Situada na zona central de Dinamarca, 30 quilómetros ao sur da cidade de Aarhus, a explotación dirixida por Claus Fenger é un referente na produción leiteira, tanto pola súa eficiencia como polo deseño das instalacións. Traballa un rabaño de 450 animais en produción para os que cultiva 390 hectáreas, a millo e herba principalmente.
O cadro de persoal está formada por 7.5 traballadores, encargándose das labores gandeiras e a maioría das agrícolas. Nas fins de semana 2.5 persoas realizan todo o traballo. Esta granxa competiu nun concurso de deseño, resultando a premiada, con outras cinco explotacións danesas de tamaño similar. Este deseño, ao mesmo tempo de gardar unha agradábel estética tamén buscar ser funcional para o día a día. Esta granxa foi visitada por un grupo de gandeiros galegos dentro do plan estratéxico da PAC.
Coa adquisición da granxa familiar por parte de Claus esta é xa a cuarta xeración familiar na produción leiteira. Os inicios remóntanse ao 1876 cunha pequena gandería que foi medrando aos poucos. No 1976 as instalacións xa estaban preparadas para dar cabida a 100 animais adultos, sendo no 2012 o próximo paso coa construción da nave actual. Por aquel entón Claus mercou todos os animais doutra explotación xunto con preto de 3.000.000 de litros de cota láctea para poder ter a pleno rendemento as novas instalacións.
Actualmente a cabana gandeira sitúase en 535 vacas adultas totais que se moxen en 8 robots, acadando unha produción de 6,7 millóns de litros de leite anuais. O obxectivo para Claus é seguir medrando en produción e eficiencia ata chegar aos 7.5 millóns anuais cun total de 6.5 empregados, e sen incrementar en gran medida o numero de animais.
O próximo obxectivo é chegar a unha produción anual de 7.5 millóns con 6.5 traballadores
No 2021 fíxose o último aumento coa introdución dos últimos 2 robots. Este incremento xa foi cuberto coa recría propia, a diferenza da anterior ampliación. Nese momento, a produción media baixou debido a que animais que se descartarían noutras circunstancias aguantaron unha lactación máis.
Actualmente a produción sitúase en 37.2 litros corrixidos por animal con 13.300 litros por lactación. Para chegar a estas cifras “pensei que ía ser máis doado e chegaría antes, pero estou contento do resultado. Ultimamente fomos crecendo coa recría propia o que dá unha garantía sanitaria e ao mesmo tempo permite crear unha liña xenética propia”, explica Claus acerca da evolución nos últimos anos da granxa. Para chegar ao seguinte obxectivo, o eixo no que vai centrar os esforzos esta gandaría é seleccionar os animais coa maior eficiencia na conversión de forraxe en leite.
A cabana gandeira divídese en varias construcións. A recría máis pequena permanece en boxes individuais ata as dúas semanas, momento no que pasa por diferentes grupos até a primeira inseminación que se realiza arredor dos 13 meses. Neste momento as xovencas pasan á antiga corte de produción onde permanecerán durante esta primeira xestación para posteriormente pasar ao lote de preparto, 14 días antes de iniciar a lactación.
Boxes móbiles para os becerros
Os becerros acabados de nacer pasan da parideira directamente a boxes individuais durante un período de dúas semanas. Estes boxes están construídos sobre unha plataforma móbil. Deste xeito, os labores de limpeza son máis doados ao mesmo tempo que a visualización do animal é máis sinxela e completa por estar ao mesmo nivel que o operario. Estas plataformas sobre rodas permiten levar o conxunto de boxes a outro lugar para ser lavados, mantendo a zona dos acabados de nacer máis seca. O manexo diario destes animais consiste en subministrar dúas tomas de leite de 4 litros cada unha, ademais de manter unha boa cama a base de palla.
Os becerros pasarán a estar en grupos dende o primeiro día
De cara a un futuro Claus cambiará este modelo e dende o primeiro día pasarÁn a estar en grupos. Un estudo da Universidade de Aarhus, coa que colabora a granxa en varios traballos, concluíu que os becerros agrupados tiñan maiores niveis de aprendizaxe. Este proxecto relacionaba a toma de leite co acender dunha luz vermella. Os animais en boxes individuais tardaban 2 días en asociar a luz co subministro do leite, mentres que os que estaban en colectivos de 6 animais tardaban media hora en facer a asociación.
Pasadas estas dúas primeiras semanas, a recría pasa por distintos colectivos nos que pouco a pouco as tomas de leite se van reducindo para aumentar a alimentación en base a forraxe e cereais. Unha vez acadan a idade e a condición corporal necesaria as xovencas trasládanse á antiga nave de produción, construída no ano 1976 e con capacidade para 90 vacas adultas naquel momento. Nestes animais Claus utiliza seme sexado para os dous primeiros intentos, pasando a seme convencional para os seguintes. Despois de estar aquí boa parte da xestación pasan á nave principal 14 días antes do parto, que se produce cunha media de 22.7 meses.
“O 60% das mamites proceden das vacas con un maior fluxo de leite”
A recría propia abastece todas as necesidades de reposición, mesmo nun contexto de crecemento da gandería. A maiores, o ano pasado vendéronse 110 xovencas para outras granxas. Unha das formas de selección é o fluxo de leite, un aspecto importante para a produción en robot. Deste xeito seleccionan o 20% peor e tamén o 20% mellor, sendo estes os animais descartados. Claus explica que “os animais con menor fluxo tardan moito en muxirse e os animais cos niveis máis altos supoñen o 60% das mastites na granxa polo que tamén os descartamos. O que nos interesa son animais que estean arredor de 3.4 puntos en fluxo de leite. Ter un fluxo demasiado alto é bo, pero para o noso sistema tamén supón riscos”.
Dado que as lactacións manteñen altos niveis de produción, a primeira inseminación atrasarase ata os 110 días
En canto á xenética aposta pola raza holstein facendo unha selección en función da eficiencia dos animais, no fluxo e sanidade do ubre. Para conseguir o mellor rabaño o 20% das mellores vacas son inseminadas con seme sexado. No seguinte 30% de bos animais as inseminacións realízanse con raza holstein e seme convencional. Para a metade do gando restante emprégase seme de razas cárnicas como o azul belga para a venda dos becerros. Actualmente, a primeira inseminación das vacas en lactación estase a realizar aos 80 días. Sen embargo, a previsión é alongar as lactacións atrasándose até os 110 días. “Vemos que as vacas están con altas producións estables durante máis tempo, polo que queremos alongar as lactacións. Tamén por cuestións de fertilidade, con producións moi altas as probabilidades de empreñar son menores”.
Organización do traballo
O epicentro do traballo diario é a nave construída no 2012, onde se encontran as vacas en produción. Esta obra está construída en forma de cruz, das que dúas puntas son máis longas. Deste xeito o punto central é o lugar de maior traballo e onde se aloxan os grupos críticos. Aquí atopamos un lote de preparto e outro con animais que teñen algún problema, ben de patas, ruminatorio ou vacas frescas. Son animais que necesitan un control maior, pero sen chegar a ser problemas graves. Para controlar a saúde podal realízanse unha media de 3.5 revisións ao ano, cun potro instalado nesta zona central. Estes animais descansan sobre unha cama de palla, mentres que o resto faino en cubículos cun recheo extraído da parte sólida do xurro. “Esta é a zona que máis controlamos, no resto da nave revisamos os robots, facemos as camas e arrimamos a ración. Dúas persoas poden encargarse do traballo cos animais con esta distribución”, explica Claus sobre o deseño da nave e a organización do traballo.
Os atrasos para arrimar ao robot supoñen entre o 5 e o 8%
Os grupos de produción están repartidos en varios lotes con dous robots de muxido en cada un. O traballo pola semana está repartido en dúas quendas que comezan ás 5:00 e ás 14:00 horas, rematando todo o traballo ás 20:00 horas. O primeiro que realiza cada quenda é arrimar os atrasos, entre un 5 e un 8 % dos animais. Con 450 vacas en lactación apenas hai 30 atrasos diarios. Un bo equilibrio entre a ración e os 4 quilos de concentrado do robot é clave xunto con outros aspectos. Os corredores están sobre un emparrillado para conseguir un ambiente máis seco, empregando para recheo dos cubículos a parte sólida do xurro que se está engadindo constantemente. É un sistema que ten vantaxes, pero tamén problemas. Para as vacas é unha cama moi cómoda, os animais vense limpos e non é un sistema caro.
Pola contra, é contraproducente para a saúde do ubre, xa que hai unha maior incidencia de mastite por e-coli e klebsiella, a pesar de seguir un programa de vacinación.
No último ano a taxa de mortalidade nas vacas foi do 6.7%, un mal dato debido a unha alta incidencia de mamites
“Calquera cambio que provoque unha baixada de inmunidade fai que estes xermes se presenten. Recentemente abrimos un silo de millo, e a pesar de ser moi similar ao anterior, apareceron varios casos de mamite. Este é un dos puntos que temos que mellorar a curto prazo”, explica Claus. Esta gandaría traballa coa consultora Spiras, colocando a esta granxa no posto 332 en mortalidade de vacas adultas, en comparación con outras 434 granxas de tamaño similar, con raza holstein e muxido con robot. O último ano, as baixas foron dun 6.7% e as mastites son o principal motivo. Pola contra, en termos de produción ascende ao posto 86.
Para a obtención deste recheo das camas, todo o xurro pasa por un separador, obtendo un material co 30% de materia seca. Esta parte sólida cae sobre un vagón que o incorpora nos cubículos. Unha vez ao día pásase unha pequena grade polas camas para estender e airear a cama. Todo o xurro xerado pasa polo separador volvendo a parte sólida para as camas e a parte líquida a unha balsa. Para mellorar este punto crítico Claus tratou de incorporar un material fibroso nas camas, chegando a un 70% de materia seca, pero apareceron problemas de decantación creando unha capa dura no fondo dos canais, polo que se desestimou esta vía. A próxima mellora pode ser un novo separador que sacou ao mercado a mesma marca e que acada niveis do 50% de materia seca. A pesar de non ser un sistema custoso, cun investimento de 70.000 euros e un mantemento de 6.000 euros anuais é un sistema que Claus non repetiría.
Cambiar para unha cama de area non sería viable polos corredores emparillados ademais de non poder enviar o xurro a unha planta de biogás, proxecto no que traballa de cara ao futuro. Introducir camas de colchoneta tampouco se considera unha opción viable polo menor confort para as vacas.
Estar nunha zona de especial protección ambiental obriga a engadir ácido ao xurro no interior das instalacións
A granxa, a escasos quilómetros da cidade de Odder, encóntrase nunha zona de especial protección ambiental. Isto obrígaa a estar sometida a unhas esixentes normativas ambientais. Debido a isto, é necesario engadir ao esterco ácido sulfúrico para acidificar o xurro e reducir as perdas de amoníaco, o que supón un problema no ambiente de traballo e tamén para as instalacións. “Ter que engadir o ácido dentro dos edificios fai que estea presente no ambiente. A construción da nave, con elementos específicos para o seu particular deseño, non soportan este ambiente e necesita máis mantemento do que esperábamos, nos elementos estruturais tamén se aprecian os efectos do ácido, pero non son problemáticos polo momento. Ademais, o ácido que hai no ambiente tampouco creo que sexa o máis saudable para os animais ou os traballadores”, explica Claus acerca desta esixencia, necesaria para manter a actividade nesta área.
Este sistema de adicción supuxo unha inversión de 75.000 euros e un custo anual entre mantemento e o ácido de 20.000 euros que ten que ser sufragado pola granxa na súa totalidade.
“As esixencias ambientais na produción convencional están por enriba da conciencia do consumidor”
A preocupación por facer do sector lácteo unha actividade neutra en emisións é unha preocupación tanto das Administracións como da sociedade que canaliza a través dos hábitos de consumo. “Vendemos o leite á cooperativa Arla. Na parte ecolóxica as demandas dos consumidores e as esixencias aos gandeiros van da man pero creo que na produción convencional traballamos un nivel por encima do que o consumidor esixe no plano ambiental. Aínda así debemos seguir traballando neste aspecto pois algunhas das medidas tomadas son beneficiosas para o medio ambiente, pero tamén para a propia economía da empresa”, indica.
Un proxecto de Viking Genetics identificará as vacas mais eficientes
Traballando por conseguir a maior eficiencia na conversión de materia seca en leite a granxa colabora con Viking Genetics -cooperativa de material xenético propiedade duns 20.000 gandeiros de Dinamarca, Suecia e Finlancia- nun novidoso estudo. As vacas en lactación contan cun sistema de cámaras que analiza o volume de comida no presebe e mediante un sistema de identificación facial rexistra a inxesta de xeito individual. Cada día traspásanse os quilos de alimento subministrado que se asocian a un volume en presebe.
Cada vez que entra unha vaca a cámara recoñécea, asignándolle un volume de alimento inxerido. Logo estes datos contrástanse cos de produción no robot, onde tamén unha cámara fai o recoñecemento. Na granxa hai un total de 250 cámaras das 2.000 que a empresa de xenética ten instaladas en varias granxas danesas.
Claus explica que “xa levamos un par de anos recollendo información e aínda que non temos un informe final xa hai datos provisionais. Sabemos de animais que cunha mesma produción, un deles o fai cunha inxesta de materia seca o 20% menor. Temos todos os animais xenotipados, polo que así podemos relacionar estes datos de eficiencia e xenética e saber cales son as familias polas que decantarnos para o futuro”. Ademais de supoñer unha maior eficiencia na produción, esta investigación tamén entra na liña de melloras na redución de emisións, pois tendo os animais máis eficientes pódese producir o mesmo con menos recursos.
Na mesma liña de sostibilidade, Claus Fenger traballa en colaboración coa Universidade de Aarhos en emisións de gases contaminantes. En cada robot hai uns medidores de gas metano que relacionan a produción e as emisións de cada animal para poder asociar a mellor xenética neste aspecto. Tamén en colaboración coa Universidade fixeron unha medición das emisións que saían da balsa de xurro. Construída con base circular, ten unha cuberta que presenta unha apertura na parte central e existía a posibilidade de instalar un queimador para transformar o metano en CO2. Finalmente, a concentración de gases non foi suficiente para manter unha chama acesa, en parte pola acción neutralizadora do ácido.
Para a valorización do esterco, xunto con outras 6 ganderías próximas, están vendo a posibilidade de construír unha planta de biogás. “É un proceso longo no que necesitamos permisos de veciños e da Administración ademais de terreo para levantar a planta. No futuro esperamos poñela en funcionamento polo que xa estamos traballando para que o xurro e esterco xerado teña valor para a produción de gas”, detalla.
En canto aos traballos e produción agrícola, todo o que producen as 390 hectáreas é para o consumo na granxa. Os cultivos principais son o millo e a herba, pero tamén hai fincas con trigo e cebada. Os traballos no campo realízanse con medios propios, agás a aplicación do xurro, o picado da herba e o millo e a colleita do cereal.
O 58% da materia seca da ración prodúcese nas 390 hectáreas da granxa
Ter unhas boas reservas de forraxe é primordial para o funcionamento da granxa. Os silos de millo e herba supoñen un 58% da materia seca da ración diaria que se complementan con palla, soia, colza ou gran de millo entre outros. “Para manter unha estabilidade na ración cada ano facemos un único silo. O millo aínda que se pique en distintas datas ensílase todo nunha mesma trincheira, abrindo e tapando cada vez. No caso da herba tamén ensilamos todos os cortes xuntos. Deste xeito conseguimos unha estabilidade na ración durante todo o ano”, detalla. A cobertura ten unha primeira barreira fronte ao osíxeno cun film, seguido de dúas lonas, unha malla para evitar roturas. Pola parte lateral sélase con sacos recheos de area e rodas polo resto da superficie.
Por economía e practicidade utilizan unha cargadora e un carro mesturador arrastrado para preparar as distintas racións. Claus argumenta que “para engadir cereais e correctores xa necesitaríamos unha pala, traballamos con varios ingredientes por separado, non cun concentrado que aglutina todo. Tamén temos este sistema por rapidez pois en 4 horas unha persoa fai todo o traballo de alimentación da granxa, incluída a limpeza dos comedeiros”. O avance diario de 25 centímetros nos silos, cun cazo desensilador, non supón problemas para a conservación da fronte en bo estado.
En canto ao deseño das instalacións, outro punto diferenciador desta granxa, fíxose unha combinación entre funcionalidade e estética. Para a distribución dos animais buscouse unha disposición que axilizase o traballo do día a día, cunha zona central onde se concentra a maior parte do traballo e unhas zonas máis afastadas nas que as vacas unicamente “comen, descansan e producen e nas que intentamos interferir o mínimo”, explica Claus.
No tocante á parte estética, esta granxa participou nun programa que buscaba facer construcións cunha estética máis chamativa e diferente. Na competición, unhas 5 granxas presentaron cadansúa proposta, sendo a de Claus a opción gañadora. A pesar da vitoria, Claus non está de todo satisfeito co resultado final. O principal motivo son os materiais empregados e a necesidade de engadir ácido ao xurro dentro das instalacións. “O material da fachada e das cubertas non está preparado para resistir este ambiente polo que o mantemento que temos que facer é algo co que non contábamos”, recoñece.
2,5 persoas encárganse de todo o traballo nas fins de semana
O cadro de persoal nesta granxa está formado por 7.5 traballadores, todos de orixe danesa por unha cuestión idiomática. Claus, a maiores traballa noutros negocios e non ten unha dedicación constante na granxa. Para manter o control ten designados dous encargados nos que se delega unha alta responsabilidade. Un deles ocúpase dos traballos da gandaría e outro dos relacionados co traballo das terras. A xornada laboral nesta granxa é de 37 horas semanais e nas fins de semana 2.5 persoas realizan todas as tarefas. “Coas vacas traballan 2 persoas e outra, a media xornada, encárgase da alimentación. A fin de semana realízanse os traballos indispensables, programando os resto durante a semana”, concreta.
Esta visita a Claus Fenger, xunto con outras 3 gandarías, foi obxecto de estudo para un grupo de gandeiros galegos vendo as fortalezas e debilidades do sector danés e galego. Esta viaxe, coordinada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), da Consellaría do Medio Rural, enmárcase no plan estratéxico da PAC no apartado de formación para os gandeiros.