A Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga) está a realizar unha serie de vídeos para divulgar a actividade dos serradoiros que transforman madeira para a construción de barcos. É unha actividade da industria forestal que se caracteriza pola elevada especialización, a planificación e o traballo artesanal, xa que cada peza serrada debe ter unha forma específica.
Unha árbore para cada peza
Os traballos comezan nos aproveitamentos forestais coa selección da materia prima, xa que non todas as árbores serven para este uso. De feito, para cada peza do barco é preciso unha árbore cunha curvatura específica, segundo o tipo de barcos (bateeiro, de marisqueo…). A elección e clasificación das árbores faise de xeito visual na finca forestal.
Un piñeiro vale para unha peza determinada do barco e outro pino destínase a outra peza diferente. “Cada peza debe ser unha forma diferente. Nesta parcela forestal de 40 pinos, soamente seleccionamos 12 como aptos para serrar pezas para barcos”, explica José María Suárez Tuñas, do serradoiro de Outes ‘Hijos de Vicente Suárez’.
A rolla de madeira trasládase ao serradoiro en transporte forestal específico para lonxitudes amplas. Segundo o tipo de embarcación, sérrase en diferentes diámetros: “Hai unhas pezas que son mais delgadas cun diámetro de 30-40 que son para o banzo do barco, e despois hai outras pezas máis voluminosas de 50-60 que son para montar os cintóns e baradero”, explica Suárez Túñas.
A forma de serrar sempre é a mesma, o que cambia son grosores das pezas porque “unhas van en 3-4 para obra morta, outra en 5 para o banzo e outras 10-12 para cintóns, baradero, cuerdas. Cada peza é específica segundo o que di o construtor”.
O ultimo paso é o secado, que neste caso non se realiza de xeito industrial, senón que deben ter un secado natural: “estas pezas deben ter 6-7 meses de secado natural antes de ir para a montaxe”, subliña o empresario.