A Asociación Gandeira Rubia Galega do País colabora coas labores de obtención de mostras de vacas rubias para a recuperación da xenética da Vaca Rubia Galega de antes, “a tradicional”. É unha das liñas de traballo que impulsou desde o principio a asociación e agora traballa da man de Xenética Fontao e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), que serán as entidades encargadas de facer o traballo de investigación para dar coa xenética axeitada.
Estas actividades enmárcanse dentro do proxecto titulado “Consolidación do núcleo de vacún de raza Rubia Galega especialmente seleccionado polas súas cualidades maternais no CIAM e posta a disposición de reprodutores e material xerminal desta liña de selección xenética en ganderías galegas de vacún de carne”, que é liderado pola AGACAL como proxecto de conservación xenética gandeira financiado polo Plan estratéxico PAC 2023-2027 (PEPAC) dentro da subintervención 65052_02, cofinanciado ao 80 % por fondos FEADER, ao 14 % pola Xunta de Galicia e ao 6 % polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación.
Para dar forma a isto, visitaron diferentes ganderías de Rodeiro e obtiveron mostras de diferentes animais, que posteriormente analizarán e estudarán entre AGACAL e Xenética Fontao. A recollida fíxose en exemplares nos que morfoloxicamente se identificou a presencia de características maternais das vacas “de antes”, segundo o criterio do técnico do investigador da AGACAL, Luis Vázquez, e do persoal de Xenética Fontao.
Entre os caracteres que teñen en conta están os maternais, de crecemento e do canal. Como índices para decisión de selección, destacan os índices materno e de produción.
O índice de produción, que está equilibrado en canto a trazos maternos, de produción e do canal, oriéntase á selección de xovencas cunha ampla mellora en múltiples trazos. Tamén se observa o índice materno que está especialmente deseñado para seleccionar xovencas de recría por fertilidade, lonxevidade e maior peso dos xatos ao destete, sendo unha ferramenta orientada á produción de xatos ao destete ou cun corto período de cebo. Finalmente tamén se obtén un índice terminal, orientado a identificar animais cun rendemento superior no canal, e que pon maior énfase no peso do canal quente, seguido do marmoreado e da área do lombo.
Todos os gandeiros participantes obterán unha ficha técnica na que poderán ver, dos animais seleccionados polos técnicos, as puntuacións nos caracteres e índices xenéticos indicados. Deste xeito, poden saber que animais teñen características maternais máis similares á Vaca Rubia Galega “do país”.
A finalidade é identificar os animais da raza coas mellores características maternais, sen descoidar as relativas ao crecemento. Así mesmo, estes exemplares seleccionados poden ser de interese para a súa multiplicación nun futuro, permitindo así poder recuperar e manter as características da Vaca Rubia Galega tradicional, que destacaba polo seu potencial maternal, producindo leite abondo para aleitar as crías.
Galego









Control OJD