Dentro das actividades formativas do Monte demostrativo do Pico Sacro, a Asociación Forestal de Galicia organiza un taller de poda de castiñeiro para a produción de castaña.
Esta actividade é gratuíta, será impartida por persoal técnico de longa traxectoria e experiencia na poda de soutos destinados á produción de castaña e terá lugar este venres 18 de xullo ás 17:30 horas no Monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón).
Todas aquelas persoas interesadas en asistir deberán poñerse en contacto previo coa oficina da AFG en Santiago (teléfonos 981 564 011 e 618 752 214, correo electrónico: afg@asociacionforestal.org).
Sobre o monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón)
O monte demostrativo do Pico Sacro, inaugurado en marzo do 2018, convertiuse xa nun punto de referencia para as persoas interesadas en coñecer técnicas silvícolas e procedementos sostibles de xestión de plantacións de frondosas.
O proxecto do monte demostrativo, impulsado pola Asociación Forestal de Galicia, foi deseñado para permitir a realización de actividades divulgativas dirixidas aos propietarios forestais particulares e comunidades de montes veciñais en man común.
O monte demostrativo ocupa unha superficie de 18 hectáreas e conta con plantacións de castiñeiro, cerdeira, nogueira e carballo americano.
A superficie pertence a once propietarios forestais, que subscribiron un acordo a longo prazo coa Asociación Forestal de Galicia para a xestión das súas propiedades.
Galego









Control OJD