
Para a Asociación de Criadores de Porco Celta (ASOPORCEL), os investimentos e a participación en proxectos de I+D+i son unha parte fundamental da estratexia para os vindeiros anos. En colaboración con empresas, fundacións e administracións e organismos públicos traballan en sete iniciativas principais que buscan combinar a tradición rural da cría dos animais coas novas tecnoloxías e os métodos científicos. Trátase de proxectos de ámbitos moi diferentes pero co obxectivo claro da profesionalización e o crecemento do sector.
AsopQRcel
Deseñar un sistema de trazabilidade dixital para esta raza porcina. Eso é o que persegue o grupo operativo AsopQRcel, O que se vai facer é crear un código QR en cada peza, co fin de ofrecer ao consumidor datos clave—desde pegada de carbono ata benestar animal—mediante tecnoloxías como blockchain e intelixencia artificial. O proxecto aspira a reforzar a transparencia e a confianza do consumidor, así como a consolidar o valor ambiental e social dos produtos.
Aprobado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no marco do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o consorcio inclúe, entre outros, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), dependente da Universidade de Santiago de Compostela (USC); a Fundación Terreo, Innogando ou Medrar Innovation Office.
Bio4Trace
Trátase dun Grupo Operativo Supraautonómico. O programa combina xenotipado e fenotipado de alta densidade con intelixencia artificial e tecnoloxía blockchain, para garantir. Quérese acadar a trazabilidade completa e ampliar a selección xenética baseada en marcadores, co fin de mellorar a calidade da carne e a sustentabilidade das razas.
O proxecto está cofinanciado pola Asociación Europea Innovación para unha agricultura produtiva e sostible (AEI‑Agri), o Feader e o MAPA. E colaboran con ASOPORCEL a Asociación de Criadores de Chato Murciano, a Asociación de Cochino Negro Canario, Pyramis, e a Fundación Terreo, e entidades técnicas como o Centro de Investigacións Agraria de Mabegondo (CIAM) ou a Universidade de Murcia, Medrar Innovation Office.
Forescelta
Tamén neste caso se actúa no marco dun grupo operativo. O obxectivo foi desenvolver sistemas silvopastorís en bosques caducifolios, integrando Porco Celta e Gochu Asturcelta para aproveitar montes, reducir maleza, previr incendios e obter carne de calidade. Para iso, implementaronse alimentación controlada, tecnoloxía automatizada e renovación de infraestruturas, de xeito que se promovesen prácticas sostibles, diversificación económica e protección do territorio. Aínda que non se están a desenvolver novas accións, os resultados xa levan tempo percibíndose.
Forescelta é un proxecto transnacional Galicia–Asturias, coordinado por Intereo e financiado pola Agacal e o Feader. Nas fases xa concluidas participaron con ASOPORCEL a Asociación de Criadores de Gochu Asturcelta, o Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario asturiano, o Centro Tecnolóxico da Carne, Asforocas e a comunidade de montes “O Carballo”, de Friol.
Datalife
O proxecto Datalife aínda está a dar os seus primeiros pasos. Con el quérense crear plataformas dixitais para recollida e xestión de datos en granxas de Porco Celta. Igual que noutros sectores gandeiros, busca analizar datos produtivos e sanitarios para optimizar procesos e impulsar a toma de decisións. Esta infraestrutura dixital permitirá os gandeiros mellorar a rendibilidade, manter estándares sanitarios e reforzar a trazabilidade dende a granxa ao mercado, integrando o coñecemento tecnolóxico coa práctica tradicional.

Cesáreo foi un dos sementais que contribuiu a manter a raza porco celta
Greencoop
En marzo de 2025, a USC e os criadores do Porco Celta incorporáronse ao proxecto internacional Greencop, no que participan entidades de 24 países europeos e China. Durante catro anos, analizarase o funcionamento das explotacións —tanto convencionais como ecolóxicas— para mellorar a calidade dos alimentos e reforzar a sustentabilidade. Estudarase a rendibilidade económica, a biodiversidade, a pegada hídrica e a de carbono, así como o impacto social no rexuvenecemento rural.
Greencoop, segundo explican dende a USC, pretende promover a economía social, mellorar a prosperidade dos persoas que se dedican á agricultura e o emprendemento rural mediante a optimización do uso dos recursos no predio, a redución do dano ambiental, a mellora das condicións laborais e a inclusión —nomeadamente de mulleres—, o fomento da bioeconomía e a economía circular, e o aumento do número de empregos e competencias de alta calidade.
Accións de transferencia e cooperación con Agacal
O propósito desta iniciativa era deseñar un protocolo de avaliación xenética que permita establecer liñas reprodutoras específicas segundo obxectivos de cría e carne, así como fomentar o aproveitamento silvopastoril para optimizar uso territorial e control de biomasa. Houbo, ademais, outras iniciativas de transferencia que están a axudar a mellorar a calidade e a sustentabilidade da raza e consolidar a transferencia de investigación á práctica gandeira en Galicia. A Agacal aprobou en xuño de 2021 unha subvención para o proxecto de mellora xenética do Porco Celta, unha iniciativa conxunta de ASOPORCEL, o CIAM e o Centro Tecnolóxico da Carne.
Granxa experimental Gayoso Castro de Porco Celta
En colaboración coa USC, a Deputación Provincial de Lugo vai habilitar unhas instalacións especiais na granxa experimental Gayoso Castro dedicada á recría de animais de raza Porco Celta (24 porcas e 5 reprodutores). Neste caso, a formación é o máis importante. O plan inclúe instalacións para prácticas veterinarias, aulas e investigación. A finalidade é formar estudantes de Enxeñaría Agraria e Veterinaria e servir como modelo de innovación e transferencia tecnolóxica para o sector extensivo, consolidando o vínculo entre educación superior e realidade produtiva galega.
Pero a programación de ASOPORCEL vai máis alá dos proxectos de I+D+i. Por exemplo, nos últimos anos puxeron en marcha tres programas técnicos que buscan mellorar a rendibilidade e sustentabilidade das granxas.
O primeiro deles, centrado no manexo e na rotación dos animais, promove unha utilización eficiente dos recursos dispoñibles, especialmente en montes e parcelas de uso comunitario. O segundo, enfocado na cría, traballa na selección de reprodutores e no control dos cruzamentos para evitar consanguinidade e reforzar os caracteres desexables. E o terceiro, de carácter sanitario, establece protocolos comúns de vacinación, desparasitaxe e hixiene nas explotacións.
Tanto os de I+D+i como o resto de proxectos están orientados a mellorar a rendibilidade e sustentabilidade das explotacións.
As tres iniciativas van parellas a unha estratexia de alianzas para que ASOPORCEL gañe presenza institucional e comercial. Hoxe a asociación forma parte do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), da Federación de Razas Autóctonas Españolas (Federapes), da rede internacional Slow Food e do selo Galicia Calidade.
Ademais, conta coa distinción de Pyme Innovadora, un recoñecemento estatal que acredita o seu compromiso coa investigación, a dixitalización e a aplicación de tecnoloxías punteiras ao sector gandeiro.
SELOS E OUTROS PROXECTOS
A participación nestes proxectos de I+D+i e noutros de diferentes ámbitos ten por finalidade conseguir que chegue ao mercado o mellor produto cárnico posible. Fresco, embutidos, curados salgaduras, afumados…todo o que se aproveita do cocho. E sabendo reflectir os métodos de cría tradicionais e sustentables en fragas espalladas por toda Galicia.

A crianza en extensivo é unha das fortalezas das granxas adscritas a ASOPORCEL
Dende o punto de vista técnico, a carne de porco celta caracterízase por ter unha cor avermellada intensa, textura tenra, infiltración de graxa cualificada de excelente, alto contido en ácidos graxos insaturados, ferro e antioxidantes. Unhas características organolépticas e nutricionais que se ven acentuadas polos maiores tempos de sacrificio -case 12 meses- e o pastoreo libre.
Sen embargo, a demora no sacrificio dos animais e, por conseguinte, na saída das canais e dos produtos elaborados ao mercado non impiden que a carne producida manteña un crecemento constante, tan só alterado nos anos da postpandemia. Dese xeito, en só oito anos -de 2016 a 2024- aumentou en 100 toneladas a cantidade de carne certificada baixo distintivos oficiais, pasando de 95.000 quilos a 195.000. Unhas cifras moi elevadas para unha especie que, non esquezamos, segue estando en perigo de extinción.
Precisamente as certificacións de calidade, a súa consecución, son unha constante dende hai case unha década. Dese xeito, dende 2016 todos os produtos derivados do Porco Celta contan co logotipo 100 % Raza Autóctona Porco Celta, o primeiro selo nacional de raza porcina autóctona, autorizado polo Ministerio de Agricultura. O selo garante a pureza xenética, a cría en réxime extensivo ou semiextensivo, a alimentación natural e a trazabilidade completa dende a granxa ao consumidor.
Os produtos que saen das granxas dos socios de ASOPORCEL contan con recoñecementos do Ministerio de Agricultura e a Consellería do Medio Rural
Nesa mesma liña, dende 2023 ASOPORCEL está autorizada a empregar o selo Galicia Calidade en todos os produtos derivados da raza. O distintivo, que recoñece máis de 140 empresas galegas e 400 referencias, avala que o produto está elaborado en Galicia, utiliza materia prima galega e supera un control rigoroso de calidade.
Eses dous selos combinados supoñen un valor crecente no mercado cárnico tanto nacional como internacional. De xeito que os derivados do Porco Celta alcanzan nos puntos de venda prezos similares aos do coñecido porco ibérico. E serven tamén para transmitir unha imaxe que reforza a confianza do consumidor e permite acceder a cada vez máis mercados.
A maiores dos selos que acreditan a carne e os seus procesos de produción, ASOPORCEL viu recoñecido nos últimos anos o seu labor no eido administrativo. Así, a asociación está recoñecida como entidade de asesoramento, formación e apoio técnico, converténdose nunha estrutura clave para a viabilidade das ganderías de Porco Celta e a incorporación de novos criadores ao sector.

ASOPORCEL asiste aos principais eventos vencellados co sector porcino
Desde a súa inscrición como entidade de xestión e asesoramento agrario (EAX_19_075), ofrece apoio directo na tramitación de axudas públicas, cunha atención especialmente centrada nas liñas destinadas a razas autóctonas. E está recoñecida como entidade colaboradora da Consellería do Medio Rural para a formación continua e transferencia de tecnoloxía agraria (ECMR_144/22) así como entidade autorizada para impartir cursos en materia de benestar animal (BA_102/17).
ACOMPAÑAR OS SOCIOS
A día de hoxe, ASOPORCEL agrupa arredor de 130 gandeiros distribuídos por toda Galicia, con especial presenza na provincia de Lugo, onde se concentra a maior parte das explotacións. As restantes repártense de xeito homoxéneo entre Ourense, A Coruña e Pontevedra. O equipo técnico está formado por catro profesionais que se encargan do seguimento veterinario, a xestión documental e o acompañamento aos socios.
Se ben a asociación naceu en 1999 para a recuperación e promoción da raza Porco Celta, foi a partir de 2016 cando se intensificou o labor da entidade, profesionalizándose e ampliando tanto a súa base de asociados como os programas técnicos e estratéxicos que xestiona.
Un dos puntos fortes do labor de acompañemento de ASOPORCEL son as visitas técnicas as explotacións.
Por tratarse dunha raza autóctona e aínda en perigo de extinción, é esencial desenvolver e xestionar o Libro Xenealóxico da raza Porco Celta, recoñecido oficialmente polo Ministerio de Agricultura. O Libro garante a pureza da liña xenética e establece os criterios de selección e reprodución. Todos os exemplares son inscritos cun rexistro detallado da súa filiación e datos morfolóxicos e produtivos, un dos pasos que levan á trazabilidade da produción e a consolidación do selo 100 % Raza Autóctona. Como elemento engadido de control, todos os animais levan un dobre crotal auricular: un visual e outro electrónico -dotado dun transpondedor- que facilita a recollida de datos directamente na granxa.
Outro dos puntos fortes da actividade de acompañamento son as visitas técnicas en colaboración con outras entidades, como a realizada en 2024 á devesa salmantina. Alí, trinta criadores galegos puideron coñecer de primeira man o modelo de manexo do porco ibérico, o funcionamento da montanera e o sistema de silvopastoreo, coa mirada posta na súa adaptación ao Porco Celta. Estes encontros permiten enriquecer a práctica diaria dos socios e establecer pontes con outras razas e territorios.

Galego









Control OJD