A asociación de enxeñería forestal da Xunta cuestiona a flexibilización do eucalipto

O colectivo entende que as excepcións á moratoria dificultarán o cumprimento das superficies marcadas no Plan Forestal de Galicia. Avogan por unha maior planificación do territorio e por destinar máis medios ó control do cumprimento da normativa

Publicidade
A asociación de enxeñería forestal da Xunta cuestiona a flexibilización do eucalipto

A continuidade da moratoria do eucalipto ata o 2030 que proxecta o Goberno autonómico conta co acordo da Asociación Profesional de Enxeñería Forestal da Xunta (Apenfoga), pero o colectivo posiciónase en contra da flexibilización de novas plantacións que inclúe Medio Rural na prórroga da normativa.

A respecto dos cambios que valora introducir Medio Rural na medida, Apenfoga fai unha serie de reflexións:

  • Falta de análise e diagnóstico. “Á vista dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia que se fixeron públicos a semana pasada (438.156 ha de eucalipto) -máis 25.000 hectáreas en dous anos- o aumento constatado da superficie de eucalipto durante o período de moratoria fai necesario actuar con cautela para non poñer aínda máis en risco o cumprimento dos obxectivos recollidos no Plan Forestal de Galicia”, valoran.
  • Necesaria planificación do espazo rural. “Toda medida que pretenda a distribución dos usos no territorio debe partir dunha planificación territorial participada. Existen numerosos elementos de planificación recollidos na normativa -advirten- que están sen desenvolver (plans de ordenación dos recursos forestais (PORF), plans de prevención dos distritos forestais, mapa de usos agroforestais de Galicia, catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. Toda medida que pretenda organizar e regular a xestión do eucalipto debería pasar por unha organización espacial do recurso”, consideran.
  • Dúbidas nas medidas de flexibilización. A modificación da moratoria introduce dúas medidas que presentan dúbidas na súa repercusión final e no control do seu cumprimento. Estas medidas que xeran as nosas dúbidas son os dereitos de superficie e a plantación en superficies de piñeiro afectadas por banda marrón”, sinalan.

    “Estas dúbidas non son especulativas ou gratuítas, xa que incluso con moratoria, a superficie de incremento do eucalipto foi significativa, para canto máis cando se se pretende a apertura de novas plantacións en casos determinados sen un específico control nen procedementos claros que definan os mesmos. Tememos que vai favorecer que o incremento sexa aínda maior e nos desviemos cada vez máis do obxectivo superficial recollido no Plan Forestal de Galicia”, cuestionan.
  • Falta de estimación das repercusións das medidas de flexibilización.
  • Falta de medios e medidas para o control do cumprimento. Apenfoga valora que a incorporación das
    novas medidas de flexibilización da moratoria do eucalipto carecen do necesario detalle para o seu seguimento e control, á espera do seu desenvolvemento regulamentario.

    “A maiores, é preciso dotar dos medios necesarios á administración forestal para que poda realizar o traballo con rigorosidade e axilidade”, destacan.

  • Necesaria reflexión antes de 2030. “Agardamos que este período transitorio que se abre ata o 2030 nos permita establecer as bases do territorio forestal que queremos como sociedade e estea desenvolta en detalle a planificación forestal que dea resposta, entre outras, a onde colocar o eucalipto”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información