
O contido e as posibles consecuencias, tanto para gandeiros como para veterinarios das novas normativas que regulan a prescrición de medicamentos veterinarios foron obxecto de debate dentro dunha xornada formativa organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA). Os profesionais ven con bos ollos algúns dos apartados pero están moi preocupados por outros, especialmente no tocante as sancións a profesionais e as restricións de uso dalgunhas medicinas.
Dentro da xornada falouse a fondo do polémico Real Decreto 666/2023. Unha norma que regula a distribución, prescrición, despensa e uso de medicamentos veterinarios. O principal obxectivo do RD é adaptar a normativa de España ao Regulamento (UE) 2019/6, buscando mellorar a sanidade animal, combater a resistencia aos antimicrobianos e protexer a saúde pública e o medio ambiente.
O certo é que o RD levantou polémica e xa provocou mobilizacións de diferentes colexios veterinarios por toda España. Logo de varias xuntanzas entre o Ministerio de Agricultura e representantes dos profesionais da sanidade animal, o texto segue aberto a posibles modificacións que mesmo poderían aplicarse de xeito diferente ao dotar de competencias na súa aplicación as Comunidades Autónomas.
Víctorio Collado, técnico de Gandería de Cooperativas Agro-alimentarias de España, abriu o evento e enumerou os requisitos que deben cumprir as entidades gandeiras -como son as cooperativas- que desexen dispensar medicamentos veterinarios e que implica unha serie de tarefas engadidas:
- Dispor dunha autorización para cada establecemento de dispensación.
- Contar cun farmacéutico responsable.
- Presentar unha declaración responsable ante a autoridade competente, na que se definan os obxectivos do programa zoosanitario, así como as especies que incluirá e os veterinarios responsables da súa execución.
- Contar con técnicos veterinarios responsables de garantir o cumprimento do plan sanitario.
- Dispensar medicamentos exclusivamente aos seus membros, ben directamente, ou ben a través do subministración ao veterinario da agrupación que aplique o tratamento nas explotacións gandeiras correspondentes.
- Dispensar unicamente os medicamentos necesarios para o tratamento das especies recollidas no plan sanitario.
- Levar un rexistro actualizado dos seus membros.
O técnico lembrou que o artigo 33 do RD recolle que a prescrición e uso de medicamentos antimicrobianos, a metafilaxe, deberá ir acompañada dunha serie de medidas de mellora da profilaxe e a hixiene na explotación. O obxectivo é reducir ao máximo no tempo o uso dos antimicrobianos. Tanto o veterinario como o gandeiro serán responsables desas medidas, que poderán ser comprobadas pola administración durante un período de cinco anos. Eses medicamentos só poderán ser usados de xeito preventivo en casos moi excepcionais de risco de infección colectivo.
O gandeiro e o veterinario pasan a asumir a responsabilidade sobre as medidas contempladas no plan zoosanitario da explotación. (Victorio Collado)
Collado indicou que, os tratamentos fóra de autorización -en casos en que os medicamentos non estean dispoñibles ou non existan, por tratarse dunha patoloxía nova- os veterinarios teñen diferentes opcións legalmente recoñecidas para actuar baixo a súa responsabilidade (artigos 113 e 115 do RD). Nesas situacións, terán en conta os tempos de espera previstos especialmente para os animais produtores de carne e de leite.
Os botiquíns que os veterinarios portan no seu traballo diario pasan a estar tamén moi regulados. A súa ubicación e o seu contido en medicinas deberá ser comunicado á autoridade sanitaria en cada momento. E sempre estará baixo custodia dun veterinario. Só se se trata dun veterinario de explotación que traballe en exclusiva poderá figurar a granxa como ubicación. No caso das cooperativas, onde varios profesionais poden compartir botiquíns segundo as quendas, as responsabilidades de comunicación son as mesmas para todos. O que si se permite é autorizar a un terceiro para que recolla o medicamento que logo será incorporado ao botiquín.
O membro de CAE falou sobre as responsabilidades dos veterinarios de explotación e as súas particularidades no caso das asociacións de defensa gandeira, empresas, integradoras ou outras figuras asociativas que poñen servizos veterinarios ao servizo das granxas. As medidas de hixiene e bioseguridade (acceso de persoas e vehículos, control da alimentación e as augas, recollida de cadáveres e suprodutos…) así como as de benestar animal pasan a ser responsabilidade deses veterinarios.

Esquema de plan de visitas zoosanitarias
O DR establece as obrigas que teñen os titulares das explotacións e os protocolos que deben seguir na súa relación cos veterinarios. Un dos principais é a fixación e cumprimento do calendario de visitas zoosanitarias, que se desenvolverá en función das circunstancias de cada momento. Titular da granxa e veterinario conservarán durante tres anos os informes da cada visita zoosanitaria e terán que estar dispoñibles para as autoridades sanitarias.
Finalmente, Collado fixo unha descrición dos tipos de antibióticos e os seus usos e explicou as obrigas que o RD establece para gandeiros e veterinarios de cara a reducir o uso deses antibióticos nos vindeiros anos en función da actividade e volume de cada explotación. E rematou detallando os puntos que debe abranguer o Sistema Integral de Xestión de Explotacións, o famoso SIXE, do que se leva meses debatendo.
Aínda que estaba citado como vogal representante do Colexio de Veterinarios de Lugo e traballador da cooperativa AIRA, José Antonio Fernández expresou as súas opinións sobre o RD a título persoal. E repasou as restricións que se impoñen ao uso de antibióticos lembrando que moitos deles se autorizan en moi poucos casos, co obxectivo de que sigan sendo efectivos para tratamentos en humanos. Dese xeito, divídense os antibióticos en catro categorías: A, B, C e D. Sendo os do grupo D os máis recomendados no decreto e permitíndose recorrer aos outros en casos moi concretos.
Tal como están concibidas as sancións no RD poden supoñer un castigo económico excesivo e, polo tanto, inxusto para os veterianrios. (José A. Fernández)
Fernández lembrou que os máis utilizados ata agora no traballo con gando vacún son os do grupo C, e que hai algúns deles que poderían estar dentro do grupo D e, por tanto, ser de máis fácil acceso. Por exemplo os empregados en infeccións respiratorias ou certos compostos que se mesturan con penicilina. O veterinario opinou que o RD debera deixar máis liberdade de elección os veterinarios para que apliquen os seus criterios clínicos en cada caso concreto e non limitalos coa categorización por grupos.

Indicacións para o uso dos antibióticos
O sanitario de AIRA ve excesivas algunhas sancións que contempla o regulamento do RD no que se refire a notificacións ao sistema PRESVET, unha plataforma de receita electrónica. “A sanción leve pode ser por un erro ou un descoido na notificación, neso non hai problema. Pero se se produce unha segunda infracción leve ou varias, pasa a considerarse grave ou moi grave e ten unhas multas que poden ir de 3.000 a 60.000 euros. Eso é unha esaxeración posto que os despistes non conlevan mala fe nin intención dolosa. As sancións deberan ser máis moderadas xa que poden supoñer un quebranto económico moi serio.”, dixo
Tamén viu unha certa contradición no feito de que dous antibióticos co mesmo principio activo e o mesmo excipiente poden estar indicados para doenzas diferentes segundo o laboratorio que os fabrique. E eso condiciona a prescrición por non estar claro en que grupo debera figurar. E botou en falta unha maior concreción na posoloxía de cada medicamento. “Por exemplo, se unha vaca precisa tratarse seis días pero o prospecto e a cantidade é para tres días, hai que facer e comunicar dúas receitas.”, dixo.
Dese xeito, Fernández considera que para que o traballo do veterinario clínico sexa realmente efectivo, haberá que recorrer en demasiadas ocasións á prescrición excepcional. E eso supón unha enorme carga xa que calquera consecuencia negativa que se derive desa prescrición excepcional será responsabilidade exclusiva do profesional veterinario, aínda que se teña comunicado a autoridade sanitaria.
Galego







Control OJD