Así subiu este ano o prezo das uvas en cada unha das denominacións galegas

Publicidade
Así subiu este ano o prezo das uvas en cada unha das denominacións galegas

Ademáis de Roberto García, na rolda de prensa participaron Manuel Ángel Dopazo, presidente da Sectorial Vitivinícola de Unións Agrarias; e Carlos Basalo, secretario xeral técnico da mesma.

A boa evolución das vendas dos viños galegos, coas adegas cos stocks case esgotados, e un mercado á alza permitiron que este ano subiran os prezos das uvas nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia.

Así consta nos datos achegados en rolda de prensa este xoves en Santiago polo sindicato Unións Agrarias, que reflicten unha suba dende o 7,7% do Ribeiro ata o 53% máis que se chegou a pagar pola uva albariño nas Rías Baixas en relación á vendima pasada.

“Non había remanentes nas adegas e, en liñas xerais, había unha necesidade de uva, o que levou que malia haber unha colleita histórica, con arredor de 73 millóns de quilos de uva, os prezos non foron á baixa, senón ao contrario”, destacou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Desta forma, a importante demanda e o temor das adegas a quedar sen suficiente uva, levou a unha suba xeneralizada dos prezos, que beneficiaron a uns 10.000 viticultores galegos, a metade deles na DO. Rías Baixas.

Precisamente foi nesta DO onde máis se encareceu a uva: pagouse entre un mínimo de 1,8 e un máximo de 2,3 euros o kilo, o que supón unha suba do 38 e do 52%, respectivamente, en relación ao 2020.

No resto das denominacións de orixe o prezo que se pagou polas uvas incrementouse, pero bastante menos, arredor dun 12%, tal e como se reflicte na seguinte táboa:

prezos uva 2021 unions

“Seguen sen cumprirse de forma xeneralizada os contratos no sector do viño”

A nota negativa desta vendima, segundo Unións Agrarias, é o imcumprimento xeneralizado por parte das adegas galegas da Lei de Cadea Alimentaria, que obriga a que antes da vendima, estean negociados e asinados cos viticultores os contratos de compravenda de uva, cos prezos que van cobrar.

“A excepción de Rías Baixas, onde este ano houbo un cumprimento alto, con arredor do 90% de contratos por escrito, debido á necesidade de uva por parte das adegas, no resto das denominacións de orixe seguiuse incumprindo a norma, con contratos meramente verbais, de forma que os viticultores entregan a uva á adega e non saben a que prezo van cobrala nin cando”, advertiu Roberto García.

Neste sentido, volveu defender unha vella reivindicación de Unións Agrarias: “As múltiples axudas que a Xunta lle dá ás adegas, así como o préstamo vendima, deberían estar vinculadas a que asinen contratos homologados cos viticultores”.

A partir do 2022 será obrigatorio asinar o contrato antes da vendima

Porén, Roberto García prevé que estes incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria por parte das adegas teñan os días contados cos cambios que se veñen de aprobar no Congreso á esa norma. En concreto, Roberto García destacou tres:

-Costes de produción: Á hora de calculalos haberá que ter en conta tamén a man de obra do titular ou titulares da explotación.

-Prohibición á distribución de vender a perdas.

-E sobre todo, que a partir da entrada en vigor desta lei, en tramite neste momento no Senado, os contratos das adegas cos viticultores non vai ser posible facelos con data a posteriori á vendima, senón que deberán estar rexistrados nunha instancia pública antes de iniciar a vendima.

“A negociación colectiva de prezos no sector do viño vai ser unha realidade para a próxima vendima”, pronosticou o secretario xeral de Unións Agrarias.

Ademáis de Roberto García, na rolda de prensa participaron Manuel Ángel Dopazo, presidente da Sectorial Vitivinícola de Unións Agrarias; e Carlos Basalo, secretario xeral técnico da mesma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información