e selección de semente.

O prego de condicións da IXP non é inamovible. Pódense introducir modificacións sempre que sexa para mellorar a calidade e axudar o traballo dos produtores. Juan Manuel Coucheiro, AGACAL

Concheiro lembrou que os obxectivos fixados en 2004, cando se comezou a desenvolver a IXP, seguen estando vixentes: protexer e garantir a calidade e características da faba e ir atraendo a cada vez máis produtores para aumentar o volume e poder acometer accións conxuntas de promoción, cultivo ou mellora. Hoxe calcúlase que se poderían superar amplamente as 20 toneladas se os produtores alleos á IXP entraran nela. E aclarou que o prego de condicións que rexe o funcionamento da IXP non é algo inamovible, senon que se pode modificar sempre que sexa para mellorar a calidade do produto e axudar os cultivadores a ser máis eficientes nas boas prácticas. Porque aparecen novas técnicas, para aumentar rendementos, por modificación das variedades…

O técnico de AGACAL explicou que o que protexe a IXP son “fabas secas separadas do casulo, procedentes da familia das fabáceas ou leguminosas, especie Phaseolus vulgaris L. da variedade local coñecida como faba Galaica, procedentes de sementes certificadas, reemprego controlado da propia explotación ou de sementes procedentes doutras plantacións inscritas nos correspondentes rexistros.” E tamén puxo énfase en que non se pode identificar e moito menos comercializar como faba de Lourenzá a que non teña sido producida na Mariña luguesa. As características da faba de Lourenzá son:

Forma Ril longo semicheo
Cor Branca uniforme
Tamaño Moi grande. 80-120 gramos/100 sementes
Humidade 14-17%
Proporción de pel Escasa. 8-10%
Capacidade de absorción de auga Elevada. Superior a 100%

Tamén a cata é un parámetro definido no prego: “bo comportamento en cocción, con grans enteiros e completos e pastosidade da polpa, que está exenta de grumos e escasamente diferenciada da pel.” A faba só se poderá vender en cantidades de 0,5 ou de 1 quilo de peso e en envases que garantan a súa conservación. Tamén se admiten envases de entre 5 e 20 quilos para vendas a colectividades. E no envase deberá constar o logotipo identificador da IXP.

Concheiro indicou os pasos técnicos e administrativos que da AGACAL cada vez que algún produtor ou envasador solicita ingresar na IXP e o tipo de auditorías que ten que pasar. E que, cando xa se está inscrito, AGACAL controlará periódicamente que se cumpra con todos os requisitos que esixe o prego. Dende o caderno de explotación ata o cumprimento dos prazos de cada ano. Son controis tanto documentais como a pé de leira, con especial énfase en que se adecúe a produción co terreo inscrito. No caso das envasadoras, compróbase en cada campaña o estado e adecuación das instalacións así como o tipo de envase utilizado e os períodos de conservación.

Aspectos técnicos do cultivo

Noelia López, da Estación Baixo Miño de AGACAL, explicou os cinco puntos que hai que ter en conta no inicio do cultivo da faba para que éste sexa viable. O primeiro é facer unha valoración das características agroclimáticas. Especialmente no tocante ás temperaturas para a xerminación. O ideal é que se produza entre 15º e 20ºC aínda que a planta pode prender fora dese intervalo, agás que se faga por baixo de 2ºC e por riba de 30ºC porque eso sería letal para a semente.

Para que a faba sexa rendible precisa medrar en zonas de abondosa chuvia -entre 1.200 e 1.400 cm/ano- e que a temperatura media anual oscile entre os 12ºC e os 14ºC. Tamén son importantes as temperaturas nos meses de maio –cando normalmente se realiza a sementeira e que debe ser de 13,6ºC- e en setembro, no tempo da recollida, que debe ser na contorna dos 17ºC. E é que o ciclo da faba é de 150 días, é decir, cinco meses. Aínda que a sementeira nun ano normal se fai en maio, pode haber anos en que o clima obrigue a adiantala a mediados de abril ou a comezos de xuño. Neses casos hai que ter coidado: se a adiantamos moito, pode haber baixadas de temperatura que freen a nascencia e se a demoramos demasiado, a calor pódea facer entrar en latencia. En función do período de sementeira, a recolección pode ir dende finais de agosto ata comezos de novembro, pero o escenario ideal é que se produza en setembro.

En canto ao manexo dos solos, López sinalou que os solos galegos teñen entre un 7% e un 12% de materia orgánica, unha cifra que nos solos de cultivo se reduce a entre o 5% e o 10%. Un paso importante é coñecer a rocha nai, os horizontes do solo, xa que dependendo de se é arxiloso, granítico, pizarroso ou outras composicións, teremos un solo de traballo de diferente composición e haberá que adaptar o labor no cultivo a esas características profundas.

As aportacións de materia orgánica son sempre necesarias pero non poden ser ilimitadas porque provocarían contaminación. Noelia López, AGACAL

Recoméndase facer unha analítica do chan cada vez que se vai sementar para coñecer a cantidade auga e minerais e o nivel de ventilación pero, por riba de todo, para saber a cantidade de materia orgánica. Porque a materia orgánica é a que desenvolve os agregados que dan vida o solo e que fan a súa estrutura. E é a que regula o paso da auga reténdoa cando escasea e drenándoa cando sobra. Ademais axuda a optimizar a absorción dos nutrientes que se aportan no abonado e fai que perduren no tempo os encalados que se realizan para regular o PH. Con todo, López lembrou que a aportación de materia orgánica non pode ser ilimitada e que xa se está a regular para evitar problemas de contaminación. E indicou que un solo con 13% de materia orgánica é plenamente válido para a faba e moitos outros cultivos.

Aínda que se cumpran os requisitos de clima e solo, non está garantido o pleno éxito do cultivo. É crucial unha boa selección da parcela onde imos sementar. Porque a planta debe ter a man todo aquelo que precisa, dixo a técnica. O primeiro que hai que valorar é que se poida aplicar unha orientación Este-Oeste. Eso será decisivo para que as plantas reciban toda a luz que precisan e que non se fagan sombras indesexadas. Tamén se debe valorar a inclinación do terreo e a súa posibilidade de que a auga escorra correctamente ou que se aproveiten todas as horas posibles de luz e que os sistemas de rega sexan eficaces en todo o terreo da leira. Hai que buscar, ademais, que os solos estean a tempero: nin moi húmidos nin moi secos.

É recomendable evitar sementar en solos que teñan sido moi laboreados e, por tanto, teñan pouca estrutura e materia orgánica. Nesa liña, o ideal na sementeira é non empregar, sempre que sexa posible, nin o arado de vertedera nin a fresadora, que é o apeiro que máis afecta os agregados. Por contra, si se recomenda utilizar motocultores os que se lles poden acoplar grades, sementadoras ou picadoras de maleza. E, unha vez sementado, é moi beneficioso utilizar cubertas vexetais ou de materiais biodegradables e incluso plásticos de uso agrario para manter a humidade superficial, evitar a aparición de malas herbas e ata servir como fertilizante eventual.

Respecto das técnicas de sementeira, López citou as dúas formas habituais: a de liña simple, cunha columna de plantas en cada liña, cunha planta cada 15 centímetros e unha separación entre liñas de 1,4 metros; e a de liña dobre, con dúas columnas por liña, plantas separadas por 20 centímetros e liñas separadas por 1,8 metros. Námbolos dous casos é preciso facer un entitorado, é decir, colocar estruturas para guiar o crecemento da planta. O máis común son as redes e mallas en espaldeira e hai quen emprega rafia, corda ou varillas.

A sementeira débese facer, como na meirande parte dos cultivos, cun PH entre 5,8 e 6,5. E o encalado para acadar ese PH hai que facelo nos meses de outono, sempre un mes antes da aplicación de fertilizantes e materia orgánica e nunca con máis de 2.000 quilos por hectárea.

Aínda cultivada en climas chuviosos, a faba necesita rega. Para planificala axeitadamente, temos que facer unha analítica do solo e comprobar a súa estrutura, textura, espesor, perfil e cantidade de materia orgánica. Así coñeceremos a capacidade de retención e de evacuación, o alcance que poden ter as raíces ou as necesidades de aportacións fertilizantes mediante a auga. Para a faba, a rega máis común e útil é a de por goteo, de feito só ésta, a de exudación e a de a pé están recollidas no regulamento da IXP Faba de Lourenzá. As vantaxes da rega por goteo son o aforro de auga pola menor evaporación, a aplicación localizada dos abonos que contén a auga e a subministración constante á planta, que evita excesos ou carencias. A parte negativa é o alto custo de instalación e a acumulación de raíces na contorna da mangueira, desaproveitando o resto do solo.

Como boas prácticas para optimizar a produción, López aludiu á rotación de cultivos e o abono verde. No primeiro caso, trátase de alternar nas parcelas de faba cultivos de características e necesidades diferentes a ela. Así, pódense introducir crucíferas que afondan as raíces máis ca a faba e ventilan a terra, leguminosas que aportarán nitróxeno ou cultivos que precisen de fertilizantes diferentes e en diferentes cantidades. Para o abono verde -pequenas herbáceas que se permiten medrar onde a faba- buscaremos especies de crecemento rápido, follaxe abondosa e con capacidade de adaptación a solos pobres.

A selección da semente

Alfredo Taboada, do CIAM, falou da importancia dunha boa selección de semente de calidade para o futuro da explotación. Unha semente que terá que ser mesmo de máis calidade que a que se destina a consumo. Para eso hai que seguir criterios sanitarios, varietais e agronómicos. Temos que seleccionar plantas que estean sás e que non amosen ningún vector de pragas ou síntomas de enfermidades. Porque calquera resto que quede na semente pode acabar afectando toda a colleita posterior. Antracnose, esclerotina ou certas bacterioses e viroses transmítense pola semente. Pero, ollo, algunhas destas doenzas non se detectan a simple vista na semente, de xeito que hai que analizar tamén a planta.

Fabas da Lourenzá non aptas para semente

Fabas da Lourenzá non aptas para semente

Na selección varietal, hai que partir da base de que as variedades locais, como as da IXP Lourenzá, son moi heteroxéneas. Así, non se trata de buscar unhas fabas que sexan exactamente iguais, pero si de que manteñan unhas características comúns básicas. Unha semente o máis pura posible irá evolucionando de xeito que en seis ou sete anos a súa “descendencia” será diferente da orixinal. E haberá que volver botar man da semente nai. Tamaño da folla, color e altura da planta e da vaina ou pautas de floración son os parámetros nos que hai que fixarse para manter esas características base.

Sería desexable que os produtores contaran cunha parcela específica para a produción de faba de semente. Alfredo Taboada, CIAM

Unha vez fixados os criterios sanitarios e varietais, hai que ver se a planta, ademais de sá e pura, é suficientemente produtiva. Un número equilibrado de vainas e que teñan unha forma axeitada, unha floración ben desenvolta e o cumprimento dos ciclos vexetais son os mellores indicadores. Esta observación faise planta a planta pero cun obxectivo para o conxunto da plantación.

A selección da semente faise en tres fases: antes da floración, durante a floración e coas vainas xa formadas. Nas tres hai que observar cores, alturas, formas e tempos de desenvolvemento e ir rexeitando todas aquelas que indiquen a presenza dalgunha praga ou alteración. Hai sistemas que poden parecer custosos e laboriosos pero que Taboada insiste en que son rendibles: habilitar unha parcela ou un espazo específicos para a faba que irá para semente para poder realizar o traballo de selección de forma independente; recoller o dobre de semente do que se vai precisar para a seguinte colleita, para garantir a continuidade das características; e facer o que se chama “selección negativa”, que consiste en eliminar todos os exemplares que non sexan perfectos (as mermas rara vez superan o 20%).

A recollida da faba de semente haina que facer cando está en madurez completa, ir recollendo as primeiras que vaian secando, e poñelas a secar como se foran para consumo. O desgrane debe facerse a man e sen que estean totalmente secas, para evitar perdas por rotura. E se non queremos que haxa gorgullo ou outros patóxenos non perceptibles, hai que conxelalas preferiblemente a -20ºC durante un mínimo de 48 horas. E, finalmente, conservala en envases con desecadores e en lugares frescos e secos e separada da de consumo.

Estudos científicos

Cristina Cabaleiro, profesora da USC, e Sonia Expósito, Enxeñeiro Técnico Agrícola falaron sobre a sanidade da semente da faba de Lourenzá. E presentaron datos dun estudo realizado ao abeiro do proxecto FEADER 2021-006A no que se sinalaba que a semente pode conter virus, bacterias e fungos non fácilmente detectables. Ou que hai virus que se transmiten na polinización e non se poden atallar. Que unha semente aparente sá ou mesmo que estea a xerminar correctamente non significa que non conteña patóxenos que logo acaben afectando a planta. A normativa que regula a faba de Lourenzá só esixe para certificar unha semente que non conteña nin gorgullo nin a bacteria xanthomonas.

REPOR XUNTA FABA LOURENZA

Sinalaron tamén que en case todos os cultivos hai un 20% de sementes que conteñen algún virus. Tamén na faba de Lourenzá, aínda que non afectan especialmente a xerminación. O que aínda está por determinar é se as fabas enrrugadas e de peor apariencia constitúen sementes de peor calidade, aínda que o lóxico é que si, xa que presentan carencias.

Outra conclusión do estudo é que aínda que os virus reduzan o seu impacto a un 15% da colleita -o cal tampouco é desprezable- cunha afectación do 50% nas sementes, teñen efectos a longo prazo que fan que as plantas vaian dexenerando.

Como recomendacións sanitarias para a faba de semente que van usar os produtores citaron, principalmente, o uso de bordes de parcela con millo ou o cultivo asociado millo/faba, o uso de aceites que reducen a transmisión dos virus, reducir a densidade de plantación, empregar trampas amarelas pegañentas para atrapar o pulgón ou non utilizar faba propia salvo que sexa analizada. E todo co obxectivo de que nalgún momento chegue a aparecer o agricultor especializado en produción de faba para semente e non para consumo. Sendo conscientes de que as técnicas serían moi diferentes.

Por parte da Misión Biolóxica de Galicia, Antonio Miguel De Ron referiu os traballos de control de cultivo e semente que se fan coas catro variedades principais que se dan na zona da Mariña: Ollo de pita, Peregrina, Galaica e Do marisco. Trazabilidade, control sanitario e xenético, análise de pragas…todo o que se precisa para que a semente saia con total garantía ao mercado e cumprindo coas características que a definen.

Falou tamén do importante papel que pode xogar a faba e a súa microbiota na adaptación ao cambio climático e a mitigación dos seus efectos. O obxectivo das diferentes actuacións é desenvolver un consorcio microbiano que sirva de bioestimulante e biofertilizante e que se poida materializar en formato de produto comercial. Para eso, empréganse técnicas de micorrización e de interacción entre a planta e determinadas bacterias e fungos. Unhas cuestións de alta agronomía pero que teñen un obxectivo económico para os produtores e un beneficio social en forma de sustentabilidade para o conxunto da sociedade.

A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información