A ASOCIACIÓN AGRARIA DE GALICIA – ASAGA, como organización profesional agraria representativa do sector gandeiro galego, manifesta a través dun comunicado o seu apoio á creación de plantas de biometano en Galicia “como solución estrutural para o sector, principalmente naquelas zonas cunha alta concentración de actividade gandeira”. “É nestas áreas, precisamente, onde se incrementan os retos asociados á xestión de xurros e ao cumprimento da normativa ambiental, polo que aquí é onde estas instalacións teñen un mellor impacto”, subliñan desde ASAGA.
A asociación lembra que “o sector é coñecedor do gran reto estrutural que afronta, derivado da xestión de xurros e emisións de CO2 nunha contorna de crecente esixencia regulatoria, limitación de solos dispoñibles e aumento de custos”.
“Esta situación -engade- vese agravada polo elemento de inestabilidade que achega a situación xeopolítica actual”. ASAGA, en liña con ASAJA en España e Copa-Cogeca en Europa, insiste en que, “neste escenario, o sector agroalimentario está a sufrir un importante desgaste, con efectos claros en materia de dependencia enerxética e acceso a fertilizantes”. Ante esta situación, as organizacións insisten na “necesidade dunha resposta das Administracións, firme e unida, que permita garantir a seguridade do acceso do sector á enerxía e que asegure unha subministración a prezos razoables”.
“É precisamente aquí -subliñan- onde se revela esencial a necesidade de diversificar e impulsar a subministración enerxética e onde unha nova xeración de instalacións de biometano pode marcar a diferenza para un territorio que depende na súa economía tanto do sector primario como Galicia”.
Neste contexto, desde a Asociación Agraria de Galicia mostran a súa “preocupación ante a crecente dificultade para garantir a viabilidade das explotacións no actual contexto normativo e económico”.
Estas infraestruturas achegarían ás explotacións, segundo ASAGA, os seguintes beneficios:
-Valorización, mellor xestión e rastrexabilidade dos subprodutos agrogandeiros, acorde coa normativa.
-Estabilidade loxística (recollida/entrega planificada) e redución de incerteza en períodos críticos, contribuíndo á redución de emisións en granxa e almacenamento.
-Valorización agronómica do dixerido/biofertilizante conforme a normativa aplicable e plan de abonado o que se traduce nunha redución do impacto ambiental e do risco de dependencia de fertilizantes externos.
Porén, a Asociación Agraria de Galicia condiciona o seu apoio a que os proxectos para desenvolver operen con:
-Implantación de Sistemas de xestión ambiental que controlen toda a cadea de valor, durante toda a vida da planta. ISO 14001
-A aplicación das MTD (mellores técnicas dispoñibles) no deseño, construción e xestión de todos os procesos.
-Control de ruído, cheiros e emisións, e medidas de estanqueidade e boas prácticas.
-Adecuación do dixerido ás necesidades agronómicas locais.
-Xestión responsable do tráfico e roteiros, minimizando molestias.
-Medidas de integración paisaxística.
-Información periódica e canle de atención a incidencias/consultas coa comunidade local.
Para conseguilo desde ASAGA solician ás Administracións locais e rexionais:
1. O impulso decidido de proxectos de biometano en Galicia.
2. A axilización dos procesos administrativos asociados.
3. O recoñecemento do biometano como ferramenta clave para a sustentabilidade do sector gandeiro.
“O problema xa existe. Por iso, solicitamos o apoio institucional para avanzar cara á súa resolución en Galicia”, conclúen.
Galego









Control OJD