Asoporcel achega as novas creacións gastronómicas con Porco Celta a prazas de abastos e mercados

A asociación que agrupa os criadores da especie porcina autóctona coordinou a produtores e destacados cociñeiros para que o público deses espazos comerciais senlleiros desfrutase de pratos que combinan innovación e tradición. A carne de porco celta presentouse tamén como unha excelente opción para as festas do Nadal e apuntou ao que preparan para o Entroido

GARBANZOS ASOPORCEL

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, levou ata as prazas de abastos e mercados municipais de concellos de Ourense e A Coruña diferentes actividades e eventos que puxeron en valor as producións gandeiras e o traballo dos cociñeiros locais empregando o porco celta como eixe.

Así, gandeiros das bisbarras onde se celebraron os eventos subministraron os seus produtos cárnicos para que cociñeiros de recoñecida traxectoria amosaran as súas creacións culinarias. O obxectivo era que tanto os veciños que acoden a eses espazos comerciais como os propios comerciantes coñeceran de primeira man as inmensas posibilidades que ofrece esta raza autóctona.

“Nestas accións apostamos por amosar ao público presentacións gastronómicas diferentes das habituais salgaduras, embutidos ou afumados. Demostrouse que a tradición que nos caracteriza combina perfectamente coa innovación na cociña. Tanto os praceiros como os asistentes valoraron moi positivamente o traballo feito.”, sinala Iván Rodríguez, director técnico de Asoporcel.

Por outra banda, dende Asoporcel quixeron tamén poñer en valor as enormes posibilidades comerciais que ofrecen as prazas e mercados tradicionais, especialmente para os produtos de alta calidade. “Non hai tanto tempo que eran os centros que aglutinaban o comercio local de alimentos e moitos deles xa se están a revitalizar con novos conceptos. Teñen un grande potencial.”, sinalou Rodríguez.

As demostracións gastronómicas levaron a que os praceiros introduzan o porco celta na súa oferta

As demostracións gastronómicas levaron a que os praceiros introduzan o porco celta na súa oferta

Ademais, os asistentes ás actividades comprobaron que o porco celta é unha opción máis que recomendable para as ceas de e xantares que se celebran en todas as datas sinaladas das festas de Nadal, aninovo e Reis.

A maiores das demostracións gastronómicas, das degustacións e da información que facilitaron en todo momento os técnicos de Asoporcel, os eventos en prazas e mercados completáronse con actividades lúdicas como concertos e xogos.

Mercado en Rural con Porco Celta

No caso da provincia de Ourense, tratouse da segunda edición do evento -a primeira fora en abril-. As actividades deste ano desenvolvéronse en primeiro lugar no XXVI Xantar – Salón Internacional de Turismo Gastronómico na capital provincial. Posteriormente acudiron a Bande, da man de Martín Fernández do restaurante Bágoa Gastrobar.

A seguinte parada foi no Barco de Valdeorras con Alberto Fernández de Pallabarro. E remataron en O Carballiño con Marco Varela de Casal de Armán. En todos os eventos colaborou tamén Cociña Ourense, un grupo no que participan 13 dos máis destacados cociñeiros da provincia ourensá.

Outro dos obxectivos consisitiu en reivindicar o papel de prazas e mercados no comercio local

Outro dos obxectivos consisitiu en reivindicar o papel de prazas e mercados no comercio local

O teu Mercado en Rural

Na provincia de A Coruña, foron a capital provincial e a vila de Pontedeume as que acolleron estes eventos nos que se degustaron elaboracións do máis variado, poñendo en valor a calidade e a identidade dun produto tan galego.

O mercado de Elviña, en A Coruña, contou coa presenza de Pablo Vila (Cociñeiros Lugo), Alejandro Méndez (Cociñeiros Lugo) e Javi Feijeiro (Cociña Coruña). No caso de Pontedeume, os fogóns estiveron a cargo de Santi Fernández (Terra Food Solutions).

Entre as exquisiteces preparadas polos cociñeiros nas prazas e mercados houbo elementos tan innovadores como brioche de Porco Celta de boloñesa atlántica e queixo do Cebreiro; saam de papada de Porco Celta con lagostinos e alioli de chile doce; agulla de Porco Celta con garam masala e crema de batata, e panceta de Porco Celta glaseada e chutney de ananá e cítricos.

Na liña máis tradicional pero sempre cunha alta dose de creatividade, puidéronse degustar croqueta de lacón de Porco Celta con grelos e bao de chuleta de Porco Celta, repolo e mencía.; miniburger de Porco Celta con queixo de Amalia e maionesa de kimchee e croqueta de guiso de agulla de Porco Celta con maionesa de trufa.

Campaña “Tan Noso”

Tanto os eventos de A Coruña como os de Ourense foron paralelos á campaña “Tan Noso” que está a desenvolver Asoporcel. Con ela queren “destacar a versatilidade e a calidade da carne do Porco Celta, cuxos derivados maridan tanto con propostas culinarias innovadoras como coas máis tradicionais. É un auténtico tesouro gastronómico”.

A campaña estase a desenvolver nas canles autonómicas de radio e televisión e nas redes sociais de Asoporcel (Facebook e Instagram). Unha das accións que comprende é a de sorteos de cestas de produtos de porco celta entre os seguidores en redes. Os sorteos, que se prolongarán ata fin de ano, fanse ao abeiro da iniciativa “Advento con Porco Celta x Galicia Calidade”, unha colaboración entre os seguidores das dúas entidades.

A campaña pon énfase no carácter tradicional do porco celta e o seu forte vencello galego

A campaña pon énfase no carácter tradicional do porco celta e o seu forte vencello galego

Aspecto a destacar da campaña é a participación do músico Abraham Cupeiro, co seu tema Lamento, e do actor Luís Iglesia, que locuta o spot. Dende Asoporcel agradecen o esforzo de todas as persoas que participaron na campaña.

“Tan Noso” quere ademais homenaxear e recoñecer o traballo realizado durante case 30 anos para recuperar primeiro, conservar despois e finalmente promover esta especie que é a única raza porcina autóctona galega.

Malia toda esta intensa actividade, dende Asoporcel xa están a traballar en diferentes accións promocionais e divulgativas de cara ao vindeiro ano. A primeira estación será o Entroido, cando se disparan por toda Galicia os cocidos e outras elaboracións coa carne do porco celta.

LOGOS ASOPORCEL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información