Representantes de distintas asociacións agrogandeiras de Galicia -Asociación do Sector Primario de Galicia (ASPG), Agromuralla, Produtores Lácteos de Galicia (Prolega), Asociación Gandeiros Galegos da Suprema e Asociación de Produtores e Produtoras de Ecolóxico de Galicia (Proecogal)- mantiveron este xoves en Chandrexa de Queixa, un dos concellos máis afectados pola vaga de lumes, unha reunión con gandeiros e gandeiras, así como alcaldes, para trasladarlles o seu apoio, tanto para facer fronte á situación actual de emerxencia por falta de forraxes, como de cara aos vindeiros meses.
Á reunión acudiron arredor duns 50 gandeiros e gandeiras da comarca, así como tamén os alcaldes da Mezquita, Chandrexa de Queixa, Montederramo e Manzaneda.
Todas as asociacións participantes xa teñen reservas de forraxes listas para enviar aos gandeiros afectados, ou nalgúns casos xa o fixeron, pero tamén se ofreceron para prestar asistencia técnica ou man de obra. Algunhas delas tamén abriron números de conta para recabar axuda.
“O obxectivo desta reunión foi coñecer de primeira man a situación e, sobre todo, poñernos a disposición dos gandeiros afectados para o que necesiten tanto para agora como de cara aos vindeiros meses, porque hai produtores que perderon a alimentación do gando (os pastos e as forraxes gardadas) e van precisar un apoio sostido no tempo. Igualmente precisan en moitos casos material para volver facer os peches, así como maquinaria para achanzar os cortalumes que fixeron os bulldozers e que agora lles dificultan os desprazamentos. Tamén nos trasladaron o problema que teñen ou van ter coa contaminación da auga e a necesidade de que se restauren as zonas queimadas para evitar a perda de solo coas chuvias, algo no que tamén debería traballar a Xunta”, explican dende unha das asociacións participantes.
Galego









Control OJD