A Asociación Forestal de Galicia critica “a falta de diálogo da administración co sector”

A Asociación Forestal de Galicia critica “a falta de diálogo da administración co sector”

Foto da asemblea da Asociación Forestal de Galicia

A Asociación Forestal de Galicia (Afg) celebrou o pasado sábado a súa asemblea anual á que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes de toda Galicia. Nela foi reelixido presidente Francisco Fernández de Ana Magán.

Francisco Fernández de Ana, desempeñou o seu labor profesional como investigador no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, no que foi xefe da sección de Fitopatoloxía. Desde a súa xubilación é o responsable de I+D nunha empresa de biotectonoloxía. Detenta a presidencia da Asociación Forestal de Galicia desde decembro de 2004.

A xornada comezou coa XXXI asemblea ordinaria da asociación na que se aprobaron as contas do ano 2016 e o orzamento para este ano 2017.

Críticas ao goberno da Xunta pola falta de diálogo co sector forestal

Ao longo da mañá multiplicáronse as intervencións, “e en moitas delas quedou patente a preocupación pola política forestal que se está seguindo e máis concretamente pola excesiva burocratización e a multiplicación de lexislación concorrente e restritiva á actividade forestal”, sinalan dende a asociación.

“Ademais -engaden- , no colectivo dos silvicultores, percíbese unha ola de malestar e un sentir de incomprensión por parte dos poderes públicos e da sociedade, cara os donos dos montes en particular e o sector forestal en xeral”.

Os propietarios forestais da Asociación Forestal de Galicia non entenden o que cualifican de “falta de diálogo por parte da Administración e o empeño desta por lexislar sen consultar aos lexítimos donos dos terreos sobre os que lexisla”, en concreto no caso das Directrices da Paisaxe de Galicia e do Anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural, actualmente en fase de elaboración.

“Sen o acordo cos propietarios dos montes, as políticas forestais non terán éxito”

En calquera caso, os silvicultores e xestores de montes veciñais en man común amosaron o seu “ánimo e boa disposición a seguir xestionando sostiblemente os seus montes, fonte de beneficios para o conxunto da sociedade, e loitando para que se recoñezan as externalidades do seu labor”.

Neste sentido, formulouse a necesidade de convencer aos grupos políticos e á Administración que “sen a participación e acordo dos propietarios dos montes, as políticas forestais teñen pouco marxe de éxito”.

Pola tarde tivo lugar unha asemblea extraordinaria onde se elixiu a Xunta de Goberno que dirixirá a Asociación Forestal de Galicia nos vindeiros catro anos que está formada polas seguintes persoas:

Presidente: Francisco Fernández de Ana Magán
Vicepresidente de Relacións Institucionais: Antonio Rigueiro Rodríguez
Vicepresidente de Montes Particulares: Juan Ramón Gallástegui Otero
Vicepresidente de Montes Veciñais: Jesús Represas Represas, en representación da C.M.V.M.C.de Xinzo (Ponteareas).
Vogais de Montes Particulares: Manuel Lorigados Caos e José Luis Solloso Tiagonce
Vogais de Montes Veciñais: Ramón Abuín Gómez, en representación da C.M.V.M.C. de Balouta e Fontecova (Dodro) e Jesús Mosquera Puentes, en representación da C.M.V.M.C. de Barrantes (Tomiño).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información