Así viviron 3 estudantes galegos as súas prácticas en explotacións punteiras de vacún de leite en Italia

Os estudantes do Centro de Promoción Rural EFA Fontebcoa, de Coristanco (A Coruña), que fixeron as súas prácticas en ganderías do norte de Italia regresaron logo de tres meses de aprendizaxe nas granxas e de integración nunha contorna descoñecida. Tanto eles como o responsable da súa formación na EFA-Fonteboa valoran moi positivamente as estadías e recomendan a outros alumnos de ciclos agrarios que coñezan proxectos noutros países.

Brais, Miguel e Andrés en Cremona

Brais, Andrés e Miguel en Cremona

Andrés Torre, Miguel Sánchez e Brais Gómez, alumnos do Centro de Promoción Rural (EFA) Fonteboa, en Coristanco (A Coruña),  xa están na casa logo de 92 días completando a súa formación práctica e tamén en parte teórica en explotacións gandeiras da provincia de Cremona, na rexión de Lombardía, en Italia. Unha experiencia que, aseguran os tres, nunca esquecerán. Falamos con cada un deles e cun dos responsables das súas estadías, José Gil.

Andrés Torre: Prácticas en Castelverde Holstein

Andrés Torre chegou o 11 de marzo a Castelverde Holstein, unha granxa de leite con 450 cabezas en produción e outras 400 en recría. A familia Quaini, que a rexenta, participa habitualmente en todos os concursos de gando e ten acadado numerosos premios. Precisamente con eses animais de concursos, os máis selectos, traballou principalmente Andrés.

“As 6 da mañá xa lles daba a comida que quedaba preparada do día anterior. E tamén auga quente, que lles facilita o rume e reforza o sistema inmunitario. Ao acabar limpábase toda a instalación e deixábaselles herba seca. Este proceso repetíase tres veces ao día nas instalacións específicas que teñen para as vacas de concurso.”, explica o rapaz.

Aprendes outras formas de traballar e, sobre todo, de pensar. Porque ves máquinas, instalacións e cultivos que aquí non ves. (Andrés Torre)

Nos intervalos entre esas tres tarefas, o alumno de Fonteboa tiña a responsabilidade de darlle o leite os becerros acabados de nacer e o penso os que xa estaban máis crecidos. Aparte diso, estráballes a palla nos cubículos. Unha xornada laboral de algo máis de 9 horas diarias. Aínda que os domingos pola mañá tíñaos libres, nalgunhas ocasións botou unha man coma un traballador máis.

O rapaz puido traballar coa famosa maquinaria agrícola italiana, que precisamente se fabrica maioritariamente na Lombardía, aínda que non tanto como lle tería gustado. “Son máquinas moi variadas, con moita potencia e tamaño. Se che gusta a maquinaria agrícola, é un bon sitio.”

Andrés dalle de mamar a un xato de Castelverde-Holstein

Andrés dalle de mamar a un xato de Castelverde-Holstein

“É unha vez na vida que aprendes outras formas de traballar e de pensar. Ves cousas que aquí non ves. Aparte de que aprendín a moverme nun entorno de traballo moi diferente dos que vivín en Galicia ou do académico,” di Torre, que tamén valora o feito de coñecer un modelo de explotación que non existe en territorio galego.

Logo da experiencia, Andrés cre que está preparado para traballar en calquera elo do sector gandeiro de leite o día de mañá. Aínda así, e como está no primeiro ano do ciclo formativo, non desbota facer unha estadía en Francia o vindeiro curso.

Brais Gómez: Estancia formativa en Azienda La Cigolina

A Brais Gómez correspondeulle a estadía en Azienda La Cigolina dos irmáns Gaboardi, unha explotación de leite A2A2 e de carne de xatos wagyu. Tamén contan cunha tenda física e distribúen carne de alta calidade para toda Italia. Aparte, como todas as granxas de Cremona, de ter unha sección de produción de biogás.

Con tanta actividade, Brais puido exercer diferentes labores durante os tres meses, se ben o seu principal cometido foi atender as vacas. “Os primeiros 45 días andei de pinche para todo. Dende arrimar comida ás vacas, dar leite os becerros, limpar pesebres, cargar sacos…todo o que se fai a diario nunha granxa.”

Unha proba de que a experiencia foi boa para eles e para min é que antes de marchar ofrecéronme un contrato indefinido para que quedara. (Brais Gómez)

Na segunda parte da estadía, o rapaz asumiu máis responsabilidades. “O encargado das vacas deixou o emprego e puxéronme a min no seu sitio. Tiña que controlar celos, ter ao día a vacinación e mesmo aplicar medicinas por boca. E os sábados dáballes o leite os becerros. E esto facíao coas vacas de carne, de leite e de recría.” Dada a alta tecnoloxización da granxa, Brais acababa rápido o traballo asignado e adicaba o tempo a outras tarefas na explotación.

Empregar maquinaria agrícola -máis aló de carretar bolos- foi algo que lle quedou pendente porque a familia Gaboardi subcontrata case todo o laboreo. Como tampouco puido participar na produción de biogás por tratarse dun campo moi dixitalizado que require de alta especialización e uso de software específico.

Brais arrímalle a ración as vacas de La Cigolina

Brais arrímalle a ración as vacas de La Cigolina

A mellor proba de que a estadía de Brais foi positiva témola no feito de que poucos días antes de marchar ofrecéronlle un contrato fixo en Azienda Cigolina para que quedara en Cremona. Aínda que non aceptou, deixáronlle as portas abertas por se nalgún momento desexa regresar, algo que non desbota. O caso é que ao pouco de chegar xa foi contratado nunha empresa de tanques de frío e instalacións gandeiras de Ordes.

“Máis que xefes, tiven compañeiros e amigos. Estamos en contacto diario. Aprendín moito sobre un modelo gandeiro que non sabía nin que existía. Ata participei algún día na elaboración dos embutidos de alta calidade e leváronme a feiras especializadas en carne. E adquirín moitos coñecementos prácticos. Estou satisfeito de terme ofrecido para a estadía.”

Miguel Sánchez: Estadía en Azienda Zaghen

Miguel Sánchez realizou as prácticas en Azienda Zaghen. Unha granxa familiar moi semellante a Castelverde -algo menor en número de cabezas- pero coas instalacións divididas en tres localizacións diferentes. Ademais de vacas de produción de leite e recría, contan coa planta de biogás e un importante parque de maquinaria que mesmo fai servizos externos. Ginevra Zaghen, do tempo de Miguel e que fala español, fixo de anfitrioa.

Precisamente a maquinaria foi o que máis empregou Miguel, que desenvolvía o seu labor na nave de recría e maquinaria. “Os primeiros días dáballe o leite os becerros e remexía ou cambiaba a palla. Pero xa dende o comezo utilicei o tractor. A min sempre me gustou a maquinaria e aquí tiven ocasión de utilizar máquinas de grande potencia moi diferentes das que usamos en Galicia. Teño bastante claro que o meu futuro laboral está nos vehículos agrícolas e aquí acabeino de confirmar porque, menos o carro mesturador, manexei todas as máquinas.”, di o rapaz.

A maquinaria coa que traballei en Italia é moi diferente da nosa en canto a tamaño e potencia. Aprendín a utilizala e eso vaime axudar. (Miguel Sánchez)

O alumno de Fonteboa comprobou as grandes diferenzas entre a gandería desa parte de Italia e a de Galicia. “Por exemplo, alí o terreo é todo chaira; ensineilles fotos da miña zona e pareceulles incrible que se puideran cultivar esas leiras. E tamén lles deu certa envexa que aquí apenas hai que regar o millo, cando alí é imprescindible facelo case a diario.”

Unha das mellores experiencias para Miguel foi adentrarse no mundo dos concursos de gando. E é que Ginevra Zaghen é unha consumada manexadora. A rapaza levou o alumno de Fonteboa ao concurso de Treviglio, onde pasou tres noites en vela coidando permanentemente de que non lles faltara de nada os animais que participaban no certame.

Miguel manexando un dos tractores de Azienda Zaghen

Miguel manexando un dos tractores de Azienda Zaghen

Outra vantaxe de andar coa maquinaria foi coñecer os diferentes cultivos forraxeiros que se empregan en Cremona e o seu manexo. Sorgo, trigo, millo, herba, alfalfa…e todos eles en leiras de gran tamaño e cun sistema de regadío que se estende por case todo o territorio da bacia dos ríos Pó e Adda.

Para Miguel quedaron abertas as portas de Azienda Zaghen por se desexa volver traballar ou só como visitante. “Eu son galego e teño aquí a miña vida e familia. A estadía deume coñecementos que me serán moi útiles para o meu futuro laboral. Non podo negar que me quedou o verme de quedar alá en Cremona. Xa veremos. O certo é que chegabamos a entendernos dun tractor a outro só cun simple xesto. Para a campaña do millo si que me gustaría irlles axudar.”

Unha visión común

Malia estar en granxas diferentes, hai aspectos nos que os tres rapaces coinciden plenamente. O primeiro é o de recomendar a todos os estudantes que se apunten a este tipo de iniciativas. Din que hai que aproveitar a xuventude para sair ao mundo e aprender cousas distintas. Por eso non dubidaron en acollerse a opción que lles ofreceu EFA-Fonteboa.

Tamén coincidiron, neste caso por omisión, en que ningún deles chegou a muxir vacas. Alí é unha tarefa moi especializada e xa hai persoal contratado só para ese labor. Son moitas horas na sala e nun traballo moi coordinado. Con todo, están seguros de que a experiencia será de moito valor no seu currículum cando busquen emprego ou desexen iniciar algún proxecto propio.

Están dacordo, ademais, na alta calidade da comida da provincia de Cremona e quedaron sorprendidos polas temperaturas suaves do inverno e comezos de primavera e pola intensa calor e fala de chuvia na parte final da estadía.

E, sobre todo, acadaron o suficiente dominio da lingua italiana para podérense desenvolver por si mesmos incluso fóra do ámbito de traballo. Tanto é así que Miguel e Andrés regresarán en novembro para asistir á Feira Internacional de Bovino de Cremona. Aínda que só se viron un día nos tres meses, foi o 17 de maio polo que puideron celebrar xuntos as Letras Galegas.

“As mobilidades de tres meses axudan os rapaces a centrarse e a ter máis claro o que queren no seu futuro profesional”

O coordinador de mobilidades de proxectos europeos en EFA-Fonteboa, José Gil, tamén fixo unha análise moi positiva do que supuxeron as estadías en Italia. “As mobilidades de tres meses axudan moito os rapaces a centrarse e a saber o que queren no seu futuro profesional. Son máis efectivas que as de tres semanas. Adquiren unha visión do que pasa no sector en Europa. Se cadra cun mes chegaba para adquirir os coñecementos técnicos, pero en 90 días fíxanse nos pequenos detalles que fan a diferencia.”, dixo.

Gil considera que na Lombardía os rapaces coñecen modelos intensivos de moito tamaño e volume polo que é máis difícil que poidan familiarizarse con todas as tarefas da granxa. No Piamonte as explotacións son máis pequenas e máis semellantes ás galegas. E eso é positivo porque na Lombardía coñecen algo diferente. Como nas grandes empresas con moitos empregados, cada un especialízase nalgo concreto, afirma.

José Gil nas instalacións de EFA-Fonteboa

José Gil nas instalacións de EFA-Fonteboa

“Ese tamaño das explotacións nas que estiveron os rapaces leva a que sexa máis difícil para os donos das explotacións dar datos económicos en detalle. Máis aló do prezo dos insumos ou do que lles pagan polo leite, é difícil que dean cifras pormenorizadas como as marxes de beneficio ou os custos enerxéticos. Eso deixa un pouco coxo o estudo económico que forma parte do traballo que teñen que presentar ao remate da estadía. Pero non depende deles.”

Segundo o profesor, a Andrés, Brais e Miguel sorprendeulles a carga de traballo que hai todos os días nas granxas de Cremona e a organización estrita que requiren todas esas tarefas. Incluso eles mesmos pasaron parte do seu tempo libre traballando para que o ritmo non decaera. E, recoñece, porque as opcións de ocio eran limitadas.

De cara ao vindeiro curso, a intención de EFA-Fonteboa é seguir planificando estadías de tres meses en Italia. Aínda que tentarán combinar as grandes explotacións de Lombardía coas máis familiares do Piamonte. E buscando sempre que perfil de alumno se adecúa máis a cada tipo de granxa. “Nas mobilidades non só buscamos que os rapaces aprendan como funciona a granxa, tamén que estea nun entorno humano favorable para que aproveite todos os aspectos da estadía”, sinalou.

As estadías fan que os rapaces vexan que noutras zonas de Europa o gandeiro é unha figura de moito prestixio na sociedade e moi respetada pola súa aportación á economía do país

Gil cre que estas actividades serán de axuda para o relevo xeracional e mesmo a incorporación no sector leiteiro galego. “Tanto en Italia como en Francia ou Irlanda o gandeiro é unha figura de prestixio dentro da sociedade. Polo traballo que fai, pola rendibilidade que obtén e porque son vistos como parte fundamental da economía do país. Eso aquí non sucede e moitas veces a mala imaxe que aínda hai do sector bota para atrás a xente nova. E eso a pesar de que en moitos casos as instalacións ou os rabaños son peores que os galegos. Por eso, cando os rapaces regresan veñen coa moral alta e decididos a darlle valor ao noso.”

A boa acollida prestada os tres rapaces dende o primeiro día e a boa sensación que eles deixaron nas explotacións son algo que valoran dende EFA-Fonteboa. “Déronlles responsabilidades que requiren de coñecemento técnico e tamén de boa disposición. Outras veces tennos pasado que só lles deixaban facer unha tarefa e botaban tres meses sen aprender todo o que poderían.”

A cuestión idiomática tamén adquire relevancia. “Cando van varios rapaces para a mesma explotación, só hai un que pode aprender algo do idioma e que fai de intérprete para os demais. En cambio, se están sós, teñen que facer por entender e por que os entendan. Así, adquiren un coñecemento -do italiano, neste caso- que lles vai ser moi útil na súa traxectoria profesional.”

“Para que os rapaces se decidan a participar nas estadías facemos un traballo de animación moi grande. Cos rapaces e coas súas familias. E somos sinceros: non van de turismo, van traballar. E aínda que se amosen reticentes, os que proban a experiencia sempre acaban volvendo, polo menos de visita, aos lugares onde estiveron de prácticas.”

Outro factor que axudou a que Brais, Miguel e Andrés estiveran cómodos na estadía foi o feito de que tanto os Gaboardi como os Quaini e os Zaghen son xente nova coa que puideron entenderse moito mellor do que o farían con persoas de máis idade e con outra visión da gandería.

Agora os tres rapaces afrontan o seu futuro laboral coa visión que lles aportou Italia. E en EFA-Fonteboa xa traballan para planificar as estadías do vindeiro curso.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información