A asociación ‘Elas Eles’ pide participar no control da Lei da Cadea Alimentaria

O colectivo trasladoulle á Xunta a petición de ter presenza nas mesas de seguimento dos sectores lácteo e cárnico

A asociación ‘Elas Eles’ pide participar no control da Lei da Cadea Alimentaria

Imaxe de arquivo dun acto do colectivo.

O colectivo gandeiro Elas Eles fixo pública a súa solicitude formal á Consellería do Medio Rural para incorporarse de maneira inmediata ás mesas de control e seguimento da Lei da Cadea Alimentaria, tanto no sector lácteo como no da carne. Esixen a mesma presenza e capacidade de interlocución que se lles recoñece a outras organizacións do sector.

Os produtores denuncian que se ven excluídos dos espazos onde se fiscaliza o cumprimento da lexislación vixente. Lembran que o obxectivo principal da Lei da Cadea Alimentaria é evitar a venda a perda e protexer ao produtor fronte aos abusos de poder na negociación coa industria e a distribución; sen embargo, o colectivo considera imposible garantir ese control se quen traballa a terra e coida do gando non está presente nas mesas de vixilancia.

“Non ten sentido que se fale de controlar custos e prezos transparentes mentres se deixa fóra da mesa a quen asume todo o risco económico da actividade”, sinalan dende o colectivo. O sector afirma que a súa presenza nestes órganos é vital para trasladar a realidade dos custos de produción (pensos, enerxía, combustible) e comprobar en tempo real se as industrias cumpren formalmente a lei ao rubricar os contratos.

Gandeiras e gandeiros galegos Elas Eles reclaman á Administración que formalice a súa incorporación sen máis demora, ao considerar que a participación dos produtores é imprescindible para mellorar a transparencia da cadea de valor, garantir un control efectivo da normativa e asegurar a viabilidade das explotacións galegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información