Na liña da reunión mantida a pasada semana por asociacións de propietarios forestais (Promas) da Mariña lucense, Narón acolleu un encontro de Promas e colectivos forestais da costa norte coruñesa. O obxectivo do encontro era abordar vías para mellorar a xestión do monte. Para este ano, espéranse apoios da Xunta á xestión conxunta do monte, o que representa unha oportunidade para os colectivos de propietarios forestais.
Os principais desafíos que sinalan as Promas da costa norte coruñesa céntranse en cuestións como a mellora de infraestruturas (cargadoiros, vías de saca) ou a introdución dunha maior óptica ambiental no monte (respeto ás distancias de plantación, aumento da plantación de frondosas caducifolias ou o bo remate das operacións de corta), que son aspectos nos que xa están a traballar algunhas das asociacións.
Os colectivos advirten ademais da necesidade de que as Administracións resolvan, pola súa parte, dificultades que se atopan con frecuencia os propietarios cando tratan de mellorar a xestión conxunta do monte, como os erros e problemas no Catastro, os desacertos na catalogación de solos dos planeamentos urbanísticos ou certas normativas municipais, que parten con esixencias pouco prácticas.
A costa norte coruñesa é unha zona que constitúe o núcleo da produción do eucalipto en Galicia, pois entre os distritos forestais de Ferrol – Ortegal e Bergantiños – Mariñas coruñesas, producen un terzo de todo o eucalipto que se corta anualmente en Galicia. Malia a alta actividade forestal, algunhas das asociacións apuntan as dificultades de consolidar o relevo xeneracional no monte.
Para lograr ese relevo xeneracional, as Promas márcanse o obxectivo de lograr melloras e servizos que contribúan a facilitarlle ós propietarios a xestión do monte.
A reunión celebrada onte en Narón serviu tamén para presentar ante as Promas o Informe Forestal do eucalipto en Galicia e na Cornisa Cantábrica, elaborado pola Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (Cose). Este informe, xa presentado días atrás na Mariña, trata de desmontar os mitos ligados ó cultivo do eucalipto.
Datos de cortas na costa norte da Coruña
O Distrito de Ferrol – Ortegal acadou no 2021 unhas cortas de máis de 957.000 metros cúbicos de eucalipto, en tanto Bergantiños – Mariñas coruñesas sumou máis de 888.000 metros cúbicos. Estas cortas supuxeron uns ingresos totais de máis de 55 millóns de euros para os propietarios forestais de ambos Distritos (28,75 millóns de euros no caso de Ferrol – Ortegal e 26,65 no caso de Bergantiños – Mariñas coruñesas), segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, que coorganizou, conxuntamente coa Proma de Cedeira, o encontro de onte en Narón coas Promas de ambos distritos.
O aproveitamento do piñeiro é tamén reseñable na zona norte da Coruña, pois suma unhas cortas de máis de 400.000 metros cúbicos, cuns ingresos estimados para os propietarios forestais de 12,6 millóns de euros (3,8 en Ferrol – Ortegal e 8,85 en Bergantiños – Mariñas coruñesas). As frondosas, entre tanto, teñen un aproveitamento forestal residual, cuns 36.000 metros cúbicos talados entre ambos Distritos forestais, o que representou para os propietarios uns ingresos duns 785.000 euros no 2021.