A Asociación de Cosmética Galega (ACG), formada por 34 empresas galegas dedicadas ao deseño e creación de produtos de coidado persoal, sumouse ao proxecto do Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga). Presidido por José Manuel López Vilariño, este proxecto representa o ecosistema biotecnolóxico galego.
Creada en 2024, a ACG ten como obxectivo principal “axuntar intereses para compartir coñecemento, experiencia, ferramentas e custos”. Esta alianza fortalece a conexión entre dous sectores clave para Galicia: a cosmética e a biotecnoloxía.
Baixo a presidencia da farmacéutica Ariana Fernández Palomo, a ACG agrupa empresas implicadas en toda a cadea de valor do sector. “Os galegos utilizamos de media sete produtos de coidado persoal a diario, como desodorizantes, cremas corporais, xeles, pastas de dentes ou hidratantes”, indica Ariana Fernández destacando a relevancia do sector.
Aposta polo talento
A ACG chama á reflexión da sociedade galega: “Apostar polos productos galegos é apostar polo desenvolvemento económico, a sostibilidade e o retorno do talento á nosa terra”. Ariana Fernández subliña que “se queremos que os nosos fillos, preparados e formados nas mellores institucións, regresen a Galicia, precisamos de industrias fortes”.
Desde Bioga, o seu presidente destaca que a colaboración coa ACG “non só fortalece o vínculo entre dous sectores clave para Galicia, senón que marca un fito na aposta por una economía máis sostible, competitiva e conectada coas nosas raíces”.
Tamén engade que “cada compra dun produto galego é un investimento na nosa terra, nas nosas familias e no noso futuro, e a biotecnoloxía é o catalizador estratéxico para alcanzar este obxectivo”. Bioga resalta ademais como a biotecnoloxía é clave para transformar a economía galega e consolidar o sector da industria cosmética.
A Asociación Cosmética Galega apunta que a industria cosmética galega conta coas ferramentas para ser líder:
- Transferencia de coñecemento procedente das tres universidades galegas.
- Materia prima excepcional e privilexiada.
A integración da biotecnoloxía no sector cosmético galego permite:
- Creación de ingredientes activos a partir de recursos locais.
- Mellora da sostibilidade nos procesos de producción.
- Innovación con bioprospección e enxeñería molecular.
- Impulso á internacionalización da cosmética galega.