
Gando no mercado da Fonsagrada, un dos puntos de carga de animais da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema
Polémica entre tratantes e gandeiros de Suprema pola venda directa de becerros a través dos mercados gandeiros de Becerreá, A Fonsagrada, Sarria e Abadín. Tralas denuncias dos tratantes de gando, a Xunta vén de trasladar ao Concello de Abadín a necesidade de que se dote dun sistema de desinfección de vehículos para as instalación da feira de Gontán, que están a ser utilizadas como punto de acopio e carga de animais por parte da asociación que aglutina aos produtores de Suprema.
A asociación Gandeiros Galegos da Suprema puxo en marcha fai máis dun ano, aproveitando a coxuntura de alta demanda existente naquel momento, un sistema de venda sen intermediarios dos becerros e acusan aos tratandes de querer boicotear a venda directa de animais sen pasar polas súas mans.
Cada semana unha media de entre 3 e 4 tráilers saen de Becerreá, Abadín, Sarria e A Fonsagrada cargados de gando para sacrificio con destino tanto a operadores de fóra da comunidade (Asturias, Madrid ou Estremadura) como tamén a matadoiros galegos acollidos á IXP Ternera Gallega.
Cada semana unha media de entre 3 e 4 tráilers saen de Becerreá, Abadín, Sarria e A Fonsagrada
Os produtores buscaban con esta medida incrementar o prezo que cobran polos xatos e que estaba até entón supeditado ao prezo ofertado en Galicia. Os xatos, que se venden a peso vivo, son pesados e cargados nos camións de transporte utilizando as instalacións existentes os mercados comarcais de gando de distintas localidades da provincia de Lugo.
Até alí os xatos son transportados polos propios gandeiros en remolques e outros vehículos. O problema estriba en que estes medios de transporte deben ser desinfectados antes de saír do recinto.
As medidas de bioseguridade endurecéronse a raíz da aparición de casos de dermatose nodular contaxiosa en Cataluña e Aragón
“O que está a ocorrer parécenos unha auténtica tomadura de pelo. Están intentando obrigarnos a cumprir unha serie de condicións que eles mesmos non cumpren. Non se pode esixir aos gandeiros e aos transportistas un nivel de responsabilidade que a propia Administración non é capaz de garantir cos medios necesarios”, denuncia Santiago Rego, presidente da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema.
“O caso dos puntos de desinfección é un exemplo evidente. Se a normativa obriga a desinfectar os vehículos, primeiro haberá que garantir que existen instalacións accesibles e operativas para facelo. Non se pode responsabilizar unicamente ao gandeiro dunha carencia que é da propia Administración”, engade.
Moitos camións descargan os animais en Silleda o luns pola noite e regresan directamente ás súas explotacións porque o punto de desinfección non abre ata o día seguinte
“O mesmo sucede en Silleda. Moitos camións descargan os animais o luns pola noite e, como o punto de desinfección non abre ata o día seguinte, regresan directamente ás súas explotacións esa mesma noite. Esa situación é coñecida por todo o sector e leva anos producíndose. Se iso ocorre de maneira habitual, habería que preguntarse se o problema é dos gandeiros ou da organización e da falta de medios”, cuestiona.
“Pero hai outra cuestión que tamén merece unha explicación. Os tratantes recollen animais durante toda a semana e concéntranos nas súas cuadras de trato, onde permanecen tres ou catro días antes de seren enviados ao matadoiro. Se tanta importancia ten a bioseguridade e a trazabilidade, cómpre preguntarse como se controla realmente ese movemento continuo de entrada e saída de animais, que medidas de desinfección se aplican e con que frecuencia se realizan. Son preguntas lexítimas ás que tamén hai que dar resposta”, cuestionan desde Gandeiros Galegos da Suprema.
Dobre vara de medir coas cortes de trato
“En Abadín non existe un punto de desinfección pero nas instalacións de trato tampouco o hai. A Administración non pode permitir que esta situación continúe. Se realmente quere facer cumprir a normativa, debe facelo con igualdade, inspeccionando e esixindo responsabilidades a todos por igual, sen excepcións nin privilexios”, piden.
“Os gandeiros levamos anos asumindo máis custos, máis burocracia e máis obrigas. Cada nova esixencia supón tempo, diñeiro e máis dificultades para manter as explotacións. O mínimo que esiximos é respecto, igualdade de trato e sentido común. Se as normas son para garantir a sanidade animal, deben cumprilas todos. Sen excepción”, remarca.
Os gandeiros levamos anos asumindo máis custos, máis burocracia e máis obrigas. Cada nova esixencia supón tempo, diñeiro e máis dificultades para manter as explotacións
“Nós non nos metemos con ninguén nin nos dedicamos a dicirlle aos demais como teñen que facer o seu traballo. Pero tampouco imos permitir que se rían de nós nin que sempre se poña o foco sobre os gandeiros mentres se mira para outro lado noutras partes da cadea”, di.
“Non é aceptable que se nos esixa aos gandeiros cumprir uns requisitos mentres hai outros elos da cadea aos que, na práctica, non se lles aplica o mesmo nivel de control nin de esixencia. A normativa ten que ser igual para todos. Non pode haber dúas varas de medir: unha para os gandeiros e outra para o resto dos operadores”, denuncia.
Por parte da Xunta de Galicia asegúrase que “os servizos veterinarios da Consellería de Medio Rural velarán sempre polo cumprimento da normativa en todas as feiras de gando que se celebren en Galicia, que son de competencia municipal. Polo tanto, a feira de gando de Abadín réxese pola mesma normativa, polo que desde a Consellería seguíronse os protocolos habituais”, afirman. Non aclaran, sen embargo na Consellería se as cortes de trato cumpren con estas mesmas condicións e que tipo de inspeccións ou controis se realizan nelas por parte dos servizos veterinarios da Xunta de Galicia.
Galego









Control OJD