A Asociación das IXP de Viños de Galicia preséntase o vindeiro martes en Lugo cunha xornada de catas e música en directo

A Vicepresidencia da Deputación promove este evento que pretende reforzar o coñecemento destas producións, entre as que se inclúen os viños do Navia. A asistencia é gratuíta, pero require inscrición previa no enderezo info@vinos.ixp.gal

Publicidade
Fotos arquivo. Actos de promoción de viños da IXP Terras do Navia apoiados pola área de Rural.

Fotos arquivo. Actos de promoción de viños da IXP Terras do Navia apoiados pola área de Rural.

O Pazo de San Marcos acollerá o vindeiro martes -17 de decembro- o acto de presentación pública da Asociación das IXP de Viños de Galicia, cunha xornada de cata de viños das cinco zonas amparadas por esta figura de protección: Terras do Navia, Val do Miño – Ourense, Barbanza e Iria, Ribeiras do Morrazo e Betanzos.

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que impulsou o traballo para o recoñecemento dos viños da conca do Navia como IXP, colabora tamén nese evento de promoción que pretende reforzar a visibilidade e o coñecemento dos viños e adegas destas zonas entre o tecido social e a cidadanía lucense.

A xornada comezará pola mañá cunha sesión de relatorios e coloquios, enfocados no proceso de creación da asociación, nas características enolóxicas e no papel das producións vinícolas na dinamización rural e na vinculación dos viños coa gastronomía, coa participación  Xosé María  Tobio, do GDR Pontevedra Morrazo, de Tita Iglesias, do Colectivo Gastronómico da Mariña, e de adegueiros das cinco indicacións xeográficas.

Ás 18.00 horas,  a xornada ábrese á participación da cidadanía cun programa de catas e música en directo – Viños con música – na que as persoas asistentes poderán degustar viños  das cinco IXP, presentados polos propios adegueiros e co acompañamento musical de Xavier Blanco e Martiña Ferradás, da Fundación Legar, que interpretarán por cada viño unha peza inspiradas nas tradicións e sonoridades propias de cada zona.

A degustación incluirá viños das adegas Panchín, Sidrón e Bodega da Señora, as tres da IXP Terras do Navia, de Castellum Augusti, de Barbanza e Iria, de Pagos de Brigante, de Betanzos, de Os Areeiros, de Ribeiras do Morrazo e de Terras Mancas, de Val do Miño-Ourense.

A participación é aberta e gratuíta, pero compre anotarse previamente remitindo un correo a  info@vinos.ixp.gal

Asociación de IXP de Viños de Galicia

A xornada será o primeiro acto público que desenvolva a Asociación de IXP de Viños de Galicia desde a súa constitución en novembro pasado, co obxectivo de desenvolver accións coordinadas entre as cinco zonas protexidas: Terras do Navia, Val do Miño – Ourense, Barbanza e Iria, Ribeiras do Morrazo e Betanzos.
As IXP caracterízanse pola súa reducida dimensión produtiva, se as comparamos con outras figuras de protección da calidade diferencial dos produtos agroalimentarios, coma por exemplo, as denominacións de orixe dos viños galegos. Pero nelas reside un elemento moi importante que é o de que contribúen a preservar e manter vivo o medio rural, xa que desenvolven a actividade produtiva no territorio.

Na provincia de Lugo, a creación da IXP Terras de Navia revitalizou a produción vinícola nunha zona de alta montaña como é a da Comarca da Fonsagrada e dos Ancares. Esta IXP ten vixencia plena coa inscrición no Rexistro comunitario dende febreiro de 2023, tras un proceso no que a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou estreitamente cos adegueiros locais.

A IXP ampara a produción de viño en seis parroquias do concello da Fonsagrada (Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martiño de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar da Cuiña), noutras seis de Navia de Suarna (A Pobra de Navia, Barcia, Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira) e na totalidade do municipio de Negueira de Muñiz.  Tres adegas comercializan viños con esta certificación: Panchín, Sidrón e Bodega da Señora.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información