As asociacións de viticultores das Rías Baixas estarán vixiantes para evitar compras de uva por debaixo dos custos de produción

Poñerán á disposición dos viticultores asesoramento para tramitar as correspondentes denuncias ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) cando existan indicios de incumprimento da lexislación.

Publicidade

vendima rias baixas estandarAs principais asociacións de viticultores das Rías Baixas anunciaron que permanecerán especialmente vixiantes durante o inicio da campaña de contratación da uva para impedir que a presión do mercado provoque compras por debaixo dos custos de produción e para protexer a viabilidade económica das explotacións vitícolas.

A iniciativa está promovida conxuntamente pola Asociación Unión de Viticultores de Arbo, a Asociación de Viticultores Val do Ulla e a Agrupación Profesional de Viticultores Rías Baixas, que fan un chamamento ao conxunto de organizacións agrarias e entidades representativas do sector para que se sumen a este labor de vixilancia e defensa dos produtores.

As asociacións advirten de que a presente campaña se desenvolve nun contexto especialmente delicado. As estimacións apuntan a que poderían quedar entre catro e cinco millóns de quilos de uva sen recoller debido ao desequilibrio existente entre a produción dispoñible e as necesidades actuais de compra das adegas.
As organizacións queren deixar claro que non responsabilizan ás adegas por adquirir unicamente a uva que necesitan, unha decisión que consideran lexítima desde o punto de vista empresarial. Ao seu xuízo, a orixe do problema é estrutural e responde á falta de medidas de regulación e planificación adoptadas nos últimos anos para adaptar o potencial produtivo da denominación á evolución do mercado.

Non obstante, alertan de que o exceso de oferta pode provocar unha forte presión á baixa sobre os prezos da uva, favorecendo a aparición de ofertas que poderían situarse por debaixo dos custos de produción das explotacións vitícolas.

Ante esta situación, as asociacións lembran que a Lei da Cadea Alimentaria prohibe expresamente as compras por debaixo dos custos de produción e anuncian que informarán aos viticultores sobre os mecanismos de protección que lles recoñece a normativa.

Neste sentido, poñerán á disposición dos seus asociados asesoramento para tramitar as correspondentes denuncias ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) cando existan indicios de incumprimento da lexislación. Así mesmo, facilitarán información e orientación ao resto de viticultores que, aínda que non pertenzan a estas organizacións, poidan verse afectados por este tipo de prácticas.

As asociacións consideran imprescindible que todo o sector actúe con responsabilidade para evitar unha espiral de depreciación dos prezos que comprometa a viabilidade económica das explotacións vitícolas das Rías Baixas.

Igualmente, reclaman que se avance na elaboración dun estudo oficial que permita determinar de forma obxectiva os custos de produción da uva na denominación de orixe, achegando unha maior seguridade xurídica e transparencia ás relacións comerciais. Mentres tanto, lembran que existen referencias obxetivas, como as empregadas por Agroseguro para a valoración dos siniestros que afectan a variedade Albariña, na que o valor de indemnización e superior a algunhas das ofertas que están escoitando no sector.

Finalmente, as tres asociacións fan un chamamento ao resto de organizacións agrarias e entidades representativas do sector vitivinícola galego para que se sumen a esta iniciativa de vixilancia e defensa dunha comercialización xusta, garantindo que ningún viticultor se vexa obrigado a vender a súa produción por debaixo dos seus custos de produción e reforzando o cumprimento da normativa en beneficio de toda a cadea de valor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información